Roberto Sobrado grupo presenta o seu novo traballo: Proletarios do rock 'n' roll, en Santiago de Compostela.
Curtido musicalmente no Fonte Sequelo de Compostela, o ourensán Roberto Sobrado madurou na Cavern de Liverpool, berce, entre outros, dos Beatles. Anos despois volveu a Galicia para darlle forma a unha banda que, dende entón, sempre o acompaña e fai medrar a súa música. Tras máis de vinte anos facendo cancións e despois de contar xa con cinco discos de estudo, agora úneselle a eles o seu útlimo traballo, “Proletarios do rock 'n' roll”
Roberto Sobrado grupo volve así ao minimalismo do rock de furgoneta e ensaios nos garaxes cun traballo máis roqueiro, máis social, e con estilo máis de cantautor da formación. “Proletarios do rock 'n' roll” é un disco que contará con sete temas propios novos e, por primeira vez, cinco versións adaptadas e personalísimas onde se debulla todo o imaxinario persoal e colectivo desta banda con case 20 anos de historia.
Cunha banda renovada na sección rítmica e onde o saxo e a voz cobran máis protagonismo ca nunca, a formación presentarase ante o seu público con Germán Da Ponte ao saxos, Roberto Sobrado ao telecaster e voz, EUxenio á batería e coros e Nuno Pico no baixo eléctrico e coros.
Concerto de presentación e entradas
O concerto de presentación do proxecto terá lugar este sábado 14 de abril ás 21h30 no Dadó Dadá de Santiago de Compostela. As entradas xerais terán un prezo de 5 € ou 10 € no caso de que se merque entrada máis disco. No caso de estudantes, parados e xubilados, a entrada custará 3 €, e 6 € cando se merque tamén o disco. Todos aqueles interesados e interesadas en asistir xa poden reservar a súa escribindo a robertosobrado.info@gmail.com.