Noticias de Hoy
faladoiro
Localidad: A Coruña
Fecha: 08/01/2019 a 17/04/2019

8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres en A Coruña. Programación completa

8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres en A Coruña. Programación completa.

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou esta mañá a programación de actividades do goberno municipal con motivo do vindeiro 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, "unha data especial despois do éxito da convocatoria da folga internacional feminista do pasado ano". A edil lembrou que, de cara a este 2019, o Concello da Coruña apoiará de novo a convocatoria, baseada nos eixes laboral, de coidados, estudantil e de consumo, logo da aprobación por unanimidade na sesión plenaria do pasado luns, 11 de febreiro, dunha moción neste sentido,á vez que avanzou que as concelleiras do goberno local sumaranse á folga "e non terán axenda institucional" nesa xornada.

Baixo a denominación Mulleres que transforman realidades, o Concello da Coruña propón unha programación "ampla e diversa que pretende estender a mirada reflexiva e reivindicativa da folga feminista ao longo de todo o mes de marzo", a través dunha liña de actividades "marcada por un enfoque transversal e intereseccional, para chegar a todos os públicos, de todas as idades", apuntou a edil. Así, a programación incluirá faladoiros, un festival de música gratuíto, cafés feministas, mostras bibliográficas, proxeccións audiovisuais, roteiros, obras de teatro, un gala de circo e unha carreira popular, entre outras propostas. "Con esta nova convocatoria insistimos en sinalar de que maneira os dereitos das mulleres forman parte da historia incompleta dos dereitos humanos, para facernos eco dun movemento internacional de mulleres que, dentro e fóra das nosas fronteiras, berra que, se as mulleres paran, para o mundo", aseverou a concelleira.


Unha das actividades máis destacadas será o faladoiro Os dereitos humanos, os dereitos das mulleres. Desafíos nas loitas feministas do século XXI que Marcela Lagarde ofrecerá o 14 de marzo no Paraninfo da Universidade da Coruña, ás 19.00 horas. A recoñecida feminista, académica, antropóloga e investigadora mexicana abordará nunha conversa aberta coa cidadanía o papel dos dereitos humanos e a súa crítica e transformación baixo a luz do feminismo. "Se o ano pasado contamos con Silvia Federici para a apertura da Escola de Empoderamento Feminista, nesta ocasión, coincidindo coa programación do 8M e a terceira edición da escola, contaremos cunha das representantes máis destacadas do feminismo latinoamericano", apuntou Fraga, quen lembrou que actividade se organiza en colaboración co Centro de Estudos de Xénero e Feminismo da Universidade da Coruña (CEFEX).  


Festival Mulleres que Transforman Realidades +INFO

Outra das novidades desta programación, "posible grazas á importante colaboración da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento", segundo salientou a edil --quen estivo acompañada na presentación polo edil José Manuel Sande--, será a primeira edición do Festival Mulleres que Transforman Realidades, e que se celebrará na praza de María Pita o 9 de marzo, desde as 20.00 e até as 01.30 horas. A cita, cun cartel de carácter internacional, contará coas actuacións de "mulleres de distintos contextos e diferentes estilos, cunha clara mensaxe feminista", segundo explicou Fraga, como son Brassica Rapa, Mounqup, Xiomara Fortuna, Marinah --vocalista de Ojos de Brujo-- e a banda Pussy Riot como cabeza de cartel, "coñecida polas súas reivindicacións performativas feministas e contraria á represión política".  Durante o festival a praza contará, ademais, cun Punto Violeta, "un novo espazo de sensibilización, prevención, promoción da igualdade e asesoramento ante as violencias machistas", dixo a edil.

A concelleira explicou os Puntos Violeta, que se implantan por vez primeira este ano, farán un percorrido itinerante por diferentes equipamentos municipais da cidade entre os días 11 e 15 de marzo, en horario de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas; e que nestes espazos se desenvolverán os Cafés Feministas, "espazos nos que, da man de relatoras expertas na materia, dinamizaremos unha conversa aberta á veciñanza para seguir tecendo redes feministas".  Así, o día 12 de marzo, o centro Ágora acollerá un Café Feminista sobre a Folga do 8M; o 13 de marzo, no Fórum Metropolitano, abordarase a are violencia obstétrica; o 14 de marzo, no centro cívico de Monte Alto, trataranse cuestións vinculadas ás masculinidades e a corresponsabilidade; e, por último, o 15 de marzo, no centro cívico do Castrillón.


