Primeira Feira Vegana e Sostible de Galicia
Tras dous días de gran expectación suscitada polo bo funcionamento da venda prioritaria aberta exclusivamente para persoas xa prerexistradas no evento a través da web Vegana.gal, as organizadoras da Primeira Feira Vegana e Sostible de Galicia, poñerán este 1 de setembro á venda as entradas dirixidas ao público xeral. A súa adquisición poderá formalizarse a través da plataforma Entradium e haberá diferentes tipos: entrada a 3 euros para un só día, entrada a 5 euros para acceder ao recinto libremente os dous días de feira, e entradas gratuítas dirixidas a persoas maiores de 65, menores de 12 anos e persoas en situación de desemprego.
O evento, que terá lugar no IFEVI o 23 e 24 de outubro, incluirá ao redor dun centenar de marcas expositoras, así como charlas, showcookings e obradoiros de educación ambiental.
A feira quere reunir e dar unha maior visibilidade a un centenar de marcas expositoras, e incluirá unha programación continua consistente en charlas, showcookings, puntos de información nutricional, obradoiros de educación ambiental, representantes de santuarios e asociacións, e persoal experto en educación ambiental para promover un estilo de vida máis respectuoso cos animais e o medio ambiente. Tratarase dun evento inclusivo con zona infantil, sala de lactación e obradoiros especificamente dirixidos aos máis pequenos.
En definitiva, a Primeira Feira Vegana e Sostible de Galicia busca romper moldes e eliminar certos tabús instaurados en torno ao veganismo dun xeito amable, asertivo e, por suposto, tamén divertido.
A organización anima ás marcas expositoras a formalizar a súa reserva antes do día 10 de setembro, destacando a positiva acollida que ten o evento tanto dentro como fóra de Galicia. Para o público foráneo existe un grupo de Telegram ao que poder unirse para organizar a súa viaxe e estancia.