Concierto de Vertixe Sonara Ensemble, en Santiago de Compostela.
Vertixe Sonora Ensemble
Pablo Coello
David Durán
Diego Ventoso
Ángel Faraldo
Saxofón, piano, obxectos sonoros, vídeo, electrónica en vivo
Desde a súa aparición en 2010, Vertixe Sonora Ensemble converteuse nun auténtico revulsivo da sociedade española. A súa permanente estrea de obras novas permite que Galicia participe da creación sonora internacional cun protagonismo activo e desafiante. Un referente insubstituíble para a última xeración internacional de compositores que atopa nas súas producións a oportunidade de desenvolver propostas musicais cunha perspectiva global e en permanente estado de convulsión, na procura da excelencia artística. Integrada por artistas sonoros e destacados solistas de música contemporánea, Vertixe Sonora Ensemble mantén unha constante interlocución con artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza. A partir dunha consciencia da multiplicidade no achegamento ao sonoro, establece un constante diálogo e interacción co pensamento, coa ciencia, coa tecnoloxía e con outras formas artísticas desde unha óp- tica cosmopolita, integradora e transcultural, para favorecer un espazo aberto á reflexión, á discusión e ao intercambio no campo da música contemporánea, que non renuncia nin ao rigor, nin á transgresión, nin ao espírito de vangarda. Tamén integra o Instituto Galego de Sonoloxía, unha plataforma para investigar a experimentación sonora con novos medios.
Vertixe Sonora desenvolve unha programación diversificada que dinamiza o ecosistema cultural europeo, favorecendo o intercambio e a cohesión a través da música do noso tempo. O ciclo Música e Arte: Correspondencias Sonoras (CGAC) e sonUTopías (campUSCulturae, da Universidade de Santiago de Compostela), o Festival Internacional de Creación Musical Contemporáneo Vertixe Sonora en Vigo ou o ciclo MIHLsons, na cidade de Lugo, son algunhas das achegas que están a renovar os públicos de música en Galicia. O compromiso por divulgar a música do noso tempo e ampliar o seu público lévaos a organizar os cursos de divulgación musical Aguzar o Oído (MARCO, Vigo), os Encontros Internacionais de Música Contemporánea - cAuSaL, obradoiros de composición e charlas abertas...
O seu labor foi recollido no documental Correspondencias sonoras (2013), do cineasta Manuel del Río.