Noticias de Hoy
implicate
Fecha: 14/01/2018
Horario: 20:30

Festival Solidario Implícate 2018 de Santiago de Compostela

Festival Solidario Implícate 2018 de Santiago de Compostela.

A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou este mércores a décimo terceira edición do festival Implícate. Noite de música e palabra solidaria, desenvolvido pola ONGd Implicadas no Desenvolvemento. Xunto á concelleira estiveron María Reimóndez, fundadora da ONGd; a poeta Yolanda Castaño, que conducirá o festival xunto ao xornalista Mon Santiso; a escritora Verónica Martínez Delgado e o artista teatral e monologuista Isi, ambos os dous tamén participantes na gala. O festival celebrarse o domingo 14 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. As entradas, a un prezo de 12 euros, pódense mercar en entradas.abanca.com ou na billeteira do Teatro Principal.

Concha Fernández mostrouse "particularmente contenta" por dar a coñecer este evento, unha cita solidaria xa habitual nos comezos de ano en Compostela, da man dunha entidade, Implicadas no Desenvolvemento, que neste 2018 cumpre 20 anos. A concelleira lembrou que os fondos recadados irán destinados aos proxectos que a ONGd ten en marcha en lugares como o Sur da India ou África, "sempre coas mulleres como protagonistas e coa mirada nun desenvolvemento sostible e ético".

Tal como lembrou María Reimóndez, o domingo 14 haberá no Principal "unha noite dedicada á música e á palabra solidaria, co obxectivo de mobilizar conciencias dende a arte e solidariedade". Recordando a traxectoria de 20 anos da ONGd, a escritora incidiu no traballo realizado "dende unha perspectiva de xustiza e de entendemento da pobreza e do desenvolvemento como unha situación política". Neste marco, o recadado no festival irá a catro áreas da India nas que Implicadas porá en marcha un programa contra o infanticidio feminino que xa foi probado con éxito noutras zonas do sur do país asiático.

Pola súa parte, Yolanda Castaño referiuse ao festival Implícate como a demostración de que "a cultura e a arte son ferramentas de cambio social". Ela foi a encargada de detallar unha gala que contará coa participación de músicos como Mounqup, Sonia Lebedynski ou Atrás Tigre, co grupo de danza Xacarandaina, con poetas como Alicia Fernández, Verónica Martínez Delgado, Ismael Ramos ou Suso de Toro e xentes do teatro como Isi e Marta Iglesias.

Tamén interveu na rolda de prensa Verónica Martínez, unha das autoras participantes na parte literaria do festival, quen cualificou coma un privilexio "poder dar voz ás mulleres que están invisibilizadas e, ademais, porque o traballo que fan dende Implicadas no Desenvolvemento merece a pena apoialo". Finalmente, o actor e monologuista Isi animou a todos e todas a participar na gala, mercando as entradas e contribuíndo así a "cambiar as cousas".

20 anos de cooperación ao desenvolvemento crítica e feminista
Implicadas fundouse en 1998 como unha organización crítica e feminista de cooperación ao desenvolvemento que basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como alicerce para o desenvolvemento humano perdurable.

A súa misión é traballar a prol da erradicación da pobreza nas comunidades máis afectadas por ela, máis en concreto no colectivo das mulleres, a través da eliminación das estruturas de opresión Norte-Sur e de xénero, e da contribución a unha vida digna para todas as persoas, nun exercicio de corresponsabilidade entre Galicia e as sociedades civís do Sur. Unha gran parte destos proxectos fináncianse coas aportacións das socias e coas actividades organizadas polas voluntarias activistas da ONGd.

Actualmente, Implicadas leva a cabo dous proxectos na India: un en Salem para erradicar o infanticidio e para contribuir a un cambio nos patróns de xénero que faga inadmisible toda forma de violencia contra as mulleres, e outro en Tiruchy, onde se traballa con grupos de axuda mutua que sirven de apoio ás mulleres e para mellorar a súa autoestima e as súas capacidades de acción política para loitar contra a discriminación que sofren nunha orde social na que non poden exercer os seus dereitos. Durante o 2017 tamén retomou o traballo en Etiopía, en colaboración coa entidade Menoria.

Ademáis dos proxetos levados a cabo na India, Implicadas fai diferentes actividades en Galicia para dar a coñecer o seu traballo e para sensibilizar das desigualdades Norte-Sur e de xénero: exposicións itinerantes, publicacións, actividades formativas, cursos, congresos…

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635