Primavera Jazz 2019 en Santiago de Compostela.
A música jazz volve a Santiago cun festival no que participarán un total de 15 artistas, entre os días 8 e 12 de maio. Trátase do Primavera Jazz, un proxecto impulsado dende o Concello que conta coa colaboración da Asociación Veciñal Raigame, do Ensanche, e da Asociación Cultural Cidade Vella. E é que unha das características deste ciclo é que aposta por programar tanto na améndoa histórica como na zona nova de Compostela.
Para a Cidade Vella, "é moi satisfactorio poder participar nun proxecto compartido, que permite pensar en Compostela unindo sensibilidades e formas diversas de entender a cidade". Ánxeles Porto tamén salientou o vínculo de Santiago co jazz, "un estilo que palpita nas nosas rúas dende hai trinta anos, cun centro, a Escola Estudio, da que saíron músicos e músicas de gran nivel, e con público cultivado neste xénero".
PROGRAMA COMPLETO
Zona Vella
O Primavera Jazz arrancará na zona vella. O groso das actuacións na cidade histórica serán na praza da Quintana. Alí tocarán David Regueiro Trío e Xacobe Martínez Antelo Trío o 9 de maio; e Da Silva, Salgueiro, Pazos Trío, Pablo Castaño Quartet e Simón García Quartet, o 10 de maio.
Haberá tamén concertos en espazos pechados como o Pub Borriquita de Belem, onde se abrirá o ciclo coa actuación de Manuel Gutiérrez Trío o 8 de maio; e a Casa das Crechas, con Marcos Pin Trío e Nancy Rodríguez o 10 de maio, e Sumrrá o 12 e maio.
Ensanche
Os días 11 e 12 de maio, o Primavera Jazz trasládase ao Ensanche, coa praza Roxa como epicentro do ciclo. Por aí pasarán The Swinging Flamingos, Abe Rábade e Alejandro Vargas Trío o día 11 de maio, no que tamén está prevista a actuación de Paulo Silva Trío no Bar Galopín.
Ao día seguinte, no 12 de maio, na praza Roxa tocarán Transversal Art Ensenble e Valentín Caamaño Quartet. Antes, o día 9, haberá unha pequena incursión do festival na zona nova, coa actuación de Pablo Sax Trío no Rock Café.
Coincidindo co ciclo Primavera Jazz, o 11 de maio celebrarase tamén o Desfile de Primavera do Ensanche. Será na praza Roxa, a partir das 12:00 horas, coa participación de 25 establecementos comerciais da zona nova. O acto estará presentado pola xornalista Belén Xestal.