O apoio da Xunta de Galicia “busca seguir consolidando a comunidade autónoma como destino no eido do turismo de festivais, un segmento que medra ano a ano"
A Xunta de Galicia mostra o seu apoio ao mundo da Cultura e, en concreto, aos eventos musicais co patrocinio de diferentes concertos que se celebraron durante este ano 2024.
Así, o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, participou na presentación da xira galega do destacado compositor e multiinstrumentista galego Abraham Cupeiro, que ofreceu catro concertos nos meses de febreiro e marzo de 2024 como parte do seu novo espectáculo Mythos, acompañado pola Orquestra Gaos. Unha iniciativa da produtora Thinking Up Events co patrocinio da Xunta de Galicia.
Esta gran produción musical, que chegou a Ferrol, Ourense, Santiago de Compostela e Lugo, contou con máis de 50 persoas sobre o escenario e ofreceu unha viaxe a través das mitoloxías árabes, célticas, romanas e gregas cun innovador proxecto, recuperando instrumentos dos teatros gregos e circos romanos. Xunto a Cupeiro estará a Orquestra Gaos, formada por músicos de toda Galicia, na súa maioría estudantes e profesores dos conservatorios galegos.
CONCERTOS EN FERROL E NA CORUÑA
Turismo de Galicia tamén apoiou este ano, no marco das festas de verán de Ferrol, os concertos de Veintiuno e o de Abraham Mateo, ámbolos dous en agosto, co fin de “seguir reforzando o crecente potencial turístico desta cidade durante o verán, tendo moi en conta os bos resultados que está a ter nos últimos meses”.
Por outra banda, a Xunta de Galicia impulsou os concertos de Juan Luis Guerra e Gilberto Santa Rosa na Coruña, no marco da programación de festivais e grandes concertos internacionais que o Goberno autonómico apoiou co fin de reforzar a marca turística Galicia a través de grandes eventos musicais. Na Coruña, ademais, a Xunta colaborou co Morriña Fest, o Festival Wake Up Dreams, o Coruña Sounds, o concertos de Loquillo, e os de Sara Baras e Raphael a finais de ano.
Tamén na Coruña, e “na súa estratexia por fortalecer a oferta turística urbana a través da música e dos festivais”, a Xunta de Galicia apoiou a nova edición do Recorda Fest, unha das grandes últimas citas musicais do verán galego que tivo lugar no peirao da Batería do Porto da Coruña os días 6 e 7 de setembro, que contou, entre outros, con DJ Recorda, Morochos, Besmaya, Sidonie, Sidecars, Amaral, Rulo y la Contrabanda e DJ Isaac Corrales. Asimesmo, actuarán Álvaro de Luna, Maldita Nerea, La Oreja de Van Gogh, Fran Perea ou Coti.
O apoio da Xunta de Galicia “busca seguir consolidando a comunidade autónoma como destino no eido do turismo de festivais, un segmento que medra ano a ano e que terá un lugar destacado na futura Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030”, sosteñen.
NOVAS PROPOSTAS MUSICAIS PARA 2025
Finalmente, o vindeiro 25 de xaneiro de 2024, a cidade de Vigo acollerá un novo concerto de Iván Ferreiro co apoio de Turismo de Galicia no seu obxectivo de promover eventos e citas musicais co fin de desestacionalizar o turismo nas grandes cidades de Galicia e diversificar así un fluxo de visitantes e turistas durante todo o ano.
No concerto, Iván Ferreiro presentará o seu traballo musical En las trincheras e o concerto forma parte do programa de eventos e outras citas e espectáculos musicais cos que Turismo de Galicia está a dinamizar e complementar a oferta turística das grandes cidades de Galicia fóra de temporada alta.