Noticias de Hoy
respira
Fecha: 21/03/2018 a 24/03/2018

Festival de Poesia en Santiago de Compostela: Alguén que RESPIRA! 2018

Festival de Poesia en Santiago de Compostela: Alguén que RESPIRA! 2018.

Do 21 ao 24 de marzo, o Teatro Principal acolle un completo programa con nomes como María Xosé Queizán, Andrew McMillan, Olvido García Valdés, Olga Novo, Salvador García Bodaño, Raquel Lima, Esther Carrodeguas, María Sevilla, Alba María, Vítor Moreira, Silvia Penas, Isaac Xubín, Oriana Méndez, Lupe Gómez, Luísa Castro, Xabier Xil Xardón, Javier Peñafiel, Ana Vallés, Clara Gayo, Estíbaliz Espinosa ou Niño de Elche.

Santiago de Compostela consolídase no centro da poesía en Galicia con Alguén que RESPIRA!, primeira edición do Festival de Poesía para Corpo Principal que organiza o Concello compostelán coa colaboración da Secretaría xeral de Política Lingüística. Serán catro días dun programa, intenso, que reúne a algunhas das voces máis singulares e importantes da poesía galega e internacional, desde María Xosé Queizán a Olvido García Valdés, pasando por Andrew McMillan, Raquel Lima, Estíbaliz Espinosa, Olga Novo ou Niño de Elche, creador revolucionario do cante flamenco que traerá a Compostela o seu impactante espectáculo poético, exhibido só de forma esporádica.

O festival inaugúrase o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, coa lectura do manifesto que este ano se lle encargou a María Xosé Queizán; e prolongarase ata o sábado 24 con recitais, conferencias, diálogos e proxeccións, todos eles desenvolvidos en distintos espazos do Teatro Principal, o emblemático e histórico escenario da cidade. O mesmo día 21, ás doce do mediodía, unha salva de foguetes celebrará tanto a xornada como o inicio do programa, que nesta primeira edición ten dous temas centrais: a oralidade na base do impulso poético e os procesos de creación lírica nos territorios en conflito bélico, con especial atención aos refuxiados.

O primeiro dos recitais terá lugar ás oito da tarde do día 21, coa intervención de Andrew
McMillan, Olga Novo, Olvido García Valdés, Salvador García Bodaño, María Sevilla e
María Xosé Queizán. As actividades da segunda xornada, o xoves 22, comezarán ás cinco
da tarde cun café-diálogo no que participan Andrew McMillan e Olvido García Valdés
acompañados por Isaac Xubín (tradutor de McMillan) e Ana Romaní. A partir das sete da
tarde terá lugar o recital Catro graos de abertura, título que fai referencia aos catro graos de
abertura das vocais en galego e que, nun programa dobre, inclúe dous enfrontamentos de
regueifa [Alba María con Queco Díaz e Lupe Blanco con Suso de Xornes] e un torneo de
slam, coa participación dos mellores slamers que actualmente traballan en Galicia e Portugal: Duke Sam, Nuria Vil, Oriana Méndez, Carlos da Aira, Esther Carrodeguas, Raquel
Lima e Vítor Hugo Moreira. O torneo, con acompañamento musical de Velpister, estará
presentado por Silvia Penas. Para pechar a xornada, a partir das dez da noite, o recital Poesía
no fío ofreceralle aos espectadores a proposta nos lindeiros poéticos que formulan,
conxuntamente por encargo do festival, Clara Gayo, Carlos Santiago e Zé Paredes.

O venres 23 divídese en tres apartados, que abranguen desde a poesía performática á
videopoesía. Ás seis e media da tarde, o festival propón no recital Atravesei a verxa un
percorrido por insólitos espazos do Teatro Principal a través das voces de Isaac Xubín, Luísa
Castro, Xabier Xil Xardón e Javier Peñafiel. Os espectadores [serán grupos reducidos e
cumprirá reservar previamente] non só se adentrarán en liñas de recitación personalísimas
senón que tamén descubrirán ámbitos do teatro con acceso restrinxido, como o fallado, as
terrazas ou os camerinos.

A partir das oito da tarde, dese mesmo 23 de marzo, celebrarase unha sesión centrada na
Escrita en conflito, título que reúne o testemuño directo de Miguel-Anxo Murado sobre a
Literatura nos espazos de conflito bélico, e o recital do refuxiado sirio Mohamad Frias
Alshaheen e o saharauí Bahia Mahmud Awah, presentado por Iván Prado, responsable da
organización Pallasos en Rebeldía. A xornada pecharase a partir das nove e media da noite
coa proxección de varios videopoemas de Miriam Reyes, Estela Pan, Cintaadhesiva e Celia
Parra.

