A recepción de traballos audiovisuais para concorrer á 10ª edición do Festival Primavera do Cine quedará pechada o vindeiro venres 30 de abril. Ata entón, aínda poden ser enviadas curtas, longas e videoclips de produción galega, así como curtas e longas producidas nun dos países da Lusofonía. As pezas seleccionadas serán exhibidas na nova edición do certame, que terá lugar entre o 7 e o 12 de setembro.
Formación de novos públicos
A principal novidade desta edición é a posta en valor da infancia como consumidora de cinema en pantalla grande. É dicir, do traballo na creación de novos públicos.
Para iso, a organización do festival incluirá unha sección infantil que contará cun xurado de seu formado por nenas e nenos de ata doce anos. Trabállase nun ciclo especial sobre o cinema orientado ao público infantil, que enriquecerá a xa consolidada programación, co ánimo de ir incorporando o público máis novo ao festival e a novos hábitos de cinema en pantalla grande.
Ademais desta sección especialmente dirixida ao público máis novo, celebraranse varios obradoiros de achegamento ao mundo cinematográfico, así como a proxección de filmes realizados polos e polas cineastas máis novas do noso país.