V Festival de Maxia de Melide
“Trátase dun evento que concentra a numeroso público na nosa vila ao que se achegan persoas doutros concellos e incluso das cidades xa que contamos cun cartel ano tras ano que non deixa de sorprender, con magos de renome”, explica a alcaldesa Dalia García. “O ano pasado foron moitas as persoas que tiveron que quedar fóra da casa da cultura na gala final do domingo e este ano agardamos que coa apertura da segunda planta deste edificio poidan ter cabida todas aquelas persoas que se acheguen ata Melide a ver o espectáculo”, engadía a rexedora.
Pola súa banda, o melidense Dani Polo, actual Premio Nacional de Maxia, entre outros galardóns obtidos no presente ano, será o encargado de producir este V Festival de Maxia na nosa vila. Na presentación do evento, avanzaba que “nesta edición conservaremos actividades realizadas en anos anteriores pero tamén teremos novidades como os retos ou desafíos que propoñerá o mago Victor Cerro que se celebrará un na praza do Convento e outro no Cantón de San Roque e que non deixarán indiferente a ninguén”.
A entrada á casa da cultura para todos os espectáculos será totalmente gratuita e para poder acceder ao recinto tan só será necesario a recollida do ticket na billeteira deste edificio cunha hora de antelación.
Dez magos en Melide
Melide volverá a ser o centro da maxia na segunda fin de semana do mes de decembro. Víctor Cerro, Adrián Conde, Luigy Ludos, Pedro Bugarín, Martín Varela, el Gran Braulio, o mago Rafa, Migeul Ángel de Gea e o Dúo Kybalion serán os protagonistas do V Festival de Maxia da vila.
Maxia para todos
Durante toda a fin de semana moitos rincóns da vila serán obxeto de espectáculos de maxia. Haberá actividades na residencia da Terceira Idade, na casa da cultura, na praza do Convento, na zona histórica e no Cantón de San Roque.
Maxia solidaria
Dende a organización do Festival de Maxia quixeron tamén poñer o seu graniño de area para colaborar co banco de alimentos de Cáritas Melide, por iso solicitan a colaboración de todos os asistentes á Gala de Maxia Infantil que terá lugar o venres 8 ás 19h na casa da cultura accedendo ao recinto cun alimento non perecedoiro que se entregará ao equipo de Cáritas melidense.