O sábado 24, o festival clausúrase cun recital ás dez da noite, presentado por Ana Romaní, no
que participan Estíbaliz Espinosa, Ana Vallés con Nuria Sotelo e Lupe Gómez, ademais
de Niño de Elche.

Un libro exepcional para un festival único

Con motivo da celebración do festival, a Concellería de Cultura da cidade e a secretaría de Política Lingüística editaron un libro co programa completo do ciclo e as achegas poéticas de cada un dos participantes. O libro, deseñado por Manolo Martínez, presenta, xunto a un pequeno perfil biográfico, importantes novidades literarias, xa que nel aparecen os avaces dos novos poemas de Olga Novo, as primeiras traducións ao galego de Andrew McMillan – realizadas por Isaac Xubín–, ou de Mohamad Firas, ademais de textos inéditos de Luísa Castro, Xil Xardón, Silvia Penas e Oriana Méndez, ou os primeiros poemas en galego de Miriam Reyes. Inclúese, así mesmo, o Manifesto que o festival lle encargou a María Xosé Queizán. Deste xeito, o propio programa de Alguén que RESPIRA! convértese en por si nunha publicación de indubidable valor literario que acrecenta a transcendencia dun festival sen precedentes en Galicia.

Tres producións propias para incentivar a creación

Alguén que RESPIRA! non só intenta ser un expositor de tendencias ou un lugar de encontro para afeccionados e afeccionadas á poesía, senón que ademais fai unha aposta por incentivar experiencias que, habitualmente, non teñen un especial apoio. Ese é obxectivo do programa de producións, xestionadas desde o festival con distintos creadores para ampliar o horizonte poético e proporcionar porosidades onde conflúan dimensión creativas interdisciplinares. Este ano, as propostas de produción foron para un espectáculo de Ana Vallés sobre a poesía de Lupe Gómez, outro de Clara Gayo, Carlos Santiago e Zé Paredes, e por último un videopoema de Miriam Reyes, o primeiro en galego desta autora nacida en Ourense que, porén, desenvolveu a súa actividade sempre fóra de Galicia.

Manifesto do Día Mundial do Teatro [María Xosé Queizán]
Con motivo da celebración do festival, a organización encargoulle a María Xosé Queizán o
Manifesto do Día Mundial do Teatro, que será lido no Teatro Principal o mércores 21 a partir
das oito da tarde.

“Un mexillón na boca fai circular o Atlántico polas veas,
ese océano vital que estremece os baixíos de Fisterra
configurando espazo, tempo e xente.
Furioso mar detido por esgrevias illas e rudas pedras,
sosega na lámina das rías.
Non se vexan alteradas criaturas bivalvas abrazadas
nas rochas, ocultas na area, bebendo o mar.
Abren os labios de vulva vibrante sorbendo nas ondas
como a amiga que agarda ilusionada o amor
na beiramar.

O amor será algo máis que saudade?

Se vistes o meu amigo, ondas do mar de Vigo,
E verrá cedo?
Vir, veñen as amigas cómplices dos soños
e no sagrado de Vigo bailaba corpo belido.
Será a pluma de Martín Codax quen recolla tanta beleza.
No lusco e fusco, unha cantiga lle corre polas veas
cantando na harmoniosa lingua galega
arrolada polo Atlántico, polo Miño e máis de mil ríos
lambendo salgueiros, amieiros e carballos, do verde confín,
no Findasol.

Lingua que traballara o latín dos devanceiros, século a século
con xeito, fonema a fonema,
para entregarlla perfecta aos poetas medievais.
Xorden nas súas bocas fermosas Cantigas
de amigo, de amor e de escarnho e maldicer,
onde se irá formando o humor e a retranca de noso.

A poesía galega brilla, espléndida
nos mosteiros, castelos e na voz dos trobadores.
Tan unida está á composición poética que alanca
polas veas ibéricas e gustarán cantar en galego
na época medieval.

Lingua que levarán a África, Asia, América e Oceanía
intrépidos navegantes por incertos mares,
en nome de Portugal.
Afonso Enríquez sae altivo do castelo de Guimaráns
e só mira par o Sur.
No norte a odiada tía Urraca non quixo chamarse Pega.
O fillo Afonso Reimundez foi rei un intre.
Pouco lles durou o poder.

