Noticias de Hoy
nadal 17
Localidad: A Coruña
Fecha: 05/12/2017 a 05/01/2018

Programación Navidad 2017 de A Coruña

Programación Navidad 2017 de A Coruña.

¡DESCARGA TODA LA PROGRAMACIÓN PINCHANDO AQUÍ!

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e o titular de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presidente do Consorcio de Turismo, presentaron hoxe, en rolda de prensa, a programación específica do Concello para as festividades do Nadal. Os edís destacaron que a oferta deste ano caracterízase "por un aumento da actividade lúdica e cultural dentro da programación, así como unha descentralización maior, con actividades en todos os barrios e unha forte aposta pola seguridade e pola inclusión das diversidades, de forma que, realmente, esteamos a falar dunhas festas accesibles para todos e todas que, ademais, están marcadas por unha perspectiva metropolitana".

Lema indicou que, se ben a Praza de María Pita conta xa dende o inicio do mes coas súas actividades de Nadal dirixidas especialmente aos e ás máis cativas e impulsadas pola área de Emprego (actuacións musicais e de teatro no iglú, atraccións, carrusel, visitas de Papa Noel, ou a Casa dos Xoguetes para o fomento da reutilización e a economía circular) tamén está previsto que o vindeiro venres, 15 de decembro, se proceda á inauguración do tradicional Belén Municipal, que este ano terá como novas figuras a Marcela e Elisa "debido á aposta do goberno local pola visibilización e os dereitos das diversidades". Poderá visitarse até o próximo 6 de xaneiro. O horario, até o 4 de xaneiro, será de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00, a excepción dos días 24, 25, 31 e 1, que estará pechado. O 5 de xaneiro o horario de apertura será de 12.00 a 14.00 horas, mentres que o 6 de xaneiro será de 17.00 a 21.00 horas. O concelleiro indicou que as atraccións na Praza de María Pita tamén serven para fomentar o comercio de proximidade xa que é nel no que se pode conseguir entradas gratuítas para acceder ás mesmas.

Pola súa banda, Sande recordou que estas festas, "nas que tamén se busca a excelencia e se recupera a música tradicional desta época" contarán, entre outras actividades, co encontro organizado no centro municipal Ágora para o próximo 20 de decembro do XIX Encontro de Música de Nadal de Panxoliñas. "Un evento, por certo, que está promocionado dende a área de Xustiza Social, ao igual que os Campacoles, os campamentos para nenos e nenos que se desenvolven nos períodos non lectivos, como o Nadal, para fomentar a conciliación, ou os campamentos urbanos dos centros cívicos", recordou Sande, quen salientou "a transversalidade da programación atinxe a distintas áreas de goberno".

Música de Arraigo

"Decembro tamén é un mes no que tratamos de agrupar as actuacións musicais de arraigo de distintas corais e asociacións culturais da cidade. En concreto, o Pazo de María Pita acollerá dende o 16 ao 30 de decembro actividades do Certame de Arraigo de Nadal, así como os tradicionais Pasarrúas de Nadal, que comezarán o día 15 até final de mes, comentou o responsable municipal de Culturas.

Por outro lado, e por terceiro ano consecutivo, o venres 29 de decembro, o Pazo de María Pita abrirá as súas portas a toda a veciñanza para realizar unha recepción oficial de Nadal que terá lugar ás 13.00 horas. Está prevista a actuación da aula de jazz da Escola Municipal de Música.

Á programación se incrementará coas actuacións programadas no Pazo da Ópera, como o XXIV Certamen Navideño da Federación Provincial de Asociacións de Pais de Alumnos (FAPA), que terá lugar o 14 de decembro, ás 20.30 horas; o VIII Concerto de Nadal Padre Rubinos, que se celebrará á mesma hora o 20 de decembro, e a Gala Clausura do XXVII "Encontro de música navideña Cidade da Coruña", que terá lugar o día 23, tamén ás 20.30 horas.

Fin de Ano en María Pita e San Silvestre

No que atinxe ás actividades da programación de Nadal impulsadas pola área de Turismo, destaca, como novidade, a celebración das badaladas de Fin de Ano, a noite do 31 de decembro. Segundo indicou Lema, "detectamos que existe, dende hai uns anos, unha afluencia turística na noite do 31 que vén, fundamentalmente, do norte de Portugal, onde estamos a levar a cabo campañas de promoción". Por iso, está previsto que a partir das 00.10 horas a Praza de María Pita acolla a actuación do grupo Le Suit Band co espectáculo The History of Music. As actividades, non obstante, comezarán xa as 23.30 horas e o monologuista Víctor Grande actuará como mestre de cerimonias.

