Encontro Galego de Ilustración 2016 en Santiago de Compostela.
A Asociación Galega de Profesionais da ilustración (AGPI) celebra este sábado, día 29 de outubro, no CGAC (Rúa de Valle-Inclán 2, Santiago de Compostela) o XIII Encontro Galego de Ilustración, un evento de referencia para os creadores gráficos e para os profesionais da ilustración do país, que este ano estará protagonizado polo madrileño Ignacio Maroto Bambinomonkey —que compartirá as súas experiencias como deseñador de personaxes para o mercado internacional da animación e da publicidade— e polo mindoniense Xosé Vizoso —un dos deseñadores máis representativos de Sargadelos, que fará un percorrido pola súa traxectoria como ilustrador, cartelista e deseñador; o Museo Provincial de Lugo acolle actualmente unha exposición retrospectiva dos seus carteis—. A asistencia a ambas as dúas charlas, a partir das 11:00 da mañá, é libre e gratuíta.
Desde 2004, a AGPI celebra o último sábado de outubro en Compostela o Encontro Galego de Ilustración, un evento que convida todos o anos a destacados ilustradores e ilustradoras galegos e estatais a amosar o seu traballo e a reflexionar sobre o presente e o futuro da ilustración. O Encontro quere, ademais de reunir a comunidade galega do sector, dar visibilidade á ilustración como importante activo da cultura, da creación e da comunicación contemporánea. Segundo asegura a AGPI: «a ilustración galega ten cada vez máis recoñecemento e proxección internacional», aínda que «hai moito traballo que facer para que o sector acade ese mesmo recoñecemento profesional e cultural no propio país». Para conseguilo, «é imprescindible artellar liñas de traballo en común, potenciar o asociacionismo e fomentar as boas prácticas profesionais».
Entre os proxectos recentes da AGPI para apoiar a profesión destaca a Guía Ninja do Ilustrador, un «manual de supervivencia» para creativos freelance que se pode descargar gratuitamente na web guianinjadoilustrador.org e que superou as 10.000 descargas en apenas dous meses. No Encontro poderán adquirirse exemplares en papel da Guía Ninja e outras publicacións útiles para o profesionais e estudantes de ilustración.
PROGRAMA
MAÑÁ. Actos de portas abertas. AUDITORIO DO CGAC. Rúa de Valle Inclán 2
11:00 RECEPCIÓN
11:10 PRESENTACIÓN OFICIAL DO ENCONTRO
11:20 MAROTO [Animación/Publicidade] Charla que profundizará na traxectoria e traballo do autor, cunha breve sesión de pintura dixital en directo.
12:40 Descanso
13:00 XOSÉ VIZOSO [Produto/Cartel/Editorial] Retrospectiva da súa obra a través dun coloquio co autor.
14:15 FOTOMATÓN. Foto grupal dos asistentes ao Encontro da man de Óscar Villán (Parque de Bonaval).
TARDE. Actos exclusivos para socios da AGPI
14:30 XANTAR DE CONFRATERNIZACIÓN (con inscrición previa) RESTAURANTE O AFIADOR, rúa de San Pedro, 28
17:00 ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS DA AGPI. AUDITORIO DO CGAC. Rúa de Valle Inclán 2
19:00 FINALIZACIÓN DA ASEMBLEA