Mentres medra en ultramar, mesturada con sons indíxenas,
a lingua galega no seu berce perderá o creto,
o ser para si, e para os outros.
Cando o poder absolutista domina noutra lingua,
o galego, castelanizado, devén verbas desprezadas
sons sen valor, buracos baixo cetros penetrantes.

Fascinación do poder, arma que non está nas mans dos poderosos! Outra lingua subindo
polas veas de labregas e
mariñeiros, como virus mortal e sedutor,
narciso repoludo que Galicia idealizaba.
Sancionouse a violación.

Quen, onde, como se habían gardar os tesouros poéticos
Sen centros políticos e culturais?
En Galicia perderon a memoria.
As cantigas. Ulas?
Ninguén escribe en galego nos escuros séculos vindeiros.

Unha onda romántica rumia nas veas de poetas rebeldes.
buscan sons harmoniosos no océano popular.

Rosalía, Pondal e Curros
fachendosos de seren os primeiros en cantar
unhas verbas de ferro, que Pondal faría de ouro
ou o que lle proía a Rosalía pola banda de Laiño.

Ignoran as cantigas medievais que agora nos asombran
e visitan, cruzando o atlántico..
Carentes de modelos escriben noutra lingua
palabras que o pobo analfabeto teimou en conservar.

Máis tarde descubríronse os Cancioneiros medievais.
Cunqueiro, Bouza Brey ou Álvarez Blazquez deron en imitar
as estruturas, mais
hélàs
na mesma fonética e ortografía estranxeira,
na que seguimos a escribir e a traballar.
Madía leva.

Unha ditadura volveu negar os sons de noso
Escribe en cristián!, ordenaron. Menos mal que
o ateísmo agatuñaba nas veas poéticas.

Rosalía, milagre do s.XIX, impulsa azos
e as mulleres entran no Parnaso.
Van na nave da Festa da Palabra Silenciada a toda vela
e todas navegar.
Estilos, xéneros e sexos variados
Innovacións, textos orixinais.
Hoxe non nos han calar.

O pasado arraiga na poesía.
Un vento de futuro nos empuxa a crear.
Poetas alcemos as copas metafóricas
para brindar no esplendoroso 2018.
Viva a poesía!”

A organización
O festival está organizado desde a Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Concelleira de Acción Cultural
Branca Novoneyra
Teatro Principal
Xesús Amado Reino, Montserrat Cillero, Ana Rello
Comunicación
Míriam Louzao (618 948 576) e Silvia Roca

FICHA ARTÍSTICA
Dirección do festival
Antón Lopo
Gráfica e imaxe do festival
ELemental/ Manuel Martínez
Escenografía e iluminación
Baltasar Patiño
Produción
Cecilia Carballido
Consello asesor
Silvia Penas, Ana Romaní, Isaac Xubín, Raúl Lago, Iván Prado e Alba María.
Teléfonos de contacto
Cecilia Carballido (676 865 908), Alexandre Fernández (Publicidade: 622 194 994), Antón Lopo (630 964 148), Manuel Martínez (696 997 424), Baltasar Patiño (657 905 130)

Os participantes

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN [Vigo, 1939]
Cando en 1991 publica Metáfora da metáfora, o seu primeiro poemario, María Xosé Queizán ten 52 anos, pero iso non impediu que os seus versos irrompesen no panorama literario galego cunha forza xuvenil, case reveladora doutro xeito de enfrontarse á poesía e á palabra. títulos posteriores como Espertar das amantes, Fóra de min ou Cólera confirmaron esta vocación rupturista, se ben a poeta se vai expoñendo cada vez máis, con maior nudez. Narradora, ensaísta, teórica e líder do feminismo, dramaturga e activista en publicacións emblemáticas como Festa da Palabra Silenciada, María Xosé Queizán é a encargada de abrir esta primeira edición do Respira! coa lectura do Manifesto do día Mundial da Poesía.

