Noticias de Hoy
fiot carballo
Fecha: 28/09/2023 a 31/10/2023
Horario: 01:00

Festival Internacional Outono de Teatro

A nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, o certame escénico de referencia da Costa da Morte e do outono en Galicia, festexará a súa 32ª edición entre os días 28 de setembro e 31 de outubro, cun programa rico e diverso que se estenderá ao longo dun mes de funcións e actividades de mediación para todos os públicos, da man de grandes figuras ou compañías da escena actual como Vicky Luengo, Ariadna Gil, Andrés Lima, Paco Bezerra, Pepe Viyuela, Javier Gutiérrez, Kulunka Teatro, Cándido Pazó, Diego Anido o Redrum Teatro, entre moitas outras.

O FIOT preséntase un ano máis como unha cita escénica que leva a singularidade no seu ADN, facendo gala da súa vontade de crecemento e de continúa evolución e mellora, en consonancia coa atención e o coidado dos seus públicos diversos. A cita consolídase como un proxecto con proxección e de futuro, que aposta pola calidade escénica e que, ano tras ano,conta coa complicidade do público, con máis de 10.000 espectadores e espectadoras na súa pasada edición. O FIOT é unha cita pioneira que este 2023 cumpre 32 anos tras ser recoñecido pola Fundación Contemporánea como a iniciativa cultural máis destacada de Galicia en 2022.

O leitmotiv do FIOT este 2023 será a loita contra a intransixencia. Ese ‘INTRANSIXENTES’ plasmado no cartel do festival -asinado pola ilustradora carballesa Laura Tova- fala da identidade do FIOT, da súa inquietude, transixencia, transformación, xenerosidade, cambio, respecto, afectos, coidados, empatía, tolerancia, diálogo, inclusión e defensa da diversidade persoal e cultural. Un abrazo colectivo protagoniza este cartel do #FIOT32 como mostra de afecto, apoio, felicidade, unidade, colaboración, solidariedade e superación, con xentes diversas en conexión, coidándose e arroupándose nun xesto de respecto e amor. 

PROGRAMACIÓN DO FIOT 2023

O programa da 32ª edición do FIOT dará boa conta da identidade do festival: a súa aposta polas voces singulares e únicas; o seu gusto pola autenticidade e o compromiso social; a apertura a propostas de xéneros e linguaxes diversas -teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos...-; a busca da calidade; e a vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional. O FIOT quere ser, ante todo, un lugar de encontro, que avoga polas artes escénicas inclusivas e sustentables; por un teatro vital, comprometido e conectado coa realidade e as xentes. O programa contará con todas as liñas habituais que conforman cada ano o festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de actividades paralelas como exposicións, as gravacións de OndaFIOT, a celebración de xornadas profesionais, etc.

Neste 2023, destacan nomes fundamentais da escena española e internacional, como Vicky Luengo, Suzie Miller, Ariadna Gil, Javier Gutiérrez, Luis Bermejo, Andrés Lima, Pepón Nieto, Paco Bezerra, Pepe Viyuela, Jean Philippe Kikolas, Alberto Conejero, Xavier Bobés, Kulunka Teatro, Telmo Irureta, Anna Maria Ricart, Guillem Albà, Wilbur, Fernando Soto, Maribel Salas, Aitziber Garmendia...; mais tamén nomes clave das artes escénicas galegas: Cándido Pazó, Contraproduccións, Redrum Teatro, Diego Anido, Quico Cadaval, Roi Borallas, Antón Coucheiro, Soledad Felloza, Caxoto, etc.

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abrirá o seu Programa de Sala coa estrea absoluta de Apaga o candil, espectáculo coproducido polo FIOT e Contraproducións. Cun pé no humor e outro na emoción, Candido Pazó, un dos dramaturgos galegos máis prestixiosos, narrador e admirador de Carlos Díaz O Xestal, achéganos á figura do singular contador de contos.

Esta iniciativa do FIOT é un proxecto longamente acariñado, xa que consideramos obriga propia reivindicar a figura deste carballés de adopción, pioneiro dun xénero escénico do que somos abandeirados: a narración oral. Os contos humorísticos do Xestal están arraigados na tradición rural e visibilizan os problemas sociais desde a sátira, converténdoo nunha querida figura da cultura popular galega dos últimos anos.

Neste ano que o Concello de Carballo declarou Ano do Xestal, coa implicación da institución municipal, o FIOT impulsa esta achega en forma de obra dramática coa vocación de realizar unha contribución que o poña en valor para as artes escénicas de Galicia. Apaga o candil poderá verse o venres 6 (21.00h) e o sábado 7 de outubro (20.30h) no Pazo da Cultura de Carballo e contará con interpretación en lingua de signos. A preestrea do espectáculo terá lugar no marco do FIOTeen, co alumnado de secundaria, o mércores 4.

