Noticias de Hoy
AMARGARIDA VERDE
Fecha: 22/09/2018 a 30/09/2018
Horario: 01:00 a 01:00

II Festival Amargarida Verde

“AMARGARIDA VERDE” é un festival de arte e desenvolvemento sostible que se levará a cabo nun dos grandes espazos verdes da cidade da Coruña, o parque de Santa Margarita e organizado polo colectivo Loairas. Enmarcado no plan de Cultura de Barrio do Concello da Coruña, nesta segunda edición queremos continuar a avivar a contorna do parque con propostas artísticas e culturais, levándoas á rúa e outorgando aos espazos naturais un novo valor recreativo e formativo.

O festival comezará o sábado, 22 de setembro e desenvolverase ao longo dos 2 últimos fins de semana de setembro. Durante estas fins de semana propoñemos actividades lúdicas e formativas, para todos os públicos. Arte mural, exposicións, hortos urbanos, acroioga, obradoiros de reciclaxe creativo, mercadiño… son algunhas das actividades que inundarán o parque durante estes días. Ao longo destas xornadas, diversos talleres colaborativos terán lugar en diferentes partes do parque nos que poderemos coñecer as plantas silvestres comestibles, aprender a facer kokedamas, descubrir alternativas ecolóxicas para o autocoidado ou aprender a estampar de xeito artesá con elementos naturais. E como peche do festival, o domingo, 30 de setembro, celebrarase unha xornada especial de contraconsumo con mercadiño de artistas, artesáns e produtores locais, zona de troco así como actuacións musicais, micro aberto, contacontos, faladoiros entre outras actividades para amenizar un día no que se convida á xente a participar nunha xornada de ocio alternativo indo a comer ao parque e desfrutando deste espazo en forma de romaría verde.

Un ano máis con este evento queremos recuperar os espazos públicos como puntos de encontro onde partillar e xerar coñecemento e habilidades a través da aprendizaxe colectiva. Promovendo á vez a transición cara un modo de vida máis sostible, amosando e tecendo camiños para logralo. A nosa meta é a revalorización e reconexión cos espazos públicos empregando a creatividade e a arte como fío condutor.

Página web: http://www.loairas.com/es_index.html