ANDREW MCMILLAN [South Yorkshire, 1988]
Andrew McMillan asaltou os lectores británicos no ano 2015 co seu impactante Physical, que se converteu no primeiro poemario en gañar o premio ao mellor libro de debut concedido polo xornal The Gardian. Physical tamén conseguiu o galardón Fenton Aldeburgh, o Somerset Maugham, o Eric gregory e o northern writers. Physical foi o libro recomendado pola Poetry Book Society para o outono de 2015. A súa segunda publicación, Playtime, sairá publicada no presente ano 2018. Esta é a primeira vez que os seus versos se traducen ao galego, un traballo do que é responsable Isaac Xubín.

OLGA NOVO [Vilarmao, Pobra do Brollón, 1975]
A voz poderosa e telúrica de Olga Novo deixou para a historia da literatura galega textos clave como A teta sobre o sol (1996) ou Nós nus (1997), que marcaron de xeito decisivo a poesía dos anos noventa. A eles seguiron A cousa vermella (2004), Cráter (2011) e, xunto a Alexandra Domínguez e Xoán Abeleira, o libro de artista Magnalia (2001). Alumna de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, cos que logo colaboraría en varios proxectos, doutorouse coa tese O soño dunha Armórica galaica. Imaxes da Bretaña na literatura galega contemporánea (2017).

OLVIDO GARCÍA-VALDÉS [Santianes de Pravia, Asturias, 1950]
Olvido García Valdés escribe versos dunha beleza quebradiza, como se o seu alento cruzase a escuridade. Tradutora e ensaísta ademais de poeta, García Valdés foi Premio Nacional de Poesía con Y todos estábamos vivos (Tusquets, Barcelona, 2006, 2007). En Esa polilla que delante de mí revolotea. Poesía reunida (1982-2008) (Galaxia Gutenberg, Barcelona, 2008, 2016) recóllese a súa obra poética entre esas datas. Posteriormente publicou Lo solo del ani- mal (Tusquets, Barcelona, 2012). Entre os seus ensaios, figura Teresa de Jesús. Traduciu ao castelán a Pasolini, Anna Ajmátova e Marina Tsvetáieva.

SALVADOR GARCÍA BODAÑO [Teis, Vigo, 1935]
Salvador García Bodaño é recoñecido como unha das figuras máis singulares e anovadoras pertencentes ao nexo iniciador da histórica Xeración das Festas Minervais. De produción moi reflexiva e espazada nas publicacións, Bodaño reside dende a posguerra en Compostela, onde veu desenvolvendo unha fecunda actividade cultural, política e literaria. De feito, está considerado o poeta da cidade, á que lle dedicou o seu libro máis famoso, Tempo de Compostela (1978).

MARÍA SEVILLA [Badalona, 1990]
María Sevilla medrou no periférico e na diagonal, como a búfala. Medrou escoitando grunge, punk, thrash e descubrindo a calor da literatura. Fixo a súa tese sobre Mercè Marçal. O seu primeiro poemario é de 2015, Dents de polpa (AdiA Edicions), ao que seguiu (2017) Kalàixnikov (Món de llibres). A súa poesía xurde en directo cos dentes, coa saliva e o padal, subversiva e radicalmente estrambótica.

ALBA MARÍA [Las Palmas de gran Canaria, 1995]
Cantora, compositora e improvisadora oral galega. Con 18 anos gaña o I Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, a raíz do cal ve a luz o seu primeiro disco: Aínda (2014). Desde os 13 anos mergúllase no mundo da música popular galega, desenvolvendo unha intensa actividade, eminentemente no eido da regueifa, con mestres improvisadores como Josiño da Teixeira, Pinto de Herbón, Luís O Caruncho ou o decimero cubano Alexis Díaz-Pimienta. Colabora co proxecto Regueifesta na introdución da regueifa no ámbito educativo. Arredor da oralidade publica Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo (2017), o primeiro monográfico centrado na investigación sobre a regueifa de Bergantiños.

QUECO DÍAZ (Vigo, 1987)
Desde a adolescencia, Queco Díaz comeza a participar en proxectos de rock e blues en Vigo. Neste período destaca na calidade de membro fundador de grupos como Dr. Bourbon ou The Ramblin’ Kids. Despois dunha etapa marcada polo rock clásico, entra de cheo na práctica do blues, onde chega a acompañar en diversas ocasións como guitarrista ao bluesman británico Edy Evans.

LUPE BLANCO [Coristanco, 1980]
Lupe Blanco, bisneta de Blanco de Muiñoseco, é unha das últimas incorporacións ao mundo da regueifa. Tamén é pandereteira e ten unha tonada moi característica ao vello xeito de Bergantiños. No 2017, debutou no certame internacional de regueifas en Valadares.

