Galician Freaky Film Festival

Fecha 29-09-2021 a 2-10-2021
0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

O Galician Freaky Film Festival pechou onte, 30 de xuño, o prazo de recepción de pezas audiovisuais para a súa quinta edición, que se celebrará do 29 de setembro ao 2 de outubro deste ano. Durante o seu lustro de andaina, o festival de cinema underground de Vigo viu incrementado anualmente o número de pezas inscritas para formar parte da sección oficial do certame, indicativo do seu crecemente posicionamento no circuito cinéfilo a nivel internacional.

Os máis de 600 filmes recibidos encádranse dentro dos xéneros de terror, fantasía, ciencia ficción ou gore e foron producidos entre 2019 e 2021. A organización destaca a diversa procedencia do material recibido: un 23% procede de América, o 17% de Oceanía, máis do 12% de países europeos e o 7% de Asia. Entre os pasaportes dos seus directores atopamos países como Rusia, China, Austria, Países Baixos, Brasil, Perú, Alemaña e India. É preciso destacar que o GFFF adoita traducir e subtitular en galego os filmes internacionais que proxecta.

Alén das pezas internacionais, un 17% das producións recibidas son galegas, un dato que tamén medra respecto a anos anteriores e que dá conta da puxanza do sector audiovisual no noso país. O GFFF reserva cada ano un cupo da súa programación para amosar estas pezas de proximidade, como xesto de apoio e compromiso coa canteira de realizadores galegos. 

O equipo de programación visionará o material para dar forma a sección oficial, que estará composta por preto de 60 pezas, a maior parte delas curtametraxes. Ademais dos filmes recibidos a través das tres plataformas e o seu propio formulario, a organización traballa tamén co catálogo do prestixioso Festival de Curtametraxes de Clemont –Ferrand, un dos certames de curtametraxes máis grandes e influintes do mundo e do que ten acceso a máis de 8.000 traballos.

A gran novidade desta quinta edición é a celebración do Pequefreak, unha xornada para iniciar á cativada no gusto polo cinema alternativo e que contará cunha programación propia de traballos audiovisuais, divida por idades entre os 4 e os 15 anos. Tamén contará cunha actividade de realidade virtual e obradoiros freaks para nenas e nenos.

 

O GALICIAN FREAKY FILM FESTIVAL

Despois de catro anos, o GFFF regresa unha vez máis a Vigo co fin de achegar todo tipo de filmes de terror e serie B, pouco habituais nas canles de distribución masiva. Pezas moitas veces inéditas en Galicia, con grandes estreas mundiais, internacionais e nacionais. 

O gran obxectivo do GFFF é reivindicar e recuperar o espírito freak que acada o seu esplendor en Galicia grazas á Xeración Xabarín que bailaba os temas das bandas de Rock Bravú, cantaba o opening de Dragon Ball a pleno pulmón e pedía as películas do Vengador Tóxico no videoclube.

Publicidad

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×