O primeiro evento de Sinsalaudio deste ano en Vigo celebrarase no mes de maio: Sinsal Primavera terá lugar na fin de semana do venres 19 e sábado 20. O evento, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, ademais do apoio do MARCO, do Instituto Camões e da Sala Radar, contará este ano cunha programación conformada por cinco proxectos de vangarda, de e liderados por mulleres, chegadas de distintos puntos da Península Ibérica, Suíza e Turquía.
Sinsal Primavera propón visualizar propostas singulares e únicas, vinculadas á experimentación e á creación contemporánea, de difícil clasificación e, por tanto, pouco habituais na programación dirixida ao público xeral. Así, Angélica Salvi, Ece Canli, Superorganismus -proxecto musical de Tramontana e Luz González-, Ivankovà e Ana Lúa Caiano conforman o cartel desta edición, que se celebrará os días 19 e 20 de maio no MARCO de Vigo. Como novidade, ademais, este ano a programación extenderase a unha das principais recintos de música ao vivo da cidade, a Sala Radar, que acollerá o concerto da portuguesa Ana Lúa Caiano na noite do sábado 20.
O Sinsal Primavera é a primeira cita do ano de Sinsalaudio, que suma á xa anunciada nova edición do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, que se celebrará na illa de San Simón do 21 ao 23 de xullo. As entradas para o festival sairán á venda proximamente.
PROGRAMACIÓN SINSAL PRIMAVERA 2023
ANGÉLICA SALVI (España) | MARCO. Venres 19, 20:30 horas
Angélica Salvi é unha arpista española que reside en Porto (Portugal) desde o 2011. Dedícase á improvisación dentro da música contemporánea e da electroacústica, explorando varias técnicas de preparación e amplificación do instrumento na procura de novos timbres e sonoridades. A arpista convida ao público a mergullarse nas súas vivencias emocionais e espirituais, empregando as mesmas para escribir o guión dun soño.
ECE CANLI (Turquía) | MARCO. Venres 19, 21:30 horas
Ece Canli é artista, música e investigadora. Naceu en Turquia e reside en Porto (Portugal). Na súa práctica artística e vocal explora o estado liminal dos corpos agonizantes e demonizados, a desvinculación corporal e mental, e as expresións extralingüísticas por medio de técnicas vocais extendidas. Colaborou con varios artistas, músicos e coreógrafos a nivel internacional e creou bandas sonoras para performances ou exposicións.
SUPERORGANISMUS (Suiza) | MARCO. Sábado 20, 20:30 horas
Tramontana e Luz González crean Superorganismus, unha peza electroacústica para flauta, viola, arpa e electrónica ao vivo. A proposta agroma coa intención de xerar música de forma cooperativa e horizontal. Aínda que as catro músicas sexan independentes, a electrónica de Luz González pode modificar o son de Tramontana, mais os instrumentos acústicos son a raíz sonora dun superorganismo que o público percibirá coma un todo.
IVANKOVÀ (España) | MARCO. Sábado 20, 21:30 horas
Ivankovà é o proxecto en solitario da artista e compositora madrileña Irene de la Cueva. As súas creacións agroman a través de estruturas repetitivas que se converten en mantras deseñados para xerar atmósferas determinadas e convidar así ao público a transitar por paisaxes nas que os sintetizadores, a voz e os sons electrónicos xerados a partir da transformación de sons orgánicos son protagonistas.
ANA LÚA CAIANO (Portugal) | Sala Radar. Sábado, 23:00 horas.
Cantante, compositora e artista multidisciplinar. Ana Lúa Caiano converte constantemente a experiencia en creatividade e explora a fusión do folclore portugués co música electrónica e sons cotiáns. Nos seus director, parte de bases sinxelas para construír marcos rítmicos usando beatbox, palmas, tambores e maracas, nas que superón texturas de teclado, sons ambientais e a propia súa voz.