Festa do Banquete 2019 en Santiago de Compostela. Conxo 2019.
A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou hoxe a programación completa da Festa do Banquete, que terá lugar no barrio de Conxo os días 3, 4 e 5 de maio. Dous serán os espazos fundamentais onde se desenvolvan as actividades: a carballeira de Conxo e a praza de Aurelio Aguirre.
A principal novidade radica na ampliación da festa ao venres 3 de maio, que comezará ás 11 da mañá coa celebración do "Pequeno Banquete", unha representación teatral co alumnado do Quiroga Palacios e o grupo teatral Os Quinquilláns, que virá acompañada da gravación dun videoclip musical co alumnado do CEIP Plurilingüe Pepe Xan Baña de Santa Comba. Máis de 500 nenos e nenas terán a oportunidade de confraternizar e aprender máis sobre aquel 2 de marzo de 1856. Marta Lois sinalou que "esta acción vén acompañada da elaboración dunha unidade didáctica sobre este evento, orientada fundamentalmente a nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Primaria".
Xa pola tarde levarase a cabo, a partir das 18:00 horas, unha xincana xuvenil polos sendeiros do Sar, organizada polo Club Mozo de Conxo e a Asociación Xuvenil Ítaca. As 19:00 e ás 21:00 horas será o momento dos cantares de Conxo, primeiro cun obradoiro de cantos de taberna, no Centro Cívico do barrio, e logo cos propios cantos de taberna nos bares de Conxo: Taberna do Psiquiátrico, Pulpería Fuentes, Bar O Caimán, Bar A Chara, Bar-Restaurante A Pajueleira, Bar Piñón, Bar Noya, Bar Os Mallos, Bar Orpheus e Bar Marló.
O sábado 4 continúan as actividades, cun roteiro botánico e histórico polo Bosque do Banquete de Conxo guiado polo biólogo Martín Souto e polo escritor e editor Henrique Alvarellos. Será a partir das 11:30 horas. Pola tarde, a partir das 17:00 horas, o Centro Cívico de Conxo acolle unha mesa redonda sobre o movemento veciñal en Santiago, con Lois Ferradás (Castiñeiriño), Mercedes Vázquez (San Pedro), Cruz Vázquez (Ferusa) e Adri Pérez (rúa de Baixo).
Xa cara ás 19:00 horas, a Coral do Psiquiátrico de Conxo, a Coral de Amigos do Castiñeiriño e o Coro de Habaneras Rocha Forte ofrecerán un concerto na escalinata do Hospital Psiquiátrico, xusto antes de que a praza de Aurelio Aguirre acolla a Festa da Poesía, conducida por Carlos Meixide e coa participación de Alba María, Flow do Toxo, Berta Dávila, Os Tres Pés e Oriana Méndez.
[gallery columns="2" ids="16493,16494"]
Gran Festa na Carballeira
O día grande da Festa do Banquete é, como o ano pasado, o domingo 3 de maio, unha xornada que comezará ás 11 da mañá co desfile de obreiros e artesáns dende a praza do Toural a Conxo, para asistir ao pregón – ás 12:45 horas- a cargo de dúas veciñas de Conxo e do Castiñeiriño. Ao finalizar o pregón, as persoas asistentes á festa baixarán cara á carballeira onde, previamente á gran comida de confraternización, haberá unha sesión vermú a cargo de Caxade e unha recreación teatral da man de Os Quinquilláns.
Tamén, ao igual que o ano pasado, haberá postos de comida e bebida na zona da carballeira, aínda que é recomendable levar os alimentos da casa. "Grazas á Asociación de Hostalería -explicou Marta Lois- entregararanse arredor de 800 racións de cabra, cuxos tickets se poderán recoller no Centro Cívico de Conxo a partir do 29 de abril". A festa continúa pola tarde, a partir das 17:00 horas, co Serán da Fraternidade, unha foliada de música tradicional cos Muiñeiros do Sarela e Os Fondaos do Pífaro. Ás 19:30 h será a despedida da Festa do Banquete 2019 e o convite á seguinte edición. Haberá discursos de veciñas e veciños dos barrios de Santa Marta - Choupana, Pontepedriña, Castiñeiriño e Conxo.
Todo isto virá acompañado dun mercado do libro e da artesanía, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas o sábado e con peche ás 20:30 horas o domingo. Un mercado con concertos, actividades e sinatura de libros. Terá lugar na praza de Aurelio Aguirre. Ademais, a Festa do Banquete será o primeiro evento que seguirá a guía de eventos sustentables, de tal maneira que se fomentará a reciclaxe coa colocación de contedores de recollida selectiva e haberá ecovasos e materiais reutilizables.
Accións previas
Marta Lois lembrou que este venres e sábado haberá tres representacións máis de Os Quinquilláns para "abrir boca de cara ao vindeiro fin de semana". A primeira será mañá, ás 19:00 horas, no barrio de Santa Marta; a segunda, o sábado ás 12:30 horas, no Mercado de Abastos, e a última ás 18:00 horas no parque Eugenio Granell. Tamén haberá dúas xornadas máis de degustación de cabra, mañá ás 20:30 horas na Bodeguilla de Santa Marta e o venres 3 de maio, ás 14:00 horas, na Galiciana.