O The Wild Fest chega á súa sexta edición afianzándose como un dos festivais máis singulares de Galicia. Ademais da actuación dunha ducia de bandas nacionais, o festival chama a atención por celebrar The Wild Cinema, un festival de cinema medioambiental que proxectará máis dunha vintena de curtas internacionais. O certame, que terá lugar do 30 de agosto ao 1 de setembro, celébrase no parque forestal de San Miguel de Oia (Vigo), unha contorna privilexiada coas illas Cíes como pano de fondo.
O rock é o protagonista do cartel e o ambiente tranquilo e familiar un dos seus grandes atractivos. Julián Maeso, Dakidarría, Moura e Moonshine Wagon serán o prato forte do certame na noite do sábado 31 de agosto. O encontro complétase con talleres, actividades e actuacións infantís e Orientaventura, unha xyncana de orientación polo monte, que esgota prazas en cada edición. Ao longo destes tres días tamén se poderá gozar de artesanía e da zona gastro.
O apartado musical complétase con concertos en horario vermú o sábado, con A Polémica Banda dos Bechuchos, e o domingo, con Mad Martin Trío. Ademais o festival revalida o seu apoio ás bandas galegas e emerxentes coa celebración da segunda edición do concurso de bandas Salvaxesons. O venres 30 de agosto celebrarase no festival a final do concurso, na que participan Sanny, Law, The Kelly Kelly’s, Superglú e The Broke. Un xurado decidirá o grupo gañador e outorgará un segundo e terceiro premio. Os tres primeiros recibirán 1.000, 400 e 200 euros, respectivamente.
As entradas están dispoñibles na web do festival cun prezo de 25 euros. A única xornada de pago é o sábado 31 de agosto, cando se celebrarán os concertos de Julián Maeso, Dakidarría, Moura e Moonshine Wagon, entre outros. Os nenos menores de 14 anos entran de forma gratuíta todos os días e non necesitan reservar a entrada.
Para as persoas que desexen pasar a noite, o festival habilita unha zona de descanso na que acampar por un custo extra de 5,00 euros por persoa. Como na pasada edición, tamén haberá unha área reservada para furgonetas, cun custo de 10,00 euros por vehículo.