SUSO DE XORNES [Xornes, 1959]
Jesús Lema García é coñecido como Suso de Xornes. Comezou na regueifa aos 18 anos, cantando con Calviño, Celestino e o seu tío Mandián. Naqueles tempos, as regueifas eran de catro cantadores por parellas, unha hora cada unha. Empezábase ás seis da tarde e acabábase ás dúas ou as tres da maña. Non existía xurado: decidía o publico. Ao longo dos anos e coincidindo coa desaparición dos maiores e a falta de cultivo entre a xente nova, pasouse a cantar unha soa parella, cinguíndose as actuacións a xuntanzas de asociacións culturais e veciñais. Dun tempo a esta parte, subliña Suso de Xornes, volvese actuar en casamentos, que son historicamente a orixe da regueifa.

SILVIA PENAS [Vigo, 1980]
Silvia Penas é unha das grandes dinamizadoras do slam en Galicia. Entre o 2014 e o 2016 encargouse da organización e dos cursos de Slam (spoken word) do Centro de interpretación da Oralidade de Vigo do Concello de Vigo. Como poeta, publicou Biografía da multitude (xunto a Elvira Riveiro), As uñas crecen (2014) ou Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores, (2015). Co músico Jesús Andrés Tejada formou o grupo Cintaadhesiva.

DUKE SAM [O Porriño, 1981]
Duke Sam é un dos artistas máis prolíficos e activos rapeiros do panorama galego, con traxectoria que se move polos videoclips e as actuacións constantes. Nas súas letras, destaca a acidez e o sarcasmo das críticas, dun marcado carácter social e reivindicativo. Participa en diversos eventos como speaker, locutor, freestyler e mesmo de monologista.

NURIA VIL [San Andrés de Comesaña, 1993]
Detrás de moitos nomes artísticos está Nuria Vilán Prado, especializada en literatura de vangarda e oralidade. Participou na creación do espectáculo de poesía oral Dúas gamberras e un micro e do colectivo de intervención escénica de danza e poesía grupo F. tamén foi presidenta de «trabalingua», asociación universitaria de normalización lingüística. Desde hai varios anos convive nun proxecto de fotopoesía canda Ramsés Rodríguez Silva no que a imaxe e a palabra van da man.

ORIANA MÉNDEZ [vigo, 1984]
Oriana Méndez deuse a coñecer con Derradeiras conversas co capitán Kraft (2007), libro asombroso ao que seguirían dous títulos xa de culto na poesía galega, Cero (2011) e O que precede a caída é branco (2015). Forma parte, entre outras, das escolmas 13. Antoloxía da poesía galega próxima, publicación bilingüe galego-castelán editada por Chan da Pólvora e Papeles Mínimos. Colabora tamén en proxectos colectivos de acción cultural, coma o extinto centro sociocultural Bou Eva, en Vigo, e en compilacións de ensaio divulgativo coma Bolxeviques 1917-2017 (coordinado por Teresa Moure, Edicións Xerais, 2017).

CARLOS DA AIRA [Elgoibar, 1972]
Carlos da Aires está vinculado ao activismo poético de Galicia desde Nanín (Allariz), a aldea dos seus pais. Coordina Poemagosto. Festival Internacional de Poesía en Allariz e o Ponme un Poema. Roteiro poético pola vila de Allariz. Forma parte do colectivo poético Comando Esbardalle. É un do nomes máis admirados do slam en Galicia.

ESTHER CARRODEGUAS [Rianxo, 1979]
Esther F. Carrodeguas é escritora, actriz e directora teatral, xornalista e técnica audiovisual. Desde o ano 2006 dedícase ao teatro e á creación propia. Membro xunto con Xavier Castiñeira e Ozkar Galán da compañía Butacazero (onde pendula entre actriz e dramaturga). Dirixe e traballa como dramaturga dende o ano 2010 no Cadro Artístico Airiños, compañía de teatro en activo máis antiga de toda Galicia. Activista cultural especialmente na súa vila natal e arredores, xestiona dende o ano 2012 recitais poéticos de slam ou macrorecitais.

VÍTOR HUGO MOREIRA [Porto, 1983]
VÍtor Hugo Moreira involucrouse en varias noites de poesía na cidade do Porto e caeu preso de paixón polo verso, recitado ou escrito, pero sobre todo pola palabra, na súa composición interna. Creou, dinamizou, formou e viviu en diversos proxectos de Poesía, englobando a música, a danza e o deseño. ten cinco libros editados, catro no campo da poesía. Tamén se dedica ao teatro.

