Concello de Carral
O ciclo metropolitano de Música e Artes pola Igualdade, Elas Son Artistas, recala esta fin de semana no Concello de Carral cun obradoiro de pintura mural da man de 7H Coop. Cultural e a actuación de Lau.
Impartirase na Casa da Cultura de Carral o sábado 31 de outubro de 11.00 horas a 14.00 horas e o domingo 1 de novembro de 10.00 horas a 19.00 horas. Ademais, farase un mural na zona da piscina como peche da actividade. Poden apuntarse mulleres de 16 anos en adiante enviando un email a elassonartistas@gmail.com. Prazas moi limitadas!
Ese mesmo domingo, ás 18.00 horas na zona da piscina municipal, contaremos coa actuación de Lau, unha artista nova, versátil e multicultural de ascendencia brasileira, educación galega con fortes referencias da cultura estadounidense. Esa mestura formou unha cantante cun aceno de identidade propia, cunha voz doce, forte e carismática. Aprovéitase da dor e das batallas contra a súa propia mente para atopar inspiraciòn e á vez desafogarse facendo o que mais goza, cantar.
Elas Son Artistas é un micro festival no que a creatividade da muller é protagonista e que achega eventos culturais a 8 concellos da área Metropolitana da Coruña cunha programación máis intensa na capital, na que conta con múltiples sedes.
En todos os espectáculos, sexan de música, pintura... a característica que os une é que hai mulleres creadoras á fronte deles, aínda que iso non exclúe aos homes dos nosos escenarios. Trátase dun proxecto que pretende visibilizar a igualdade na cultura e que incorpora tamén unha xornada profesional para traballar no ámbito das boas prácticas que permitan unha igualdade real no ámbito das artes, tanto por parte das administracións públicas como desde o sector privado. Na edición actual damos traballo a 96 artistas e profesionais do sector cultural, ademais do equipo principal do festival que somos catro persoas e duas máis que se suman como colaboradoras.