O Concello das Pontes retoma a programación cultural, despois dun breve período de descanso no mes de agosto e setembro, cunha decena de actividades dirixidas a todos os públicos.
Así, o xoves, 14 de outubro, ás 18:00 horas, o salón de actos da Casa Dopeso acollerá o contacontos para crianzas, “O traxe novo do rei”. Por outra banda, o venres, 15 de outubro, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi, a compañía Elefante Elegante representará a obra “Dreaming Juliet”, un espectáculo inspirado na peza “Romeo e Xulieta” de W. Shakespeare no que se abordan as cuestións máis esenciais da existencia humana: O amor, a paixón, a familia e a maternidade.
Con motivo do Día das Bibliotecas, que se conmemora o 23 de outubro, desde a concellería de cultura elaborouse un programa que arrinca o mércores, 20 de outubro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa Dopeso coa conferencia “Apuntes sobre a Ilíada e a Odisea” na que Marcelino López Méndez charlará sobre as principais personaxes da Ilíada e a Odisea e do seu eco e pervivencia dentro do mundo da arte e da literatura.
Ao abeiro desta efeméride, o día 21 de outubro, está programado o conta contos “Dúas heroínas voando van” de Raquel Crespo, no salón de actos da Casa Dopeso, ás 18:00 horas. Ademais haberá, ás 20:30 horas, no mesmo lugar, un recital poético do Grupo Alalá.
Tamén, para conmemorar o Día das Bibliotecas, o día 22 de outubro, no salón de actos da Casa Dopeso, ás 18:00 horas, os nenos e nenas poderán asistir ao espectáculo “Cinema e Música”, no que se musicaliza en directo a película O moderno Sherlock Holmes de Buster Keaton. Finalmente, o día 23 de outubro, ás 12:00 horas, proxectarase, no salón de actos da Casa Dopeso o documental “Negro púrpura” de Illa Bufarda.