Carreira Popular 'Querémonos vivas'

Nesta ocasión a programación municipal do 8M terá un importante compoñente deportivo. A partir deste ano, a IX Carreira Popular da Torre de Hércules - Trofeo José Varela Calviño  pasará a ter como lema #QuerémonosVivas. "O feito de que esta carreira teña lugar na contorna da Torre, e en horario nocturno, pareceunos axeitado para poder visibilizar  que as mulleres queremos facer deporte, á hora e no lugar no que queiramos, e sen ter medo. Á raíz das reaccións e convocatorias espontáneas xurdidas tras o asasinato machista de Laura Luelmo decidimos compartir este espírito sobre o dereito das mulleres ao espazo público, precisamente, nesta proba nocturna", destacou Fraga, quen avanzou que esta proba do circuíto municipal Coruña Corre "tamén terá, realmente, carácter solidario. Ademais, durante a súa celebración, instalarase o Garabato de Xogos, un espazo para familias e nenas e nenos maiores de 3 anos, con máis de 30 xogos construídos con material de refugallo no que se poñerán a proba diversas capacidades para toda a familia, e que estará aberto ao longo de toda a tarde.

Uns días antes, o domingo 10 de marzo, e en colaboración coa asociación AMI, realizarase a xornada de portas abertas Escalada en feminino, para dar a coñecer ás veciñas da cidade o potencial que ten a escalada como deporte. A actividade, que se desenvolverá entre as 11.00 e as 13.00 horas no rocódromo de Riazor, está aberto a mulleres de todas as idades.


Artes escénicas

O teatro e o circo formarán tamén parte da celebración do 8M, con propostas para todos os públicos. A primeira das citas será o 3 de marzo, no teatro Colón, representación de Liberto, de Marelas Teatro, na que participan Rocío González, Cris Iglesias e Lucía Aldao. As entradas para esta obra poderanse adquirir tanto no Colón como nos puntos de venda habituais.

Os días 6 e 7, as artes escénicas percorrerán as rúas do centro da cidade cunha monicrequeira en zancos e o seu monicreque, no que darán a coñecer a programación de Mulleres que transforman realidades. O mesmo xoves 7 de marzo, ás 20.30 horas, o Teatro Rosalía Castro acollerá a representación da peza de teatro documental Anatomía dunha serea, de Chévere, construída sobre a memoria e a experiencia persoal da actriz Iria Pinheiro como muller, como nai e como vítima da violencia obstétrica. As entradas poderanse adquirir no billete do despacho da praza de Ourense, Ticketea ou no propio teatro o día da representación.

Xa o sábado 9 de marzo, ás 20.00 horas, o Fórum Metropolitano será o escenario para o espectáculo musical Abandónate mucho, de Las XL, que deconstrúe o mito do amor romántico. "A obra durará unhs 50 minutos e desde a Concellería facilitaremos, a través do transporte público, o traslado até a praza de María Pita, na que se estará a celebrar o Festival Mulleres que Transforman Realidades", avanzou a responsable municipal, quen sinalou que as entradas para Abandónate mucho, que serán de balde, se deberán retirar previamente a través da plataforma Ticketea. Contra final do mes, o 30 de marzo, no auditorio do Centro Ágora, celebrarase Cirqueiras, unha gala de circo en clave feminina con varios números do máis destacado do panorama do circo galego, con Sue Moreno, Raquel Veganzones, Pajarito, Ánxela Blanco e Vanessa Rivas. O espectáculo, que terá lugar de 18.30 a 20.00 horas, contará con acrobacias aéreas, malabares, maxia e clown en clave de humor, e a entrada será completamente gratuíta até completar a capacidade do espazo.  

