Exposición As Linguas de Laxeiro en Vigo
Desde o seu comezo, a finais dos anos vinte, a linguaxe pictórica de Xosé Otero Abeledo Laxeiro (1908-1996) combina fórmulas modernizadoras tiradas da arte galega e europea de entreguerras con elementos de signo primitivista, e cunha temática baseada nunha escena popular de carácter rural, que enxalza os caracteres locais (paisaxe, tipo físico…). Este é o camiño escollido polo artista para erixir a especificidade dunha conciencia vernácula, que ten, como outros artistas d’Os Novos, na arte popular, no románico e no barroco os referentes. Testemuñan estas claves obras como Danzas populares gallegas (1954) ou La señora del muñeco (1974), traballos dunha esgrevia expresividade. Recoñecemos nesas figuras deformadas o seu mundo pictórico característico, creado a partir dunha paleta escura, traballada con densidade áspera.
Laxeiro trata frecuentemente os temas das máscaras, bonecas e xoguetes que poden ser entendidos como un síntoma que traduce unha inquedanza fronte á representación, en particular no caso das bonecas –La señora del muñeco (1974)- no que atinxe á construción da figura, unha evidencia dun sentimento de deshumanización por medio de que Laxeiro é debedor do ambiente estético internacional de entreguerras, anos en que conforma o seu estilo inicial. Pero en xeral as bonecas, manequíns e autómatas, que enchen a arte europea desta altura, convértense para Laxeiro en algo distinto, que bebe no universo popular galego. Sofren unha metamorfose que os transforma en carautas de entroido, en trasnos ou en espantallos, moradores dun mundo fáustico, ao tempo gozoso e sinistro, sen deixaren de seguir a ter ecos dese mundo referencial dominado por unha ambigua inquedanza.
A partir dos anos 50 na obra de Laxeiro tamén se pode detectar unha agresividade da pincelada, achegada ao expresionismo abstracto. A esta fórmula responde de xeito singular La niña con mandil rojo (1963), unha obra dun xestualismo que conecta coas correntes internacionais da abstracción informalista. Neste óleo, mantendo a fidelidade á súa linguaxe primitivista, disolve a realidade en cor e xesto, creando estruturas rítmicas, de trazo enérxico mais conservando do seu mundo peculiar a suxestión do seu universo referencial.
A evolución que manifesta a obra de Laxeiro nos cincuenta afonda nesta liña durante os anos sesenta. Obras como Músico (1967), na súa radicalidade de sentimentos, aproxímase ao retrato psicolóxico, reproducindo a sensación claustrofóbica. Un individuo encerrado nun espazo indefinido, facendo palpábel deste xeito a condición angustiada e dolorosa do home, un aspecto que liga a obra de Laxeiro aos movementos europeos de posguerra que amosan un retrato desapiadado do home contemporáneo.
A ligazón co informalismo faise nestas pinturas evidente e acada resultados de enorme potencia visual. Como noutras obras desta corrente temos a sensación de que Laxeiro pretende “expresar” máis que “representar” no sentido de que a pintura se esparexer polo lenzo como unha descarga de tensión acumulada. O pintor convértese, daquela, nun creador que deliberadamente renuncia á carga intelectual da pintura de tradición clásica, algo evidente no conxunto da obra do pintor de Donramiro, mais que se fai moito máis rotundo nestas obras. A intensidade do trazo e da pincelada non é puramente casual e desordenada xa que o pintor escolle as cores entre a súa paleta habitual, modula texturas e dirixe o xesto, de aí o cualificativo de xestual que lle aplicamos.
Laxeiro conecta coa sensibilidade informalista a partir de referencias figurativas elementais (corpos, faces), que poden lembrar as empregadas por Antonio Saura ou tamén as coñecidas Women de Willen de Kooning, cunha gama cromática fusca e reducida. Á intensa forza plástica e á calidade das obras hai que unir o profundo desacougo que causa o seu tratamento da figura humana. Trátase de óleos de enorme rotundidade e intensidade, presididos pola dor e o desarraigo existencial que serven de canle para a expresión da vivencia angustiada. Unha opción estética parella á que desenvolven na literatura galega o Celso Emilio Ferreiro d’O sono sulagado (1954), os poetas da Escola da Tebra como Manuel Cuña Novás ou os novelistas da Nova Narrativa Galega.
Coa súa linguaxe primitivista disolve a realidade en cor e xesto, creando estruturas rítmicas, de trazo enérxico pero conservando o seu mundo peculiar, con Galiza ao fondo. Estamos perante lenzos que conectan cun tipo de pintura que poderiamos catalogar de existencialismo tráxico. Non enxergamos xa ideais, apenas fica unha presenza brutal, áspera e primaria. Hai nestas obras un evidente elo co primitivismo da estética do granito –como o hai na pintura da posguerra primitivismo, por exemplo no francés Jean Fautrier, mais alleo a calquera intención transcendente. Estas representación de rostros son, sen dúbida, máis espectrais que auténticamente corporais. Laxeiro sitúase, daquela, a carón dos fillos da traxedia que viviu o mundo na década dos corenta presentando un mundo primario de trazos esgrevios e crus, toda unha radiografía dun tempo convulso e creativo.
Situada neste contexto a obra de Laxeiro é a dun pintor de intensa personalidade expresada en variadas linguaxes sempre fondamente galegas e ao tempo conectadas coa contemporaneidade internacional.