Noticias de Hoy
The Wild Race
Fecha: 28/06/2020
Horario: 11:00 a 11:00

The Wild Race 2020 de Oia

The Wild Race 2020 de Oia.

O festival The Wild abre as inscricións para participar en The Wild Race, unha carreira que se celebrará o 28 de xuño no Parque Forestal de San Miguel de Oia, en Vigo. O evento terá un percorrido de 10 quilómetros e máis de 35 obstáculos e incluirá probas adaptadas doutras disciplinas como Crossfit, Strogman ou PaleoTraining.

Ademais, poderán apuntarse ata o 21 de xuño todas as persoas que teñan 16 anos ou mais. Tanto para inscribirse a carreira como para ver as bases ou solicitar máis información os interesados deberán acceder a páxina web do certame.

Miriam Gesteiro, coordinadora de The Wild Race afirma que a carreira serán “10 quilómetros de pura adrenalina nos que se pasará un bo rato mentres se está en contacto coa natureza e os participantes loitan para superarse a si mesmos”. Ademais, Gesteiro engade que “na carreira será fundamental aproveitar os recursos que nos proporciona o medio natural, polo que se converterá en toda unha experiencia nun entorno tan máxico coma é o Parque Forestal de San Miguel de Oia”.

AS MODALIDADES DE PARTICIPACIÓN EN THE WILD RACE

En The Wild Race poderase competir en dúas modalidades diferenciadas: Wolf e Raven.

Así, na modalidade Wolf deberase participar na carreira en equipos de 4 persoas, polo que a estratexia, a confianza e o traballo de todos os integrantes será fundamental para conseguir chegar ata o final do percorrido.

Doutra banda, a modalidade Raven é individual, aínda que os participantes terán a ocasión de decidir se optan pola categoría Popular, no que poden recibir axuda doutros participantes se teñen dificultades para superar un obstáculo ou Élite, no que non poderán recibir axuda.

Deste xeito, The Wild Race busca ser unha carreira deportiva, lúdica e integradora, na que todos poidan gozar dun encontro ameno coa natureza e crear sinerxías mentres se practica o respecto ao medio ambiente, valores que se defenden desde o festival The Wild.

Por suposto este evento complementarase co resto de actividades previstas para o festival The Wild, que se celebrará do 26 ao 28 de xuño en San Miguel de Oia e no que se poderá gozar de concertos, unha andaina solidaria, xogos para os máis cativos, unha selección de cinema de natureza ou un recinto expositivo no que se poderán coñecer as actividades de empresas sostibles en sectores tan diversos como a bioconstrución ou a economía circular.

OS PREZOS
Apuntarse a carreira terá un custo de 15 euros se a inscrición ten lugar ata o 31 de marzo. Despois, do 1 de abril e ata o 31 de maio o prezo será de 20 euros e, finalmente, de 25 euros se a inscrición realizase do 1 de xuño ao 21 de xuño.