O músico Xurxo Fernandes presentará o venres 9 de abril ao vivo no Teatro Rosalía Castro o seu novo traballo discográfico, Levaino!. O creador de proxectos de referencia nas músicas de raíz, como Radio Cos ou Jako el Muzikante, dará a coñecer a ducia de temas que conforman este novo disco, no que o artista aúna, por vez primeira, as principais vertentes da súa creación e presenta unha sorprendente visión sobre as músicas de creación colectiva.
Xurxo Fernandes - Levaino!
A cita terá lugar a partir das 20.00 horas no recinto cultural coruñés, que vén de colocar o cartel de entradas esgotadas para a ocasión. O TRC acollerá un singular espectáculo no que a cálida voz de Xurxo Fernandes convidará ao público a realizar unha suxerente viaxe entre Galicia e o Mediterráneo Oriental nunha proposta exquisita e repleta de virtuosidade.
O artista acompañarase dunha potente banda de músicos de referencia da escena galega, como Pedro Lamas, Rubén Montes, Rafa Morales e Roberto Comesaña, ademais da enerxía e das voces de Pandeireteiras sen Fronteiros (PanSenFron), agrupación que tamén é protagonista do sorprendente videoclip de presentación de Levaino!, dirixido por Xaime Miranda e que suma case 50.000 reproducións en Youtube desde a súa estrea o pasado 22 de marzo.
Unha viaxe de autorrecoñecemento
Xurxo Fernandes define Levaino! como unha viaxe de autorrecoñemento: o creador propón “un xogo de espellos” dos dous Xurxos, no que se reflicten e funden as dúas realidades da súa traxectoria artística. Deste xeito, o creador explora a conexión existente entre Galicia e o Mediterráneo e procura tender pontes a través da creación popular colectiva. Así, os sons máis arcaicos unha Galicia primitiva atopan o seu contrapunto, dun xeito moi orgánico, en elementos de sonoridades orientais. A tradición oral acompáñase tamén de atractivos arranxos musicais e elementos modernos, como o baixo electrónico, teclado ou saxo.
O álbum, que estará á venda a partir deste venres 9 unicamente en tendas físicas e na nova páxina web do artista www.xurxofernandes.gal, presenta doce temas recollidos polo propio Fernandes en Coristanco, Samakov, A Mezquita, Salihli, Tordoia, Larache ou Tel Aviv. Con eles, Levaino! percorre unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas que explicitan e manifestan os vínculos entre ambas culturas e tradicións orais. Sonoridades que, se cabe, resultan moito máis próximas do que semellan, e das que o creador dá conta nos seus perfís nas redes Instagram e Facebook.