A xerente de Turismo, Lanzada Calatayud, tamén presente na rolda de prensa, destacou o atractivo turístico que está a gañar a cidade como destino de ocio en Nadal nos últimos anos polo que, en colaboración con Deportes, esperan que a Carreira de San Silvestre, que se celebra o último día do ano, "ser converta tamén nun reclamo". Sande salientou, ao fío, "que se trata da última proba deportiva do ano", na que neste momento xa hai 2.000 persoas inscritas. "Habitualmente, existe tamén unha gran cantidade de visitantes que participan nesta carreira, polo que cremos que é posible chegar ás 4.000 participantes", salientou Calatayud.

Cabalgata

Por outro lado, o edil de Culturas quixo destacar a celebración da Cabalgata de Reis, que terá lugar o 5 de decembro e que este ano se caracterizará por primar a accesibilidade e a seguridade, tanto de público como de participantes.

Nesta edición, a comitiva partirá desde a Praza de Pablo Iglesias, cun itinerario que a levará a polo Castrillón e a Avenida da Concordia cara á rúa Oleoduto, Avenida de Monelos, Pérez Ardá, Fernández Latorre, Catro Camiños, Costa da Palloza, Linares Rivas, Cantóns e A Mariña, ata a Praza de María Pita, cunha parada previa ao inicio do percorrido na pérgola do parque de Eirís, ás 17.00 horas, onde as súas maxestades recibirán aos nenos e ás nenas da cidade que queiran participar nesta primeira recepción.

O operativo verá ademais reforzada a seguridade este ano, cun notable incremento do persoal de monitorado que coidará do transcurso do evento, un equipo que estará conformado por un total de 101 profesionais --unha persoa encargada da coordinación xeral, 11 máis para a coordinación de grupos, 32 monitores e monitoras para as carrozas, 41 máis a pé e 16 para os trens que formarán parte da comitiva--, 42 máis que o ano anterior. Ademais, e segundo salienta o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, o goberno local aposta por incrementar nesta edición a seguridade e accesibilidade do espectáculo, e para iso, habilitará ao longo do traxecto catro zonas acoutadas e adaptadas para persoas con diversidade funcional ou sensorial ou con mobilidade reducida, para facilitar que todo o mundo poida participar na cabalgata de maneira cómoda e sen incidencias.

Co mesmo obxectivo, a concellería editará un decálogo de consellos de seguridade para menores e persoas adultas --que se darán 10.000 exemplares xunto co programa de festas que se empezará a repartir nos próximos días--, para evitar situacións de risco nun evento que congrega cada ano nas rúas da cidade a milleiros de persoas, "tanto veciñas e veciños da Coruña como xente chegada de fóra para ver o espectáculo". A temática da cabalgata xirará este ano arredor do 'Nadal, tempo de paz', cunha mensaxe sobre a convivencia pacífica e a harmonía colectiva neste tempo festivo, a través dunha comitiva que estará conformada por 6 carrozas e 4 trens, e na que participarán 11 compañías de artes escénicas, a metade delas, intenacionais. Durante o seu transcurso repartiranse un total de 6 toneladas de caramelos, que serán aptos para o consumo de persoas celíacas.

Seguridade na Cabalgata

Sande destacou tamén "o esforzo do goberno local" para que esta sexa unha celebración especialmente segura e accesible. "En primeiro lugar, poñemos por escrito este decálogo de actuacións que favorecen a seguridade, pero tamén a estamos incrementando de xeito especial, non só co incremento do persoal de apoio e as zonas específicas para persoas con necesidades especiais, senón que tamén habilitaremos catro postos base de primeiros auxilios, dotados de catro sanitarios cada un, ademais de cinco ambulancias (fronte ao ano pasado cando eran 3) dúas delas medicalizadas. O servizo de seguridade do Concello está nestes momentos a ultimar o Plan de Autoprotección específico deste evento.

Sande tamén salientou que "este ano, de novo, as persoas que participen como figurantes na Cabalgata poderán apuntarse e serán elixidas por sorteo, non como noutras ocasións". De xeito paralelo, e na liña aberta o ano pasado polo goberno local, "seguiremos contando cos colectivo sociais da cidade para outorgarlles un lugar privilexiado na Cabalgata, en colaboración coa Concellería de Igualdade, coa que tamén estamos a traballar para habilitar un espazo de lactancia para facilitar a conciliación das asistentes á Cabalgata".

[gallery ids="22947,22950,22948"]


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635