RAQUEL LIMA [Lisboa, 1983]
Raquel Lima licenciouse en Estudos Artísticos, o cal lle permitiu ter desde hai anos un contacto estreito coa escena, en especial a francesa. Escribe poesía e é activista do movemento Poetry Slam. Participou en varios eventos con especial énfase na palabra dita (spokenword), poetry slam e tradición oral. No Festival Silêncio gañou a terceira edición do Poetry Slam Portugal (2011). A aproximación da súa poesía á música reflíctese nas súas numerosas colaboracións con distintos músicos músicos, como Tsjinlûd, MpexPhado, os lisbon Poetry Orchestra ou David Menezes.

VELPISTER [Barcelona, 1970]
Velpister é o verdadeiro nome de quen en realidade se chama Jens Peter Jensen Silva. Denomínase un artista cosmodisciplinar: pianista, improvisador, compositor, pintor, escultor, poeta e escenógrafo. Ata o momento ten tres libros de poesía publicados: transeúntes del olvido, estado de bienestar/naturaleza muerta, e mis poemas de amor apestan. Poemas de amociclotímicos para una novia que tuve. Editou así mesmo dous discos: cola para genocidio e ancestral. é tamén creador do «musicoplastidrama», xénero teatral no que mestura en escena todas as actividades que practica: música en directo de piano, declamación de relatos e poemas, vídeo proxección das súas pinturas e debuxos así como a escenografía.

CLARA GAYO [Vigo, 1971]
Clara Gayo traballa no fío dunha escrita onde se funde a voz dramática co pouso da poesía e a esencia da performance. No 2009, foi seleccionada polos Encontros en Magalia co seu texto Agorafobia. Parálise sobre o medo, editado posteriormente na Redenasa. En 2010, Estaleiro Editora publica Movidas e Razóns de peso, ao tempo que escribe A mirada de Pier para Nut Teatro. Con Evasión logrou no 2015 o galardón do Xurado da IX edición do Premio de teatro Radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega. Dirixe e escribe para FarandOleiras Cabaré desde o ano 2009. Alén do seu traballo como actriz e dramaturga, ten traballos fotográficos e audiovisuais, algúns publicados en internet (https://claragayo.carbonmade.com/).

ZÉ PAREDES [Guimarães, 1972]
Aínda que naceu en Portugal e desenvolveu parte do seu traballo alí (formou parte do elenco fixo do Teatro de Noroeste de Viana do Castelo), foi en Galicia onde Zé Paredes se consolidou como unha voz de singular vizoso nos escenarios. Tras traballar en varias compañías, no 2008 estrea con Mónica Camaño a primeira produción da compañía Teatro Nu, na que segue a traballar. En 2011 foi finalista do Premio diario Cultural de Teatro Radiofónico co peza Quendas e xunto con Xosé Manuel Pacho recibiu o Premio Rafael Dieste de literatura dramática no ano 2013 coa peza Teatro, xeitos de cargar unha arma. Desde 2012 asumiu a dirección artística do Teatro do Pichel en Compostela e do teatro Mar Aberto en Cangas, ambas compañías de amadores.

CARLOS SANTIAGO [Compostela, 1966]
Carlos Santiago é escritor, poeta, dramaturgo e monologuista, vinculado ao grupo de activistas que xurdiron na Sala nasa nos noventa. Foi cantante e letrista de bandas como Nicho Varullo ou a Psicofónica de Conxo. É autor do poemario Metalurxia (Positivas, 1966) e de diversos espectáculos de poesía portátil como Testículos (2004), Desacordos Ortográficos (2007) ou As Cinzas de Pasolini (2014). O seu traballo como director escénico e dramaturgo desenvólvese tanto en Galicia como en Portugal.

LUÍSA CASTRO [Foz, 1966]
En 1988, Luísa Castro publica Baleas e baleas –o seu primeiro libro en galego– e aqueles versos provocadores e punxentes non deixaron indiferente a ninguén. Desde entón, ese libro é un dos títulos de culto para moitas das poetas do país. Previamente, gañara o Premio Hiperión co libro en castelán Los versos del eunuco e, posteriormente, desenvolvería unha fecunda traxectoria tanto na poesía –Los hábitos del artillero gañou o Premio Juan Carlos I– e na narrativa, con títulos como El Somier, La fiebre amarilla ou La segunda mujer. Con frecuencia nos seus libros os poemas en castelán alternan con poemas en galego. Actualmente vive e traballa en Burdeos, onde dirixe o instituto Cervantes da cidade francesa.

