Noticias de Hoy
Fecha: 25/11/2020 a 03/01/2021

Mostra sobre Isaac Díaz Pardo

Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela.

O Museo do Pobo Galego inaugura hoxe mércores 25 de novembro ás 17 horas da tarde unha pequena mostra sobre a obra miúda do artista Isaac Díaz Pardo, como homenaxe na conmemoración do seu centenario. Esta exposición, que se poderá ver ata o 3 de xaneiro de 2021 no andar do claustro, está organizada pola Oficina de Socios e Socias do Museo do Pobo Galego e comisariada por David Conde Lourido. Ao acto asistirá Justo Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo, e o seu director Manuel Vilar.

A mostra, centrada sobre todo na parte gráfica do artista, inclúe aportacións de Xosé Ramón Fandiño, Luís Martul Tobío, Esperanza Delgado Rosende, da familia Taboada Saavedra e da Biblioteca e Colección Museo do Pobo Galego. Entre elas poderanse ver dúas litografías orixinais, así como tamén debuxos e felicitacións de Nadal, folletos de cerámicas do Castro (anos 50) e carteis deseñados para Sargadelos (anos 2000) ou carteis de cego como a historia de “Paco Pixiñas” (1970) ou “O crime de Londres” e “Castelao”, contadas polo cego Zago.

O horario para poder visitar a mostra é de martes a sábado de 11h a 18h (horario continuado), os domingos de 11h a 14h. Os luns o Museo do Pobo está pechado.