Por último, o 31 de marzo, contra ás 18.00 horas, a compañía Teatro Redrum ofrecerá, para nenas e nenos de entre 4 e 8 anos, Roedores, unha fábula dramatizada que fomenta a igualdade, facendo fincapé na igualdade de xénero a través das peripecias das súas protagonistas. A entrada será gratuíta até completar o a capacidade do salón de actos do centro cívico dos Mallos.


Roteiros

Este ano o Concello da Coruña propón a celebración de dous roteiros en clave feminista, para achegar o labor das mulleres que traballaron a prol da transformación social na cidade. Así, os sábados 2, 9, 23 e 30 de marzo, en horario de 12.00 a 13.30 horas, terá lugar no cemiterio de San Amaro o roteiro A memoria das mulleres, unha visita guiada gratuíta con posterior concerto na capela para dar a coñecer ás mulleres relevantes en distintos eidos da cidade enterradas neste cemiterio. A inscrición para esta actividade poderase facer a través do teléfono de atención cidadá 010 ou do correo electrónico medioambiente@coruna.es.

Por outra banda, o sábado 16 de marzo, tamén en horario de mañá --neste caso de 11.30 a 13.30 horas-- terá lugar As guerreiras dos dereitos na cidade de cristal, un roteiro teatralizado que percorrerá o centro urbano do municipio no que se relatará a conexión das mulleres e da cidade coa loita polos dereitos humanos, os dereitos das mulleres --como a loita por unha vida digna, a educación, o traballo ou a liberdade sexual-- e a relación entre urbanismo e feminismo. Este roteiro, que será accesible para persoas con mobilidade reducida e para persoas xordas, tamén será gratuíto e a inscrición poderase facer a través do web www.coruna.gal/igualdade.


Outras actividades

Como é habitual, ademais da creación de actividades específicas a través do Centro de Planeamento Familiar (COF) ou da Unidade de Atención ás Migracións (UAMI), outros servizos municipais uniranse á programación. Así, as bibliotecas municipais organizarán distintas actividades nos seus equipamentos, como o faladoiro Mulleres moi tecnolóxicas, que impartirá a formadora de informática e robótica Ana Belén Díaz Parapar na Biblioteca Infantil e Xuvenil o 13 de marzo, ás 19.00 horas. No caso do centro Ágora, a biblioteca acollerá a exposición A saia raíña, que recolle testemuños sobre o loito nas mulleres de Galicia co obxecto de mostrar a desigualdade existente entre homes e mulleres, entre outras cousas, no dereito de manifestar os sentimentos. A exhibición poderase visitar do 28 de febreiro ao 17 de abril en horario de apertura da biblioteca.

No propio centro Ágora, o día 20 de marzo, terá lugar o faladoiro interactivo Enredámonos? Whatsapps, mocidade e ciberviolencias, que impartirá a psicóloga Ianire Estébanez, que abordará a realidade das violencias machistas nas redes sociais, "seguindo a liña dos obradoiros impartidos este mes de marzo sobre Instagram", apuntou a concelleira. No caso do Fórum Metropolitano, na Sala Marilyn Monroe proxectaranse catro películas diferentes durante as fin de semana do mes de marzo, que achegarán diferentes reflexións sobre a situación das mulleres na actualidade con historias ambientadas en Francia, Uruguai, Arxentina e Brasil.

Pola súa banda, os centros cívicos municipais realizarán actividades participativas e contarán coa lectura dun manifesto pola igualdade o xoves 7 de marzo. Nestes equipamentos elaboraranse collages, un xogo da oca dende o que traballar a igualdade e a corresponsabilidade e terán lugar tamén actividades concretas no centro do Castrillón vinculadas á situación da muller en Nicaragua --realizadas á proposta das entidades Solidariedade Internacional de Galicia e Solidariedade Galega--, como son a mostra fotográfica documental Resistencia nicaragüense con rostro de muller --do 25 ao 29 de marzo no Castrillón--, e o obradoiro de máscaras Feminismo en Nicaragua hoxe e o monólogo de teatro cabaré La revolución será feminista o no será, con Las Amapolas. Ambas actividades celebraranse na tarde do martes 26 de marzo.  

Para consultar con detalle toda a información completa de Mulleres que Transforman Realidades, a veciñanza pode visitar, a partir do luns 18, a páxina web municipal www.coruna.gal/igualdade.