ISAAC XUBÍN [A Coruña, 1978]
Poeta, narrador, tradutor e recitador de presenza impactante, Isaac Xubín publicou obras de relato curto –Château Bobcat e Le pied de Julien DuPuy, e a novela Non hai outro camiño (Xerais, 2017), pola que recibiu o Premio da Crítica. Como poeta ten publicado Con gume de folla húmida (XXIV edición do lorenzo Baleirón) e A cadencia da fractura (V edición do Lueiro Rey). Elaborou un dicionario bilingüe galego-éuscaro e foi lector de lingua e cultura galegas na Universidade Nacional de Irlanda (University College Cork). Publicou traducións entre as que destacan Sete poetas vascos e Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia, polos que gañou os premios de tradución Lois Tobío (2013) e Etxepare (2015) respectivamente. Na actualidade escribe a súa tese de doutoramento, un estudo sobre as relacións entre literatura e gastronomía.

XABIER XIL XARDÓN [Morgade, Xinzo de Limia, 1983]
Xabier Xil Xardón publicou en 2009 Cando menos a derrota, libro gañador do premio Eusebio Lorenzo Baleirón, onde exhibe un discurso singular, tamén desde o punto de vista léxico, sobre a identidade e a perda do territorio. Alén deste poemario, é autor dunha obra máis extensa e diversa até o momento inédita. Formou parte do colectivo Redes Escarlata, Poetas da Hostia e Tristecentos versos. Na actualidade integra, con Miriam Rodríguez e Pablo Kaufman, o proxecto de creación videopoética Fiinda. «Todo o que fica en pé é / xa só ruína», escribe en Cando menos a derrota. Edicións Positivas publicará esta primavera o seu novo libro, Detéxtonos.

JAVIER PEÑAFIEL [Zaragoza, 1964]
Javier Peñafiel percorre coa súa obra un camiño que bordea a propia a arte, a performance, a poesía e o teatro. Poucos artistas como el optan por unha obra tan porosa. Os seus traballos adoitan ser proxectos de longa duración –como Latido antecedente (2009-2013)– pero tamén produce e edita pezas puntuais ou escribe obras teatrais para vídeo, como Tragedia de las corporaciones. Ignorancia (2000), Voz contraria (2009) e Palacio polifonía (2010). Desde 2010, céntrase nos Confedramas, propostas híbridas de voz e texto, co vídeo como un dispositivo parateatral.

MIGUEL-ANXO MURADO [Lugo, 1965]
Miguel-Anxo Murado é autor dunha nutrida obra, que consiste en novelas, libros de relatos (Ruído, O soño da febre), poesía (Lapidario, Bestiario dos descontentos), teatro, ensaio (Outra idea de Galicia) e a memoria autobiográfica Fin de século en Palestina, onde relata os anos que pasou como correspondente en Oriente Medio. A súa obra foi galardoada, entre outros, co Pedrón de Honra, o Premio da Crítica galega ou o Premio Losada Diéguez.

MOHAMAD FIRAS ALSHAHEEN [Kuwait, 1955]
Mohamad Firas Alshaheen naceu en Kuwait pero é de nacionalidade siria. Desde o ano 2017 reside en España tras unha estadía na Alemaña, onde chegou fuxindo da guerra do seu país. Licenciouse en dirección audiovisual e traballou durante anos no circuíto árabe, desde Exipto a Xordania. Actualmente, é unha das voces que loitan por visibilizar o conflito sirio a través da poesía.

BAHIA MAHMUD AWAH [Gleibat Ihiyak, Sáhara, 1960]
Os primeiros anos da vida de Bahia Mahmud Awah transcorreron entre pastores nas chairas do Tiris. Aí, asegura, fraguouse o triángulo do neno que era entón, cos seus vértices en Alxer, A habana e Madrid. Empezou a escribir aos 25 anos, no exilio, alentado, segundo as súas palabras, pola inxustiza cometida contra a identidade do seu pobo e polo amor á terra natal. Entre as súas publicacións, figuran Versus refuxiados (2007), publicado pola universidade de Alcalá de Henares.

