Noticias de Hoy
Fecha: 05/09/2021
Horario: 01:00 a 01:00

The Wild Race, en San Miguel de Oia

O festival multidisciplinar The Wild abre as inscricións de The Wild Race, unha  carreira OCR que terá lugar o 5 de setembro e que promete grandes doses de adrenalina e  desafío nun entorno natural como é o Parque Forestal de San Miguel de Oia.  

Ademais, cun percorrido de 8 quilómetros e máis de 35 obstáculos e desafíos naturais,  incluiranse elementos adaptados doutras disciplinas como CrossTraining, PaleoTraining ou  Strogman. Sen dúbida, unha actividade na natureza que estará chea de emoción, aventura  e moita diversión.  

Miriam Gesteiro, coordinadora de The Wild Race afirma que “a carreira combina a  perfección natureza e exercicio físico. Por iso será unha gran experiencia para todos os  participantes, que deberán loitar para superar os obstáculos e a si mesmos a través dunha  boa preparación mental, unha correcta xestión da presión e un adecuado control da  enerxía”. 

Deste xeito, The Wild Race é unha carreira deportiva, lúdica e integradora que supón un  verdadeiro reto para os atletas, que deberán aproveitar os recursos que lles proporciona o  medio natural ao mesmo tempo que crean sinerxías para superar con éxito cada obstáculo.  

Compre destacar que, por mor do coronavirus, levarase a cabo un rigoroso protocolo co fin  de garantir a seguridade e o benestar tanto dos participantes coma do público e o staff e  estará en consonancia coa lexislación vixente e as recomendacións das autoridades locais e  autonómicas. Así, entre outros, haberá un único sentido de circulación, as zonas estarán  diferenciadas e delimitadas e será obrigatorio levar máscara antes de comezar a proba.  

Por suposto, esta actividade enmárcase dentro do festival, que se celebrará do 4 e 5 de  setembro no merendeiro de San Miguel de Oia e no que se poderá gozar de concertos,  xogos para os máis cativos, faladoiros ou diversos eventos coma a andaina solidaria. 

AS MODALIDADES DE PARTICIPACIÓN EN THE WILD RACE 

En The Wild Race poderase competir en dúas modalidades diferenciadas: Wolf e Raven. 

A modalidade Wolf é unha carreira por equipos de catro persoas, polo que a cooperación,  a táctica e o traballo de todos os integrantes será fundamental para chegar con éxito á meta.  

A modalidade Raven é unha carreira individual. Sen embargo, os participantes poderán  decidirse pola categoría Élite, onde non poderán recibir axuda doutros participantes para  superar as probas, ou Popular, que si permite recibir axuda externa.  

OS PREZOS E A INSCRICIÓN

Todos os participantes que teñan 16 anos ou máis pódense apuntar á carreira a través da  web de The Wild, onde tamén están as bases completas, ou na páxina Champion Chip  Norte. 

Doutra banda, o prazo de inscrición remata o 29 de agosto e os prezos variarán entre os  15 e os 30 euros en función da data de inscrición.  

Neste sentido, tamén existe a posibilidade de adquirir o Bono The Wild por 10 euros máis que inclúe a participación na carreira e a entrada ao festival, que terá lugar o 4 e 5 de setembro no merendeiro de San Miguel de Oia.