O venres 13 de outubro, ás 21.00h, toma o relevo do Programa de Sala no Pazo da Cultura de Carballo outra querida compañía galega, Redrum Teatro, cunha nova estrea absoluta: O pequeno poni. A obra, asinada por Paco Bezerra, un dos referentes da dramaturxia española contemporánea, expón o conflito social do acoso escolar. Redrum Teatro, formación comprometida con creadores de visión arriscada e coas preocupacións sociais, estrea no FIOT a versión galega deste impactante e sobrecolledor texto que nos convida á reflexión sobre a liberdade, o medo, o instinto de protección, a ineptitude e os prexuízos sociais dos adultos.

Da man de Camiño Escena Norte, chega ao FIOT Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa, peza gañadora do Premio Max 2023 á mellor labor de produción, que aterrará no Pazo da Cultura o sábado 14 de outubro, ás 20.30h. Un xornalista con parálise cerebral e unha vendedora de caramelos sumida en contradicións explicarán sen complexo as súas vivencias afectivo-sexuais para demostrar que cada un de nós, coa súa parálise particular, temos diferentes medos, soños e ilusións. Sexpiertos está protagonizada por Aitziber Garmendia e Telmo Irureta, gañador do Premio Goya ao mellor actor revelación 2023 e coautor do texto.

A corrupción política e a corrupción da alma son os ingredientes de El traje, unha comedia negra de Juan Cavestany que fala dos anhelos e das miserias humanas, levando ao público por un túnel de terror e de risa, da man de dous grandes actores: Luis Bermejo e o galego e multipremiado Javier Gutiérrez, que botan un pulso cheo de tensión, suspense e humor delirante sobre como a voracidade do sistema nos converte en depredadores. A estrea no Programa de Sala do FIOT, no Pazo da Cultura, será o domingo 15 de outubro, ás 20.30h.

Pola súa banda, a prestixiosa compañía Kulunka Teatro regresa ao FIOT -onde xa presentou as súas pezas André y Dorine e Solitudes- para estrear en Galicia a súa nova creación, Forever, unha coprodución co Centro Dramático Nacional, que reflicte con humor, ironía e emoción as contradiccións do amor. Esta fermosa e profunda traxicomedia fai gala do virtuosismo de Kulunka coa linguaxe das máscaras, para abordar temas como a maternidade, a educación, a discapacidade, a sexualidade ou a violencia. Forever chegará ao Pazo da Cultura de Carballo o sábado 21 de outubro, ás 20.30h.

Tras acaparar todas as portadas do inicio da nova tempada teatral madrileña este setembro, acadando o aplauso unánime do público e da crítica, o multipremiado texto de Suzie Miller Prima Facie chegará este outono ao FIOT de Carballo, onde se poderá ver o domingo 22 de outubro, no Pazo da Cultura, ás 20.30h. Vertixinoso, intelixente, divertido e conmovedor, Prima Facie convídanos a reflexionar sobre o problema da violencia contra as mulleres na nosa sociedade. O prestixioso director peruano Juan Carlos Fisher adapta o texto de Miller na súa estrea mundial en español, despois do seu grande éxito en Londres e Broadway, mentres que unha hipnótica Vicky Luengo é a protagonista absoluta da obra.

O venres 27 de outubro, ás 21.00h, o Pazo da Cultura de Carballo poderá gozar con El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca. A peza -finalista á mellor dirección de escena nos Premios Max 2023- é froito do primeiro encontro do destacado dramaturgo Alberto Conejero e do director, autor e intérprete Xavier Bobés, referente do teatro de obxectos en España. Coas palabras xustas, documentos, textos, imaxes e obxectos que cobran vida, os creadores reconstrúen con intensidade poética a historia dun mestre fusilado, poñendo no centro a escola, o poder transformador da educación.

Hay alguien en el bosque é unha impactante e brillante creación escénica de teatro documental, con cámaras en directo e un fermoso universo sonoro, que visualiza a traxedia e recupera a memoria das violacións de mulleres e nenas como un arma de guerra no conflito de Bosnia e Herzegovina. O espectáculo, con dramaturxia de Anna Maria Ricart, a partir do libro da escritora croata S. Drakulic, presentarase no FIOT o domingo 29 de outubro, no Pazo da Cultura, ás 20.30h. Sete intérpretes en escena, encabezadas pola popular actriz Ariadna Gil, póñenlle voz desde unha perspectiva actual aos testemuños das mulleres e os fillos entrevistados e á súa dor.

A obra de Shakespeare La comedia de los errores será a encargada de clausurar o Programa de Sala deste 32º FIOT o martes 31 de outubro, ás 20.30h. O laureado director Andrés Lima presenta esta divertida versión libre da comedia do bardo, á súa vez baseada nun texto de Plauto, construíndo un vertixinoso xogo teatral co que, entre risa e risa, convidará ao público a poñerse no lugar do outro e a cuestionar os límites difusos entre o verdadeiro e o falso. A peza está protagonizada, entre outros, polos televisivos Pepón Nieto e Antonio Pagudo.