MIRIAM REYES [Ourense, 1974]
Poeta e videocreadora. Aos oito anos emigrou cos seus pais a Caracas, onde pasou boa parte da súa vida. Publicou Espejo negro (DVD, 2001), Bella durmiente (Hiperión, 2004), Desalojos (hiperión, 2008), Yo, interior, cuerpo (Antología poética) (Argentina, 2013), Haz lo que te digo (Bartleby, 2015) e Prensado en frío (Malasangre, 2016). Actualmente prepara os seus primeiros poemas en galego. Editou e traduciu a antoloxía de poesía galega Punto de ebullición (FCE, 2015). Desde o ano 2001 experimenta coa escritura audiovisual e o recital multimedia. Mantén a páxina de escrita colectiva www.prensandonosenfrio.com

ESTELA PAN [A Coruña, 1980]
Estela Pan e unha das máis singulares representantes en Galicia da videopoesía. Despois de estudar en Estados unidos e México, desenvolve unha traxectoria centrada tanto na imaxe como na escrita. Entre as súas obras figuran Onte (2015) ou Cabalos salvaxes transparentes na noite (2018).

CELIA PARRA [Ourense, 1990]
Celia Parra é poeta e produtora audiovisual, ámbito no que produciu Versogramas, documental sobre videopoesía internacional dirixido por Belén Montero e Juan Lesta. Como poeta, publicou No berce das mareas e participou en antoloxías como 13. Antoloxía da poesía galega próxima (Chan da Pólvora / Papeles Mínimos) e No seu despregar (Apiario). Especialízase en videopoesía como creadora e docente.

ESTÍBALIZ ESPINOSA [A Coruña, 1974]
Estíbaliz Espinosa é escritora e músico. Publicou varios libros de poemas, algúns deles co enfoque da cultura única que hibrida ciencia e humanidades (–orama, número e, Zoommm.Textos biónicos, Papel a punto de). Os últimos son Curiosidade (Aira, 2017) e As neuronas irmás (Premio Afundación-Pen Club). Traduciu á poeta iraní-estadounidense Sholeh wolpé e fragmentos de Carl Sagan. Escribe para a Orquestra Sinfónica de Galicia e ten colaborado como autora e tradutora co Planetario da Coruña. Como músico desenvolve unha actividade de cantante (mezzosoprano). É astrónoma afeccionada: interésalle a constelación que une tecnoloxía, ciencia, linguaxe e maternidade. www.estibalizespinosa.com

ANA VALLÉS
Ana vallés revolveu a dramaturxia galega nas últimas décadas cun teatro de corte posdramático que lle deu a ela e ao seu grupo, Matarile, renome internacional. Durante anos dirixiu xunto a Baltasar Patiño o Teatro Galán en Compostela e o célebre festival de danza En pé de pedra. Entre as súas últimas obras figuran, Staying Alive (2013) ou Antes de la metralla (2017). O traballo que presenta en Respira! –por encargo do propio festival– é o seu primeiro achegamento á poesía como cerna dun espectáculo.

LUPE GÓMEZ [Fisteus, 1972]
Lupe Gómez revelouse a mediados dos anos noventa con Pornografía, un libro que rompeu os corsés líricos e abriu unha exploración onde o sexo e a mística falan a mesma lingua. Desde entón, con títulos como Fisteus era un mundo ou O útero dos cabalos, a súa paixón literaria expandiuse a través de xéneros, soportes e idiomas, ata ser unha das autoras máis traducidas e admiradas do país. Periodista de profesión, crítica teatral, dramaturga persoalísima e recitadora de forza tectónica, Lupe Gómez é desde hai algún tempo lectora litúrxica da catedral compostelá. O seu último poemario, Camuflaxe (Chan da Pólvora Editora, 2017) converteuse nun dos grandes éxitos da poesía galega recente.

NIÑO DE ELCHE [Elche, 1985]
Francisco Contreras Molina é desde hai uns anos Niño de Elche, unha das figuras máis controvertidas, provocadoras e carismáticas do flamenco actual. El, con todo, prefire encadrarse nun movemento ecléctico, unha especie de posflamenco. Convulsionou o panorama con Voces del Extremo, un disco ao seguiron libros como No comparto los postres, que o revelou como un poeta de profundidades abisais nas raíces familiares. Recentemente, acaba de publicar Antología del cante flamenco heterodoxo, un álbum onde a música e a poesía se funden para indagar nas fontes esenciais do cante.