Noticias de Hoy
Fecha: 09/04/2021
Horario: 01:00 a 01:00

Concerto de Xurxo Fernandes

O músico Xurxo Fernandes presentará o venres 9 de abril  ao vivo no Teatro Rosalía Castro o seu novo traballo discográfico, Levaino!. O creador de  proxectos de referencia nas músicas de raíz, como Radio Cos ou Jako el Muzikante, dará a  coñecer a ducia de temas que conforman este novo disco, no que o artista aúna, por vez  primeira, as principais vertentes da súa creación e presenta unha sorprendente visión sobre  as músicas de creación colectiva

Xurxo Fernandes - Levaino! 

A cita terá lugar a partir das 20.00 horas no recinto cultural coruñés, que vén de colocar o  cartel de entradas esgotadas para a ocasión. O TRC acollerá un singular espectáculo no que  a cálida voz de Xurxo Fernandes convidará ao público a realizar unha suxerente viaxe entre  Galicia e o Mediterráneo Oriental nunha proposta exquisita e repleta de virtuosidade. 

O artista acompañarase dunha potente banda de músicos de referencia da escena galega,  como Pedro Lamas, Rubén Montes, Rafa Morales e Roberto Comesaña, ademais da enerxía e  das voces de Pandeireteiras sen Fronteiros (PanSenFron), agrupación que tamén é  protagonista do sorprendente videoclip de presentación de Levaino!, dirixido por Xaime  Miranda e que suma case 50.000 reproducións en Youtube desde a súa estrea o pasado 22  de marzo.  

Unha viaxe de autorrecoñecemento  

Xurxo Fernandes define Levaino! como unha viaxe de autorrecoñemento: o creador propón “un  xogo de espellos” dos dous Xurxos, no que se reflicten e funden as dúas realidades da súa  traxectoria artística. Deste xeito, o creador explora a conexión existente entre Galicia e o  Mediterráneo e procura tender pontes a través da creación popular colectiva. Así, os sons máis  arcaicos unha Galicia primitiva atopan o seu contrapunto, dun xeito moi orgánico, en  elementos de sonoridades orientais. A tradición oral acompáñase tamén de atractivos arranxos  musicais e elementos modernos, como o baixo electrónico, teclado ou saxo.  

O álbum, que estará á venda a partir deste venres 9 unicamente en tendas físicas e na nova  páxina web do artista www.xurxofernandes.gal, presenta doce temas recollidos polo propio  Fernandes en Coristanco, Samakov, A Mezquita, Salihli, Tordoia, Larache ou Tel Aviv. Con eles,  Levaino! percorre unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas que explicitan e  manifestan os vínculos entre ambas culturas e tradicións orais. Sonoridades que, se cabe,  resultan moito máis próximas do que semellan, e das que o creador dá conta nos seus perfís  nas redes Instagram e Facebook.