A terceira edición de The Wild, festival promotor da defensa da natureza celebrado na comarca de Vigo, xa está de novo en marcha. Deste xeito, o 4 e 5 de setembro, o Parque Forestal de San Miguel de Oia acollerá esta cita multidisciplinar na que se poderá gozar de actividades lúdicas, deportivas e de concienciación.
Nesta terceira edición, a música do país terá unha gran presenza. Así, todos os asistentes poderán gozar co rock & roll de Los Zigarros, unha banda que ven de telonear aos Rolling Stones en Barcelona e de esgotar as entradas en diversas actuacións, unha das máis soadas, o Circo Price de Madrid, onde compartiron escenario con Leyva, Ariel Rot ou Fito Cabrales. O seu último traballo discográfico de estudo, Apaga la radio, con Carlos Raia coma produtor.
Pola súa banda, os galegos Familia Caamagno, que acaban de lanzar o seu novo traballo discográfico Había que intentalo, súbense aos escenarios do festival para ofrecer melodías pop, ritmos frenéticos e retrousos coreables co único afán de facer bailar a todos.
O cartel completase coas actuacións de Enxeito, grupo de Bueu que destacan polo seu son orixinal nado da música funk, coas letras e os flows do rap mesturándoas con melodías do soul e pequenas influencias do rock, e Zeltia Irevire, banda galega de folk tribal que ofrecerá un verdadeiro espectáculo onde un crisol de influencias estilísticas mesturarase cunha voz capaz de aflorar os nosos sentimentos máis ancestrais. Así, únense aos concertos xa confirmados do trío pontevedrés Thee Blind Crows, os vigueses Stoned at Pompeii e Susana Seivane Trio na sesión vermú Povarelo.
Deste xeito, The Wild Fest fai unha aposta por distintos estilos musicais e por facer un percorrido pola escena máis actual do panorama galego e nacional para ofrecer unha noite chea de música e máis unha sesión vermú.
A parte máis musical do The Wild arrinca o día 4 ao mediodía, na sesión vermú, coa actuación de Susana Seivane Trío, a formación dunha das artistas de maior percorrido e traxectoria e que máis revitalizou o folk galego.
Thee Blind Crows, pola súa conta, tocarán ese mesmo día pola tarde para encher o parque forestal coa enerxía e a forza do seu guitarreo blues punk.
Pola noite será a quenda de Stoned at Pompeii cun directo abraiante cun estilo de carácter stoner rock que lles valeu o galardón de “Mellor Directo” nos premios Maketón Los 40 no 2020.
Por suposto, o festival, un dos poucos que conseguiu saír adiante o ano pasado, continuará cuns estritos protocolos de seguridade co obxectivo de crear un espazo seguro. Máscaras, aforo limitado ou sentidos únicos de circulación son algunhas das medidas previstas para o certame, que completará a súa programación con actividades para toda a familia, desde The Wild Race, unha apaixonante carreira de obstáculos, ata faladoiros ou todo tipo de eventos infantís.