Noticias de Hoy
Cartel Orballo Cultural con horarios
Fecha: 10/07/2021 a 11/07/2021
Horario: 01:00 a 01:00

Orballo Cultural nas Pontes

A programación promovida polo departamento de Cultura para o mes de xullo comezará co Orballo Cultural, un ciclo de concertos de recoñecidos artistas galegos e nacionais, pero con oco tamén para a música local. Estes concertos celebraranse no Patio do Colexio Santa María os días 10 e 11 de xullo.

O concelleiro de Cultura, Vicente Roca manifesta que “con este festival realizamos unha aposta decidida polas novas propostas que están a xurdir tanto na escena musical galega como na nacional. Deste xeito, procuramos achegar a cultura ás xeracións máis mozas, facilitándolle unha ampla oferta de ocio”.

O Orballo Cultural pontés comezará o sábado 10 de xullo cunha sesión vermú ás 12.30 horas amenizada por Verto, o grupo sensación do panorama musical galego. Cos seus ritmos pop, trap e disco farán difícil non erguerse das cadeiras. Comezaron con Oie Gayego ou Rebolando x ti e tras o seu exitoso primeiro EP, Puro Ocio, estes dous rapaces están presentando o seu primeiro álbum Embora, que xa acumula milleiros de escoitas en Spotify.

Ese mesmo día, ás 21.30 horas, Ptazeta, autora de temas virais como Mami ou Trakata, dará o seu primeiro concerto en Galicia. Con tan só 22 anos, ábrese camiño no mundo da música urbana manifestándose a través de diferentes estilos musicais, pero sobre todo mediante o rap. A canaria xa conta cun disco de ouro e outro de platino, mentres que as súas reproducións sitúanse xa en máis de dous millóns de ouvintes mensuais na plataforma Spotify.

Cando este remate, será a quenda para que o pontés Manufa poña sobre o escenario música que define como aleatoria e variada. Este prometedor artista da nosa vila narra os feitos que acontecen arredor da súa vida con ritmos saltinvanquis e un estilo dificilmente clasificable en ningún xénero musical concreto. Esta será a primeira ocasión para velo en directo, logo de que o inicio da súa carreira musical se vira influenciado pola pandemia.

O domingo ás 12.30 horas serán Baiuca e a súa banda quen amenicen a xornada ca súa renovación da música tradicional galega. A recuperación destes ritmos, mediante a música electrónica de vangarda con estruturas pop.

Solpor, o seu primeiro álbum, converteu a Baiuca no referente da folktrónica. Agora, tres anos despois dese lanzamento, acaba de publicar Embruxo, un álbum no que se percorren as cantigas e os mitos da Galicia ancestral e que está chamado a convertelo nunha figura aínda máis global da escena electrónica.

As entradas para este festival poderanse adquirir a través da plataforma www.ticketentradas.com. A data de inicio para a súa posta a venda está suxeita ao coñecemento das novas medidas sanitarias. O Concello informará a través das súas canles habituais de comunicación a data do comezo desta venda.

Con todo, adiantamos xa o prezo das mesmas. Para o concerto de Verto, o custo de cada entrada será de 5 euros. Tanto para o concerto de  Ptazeta e Manufa, como para o de Baiuca, o prezo de cada tícket será de 10 euros. Cada persoa poderá adquirir un máximo de catro entradas.