Festival de Cine de Ourense

Fecha 23-09-2022 a 1-10-2022
0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×
O Festival de Cine de Ourense, que terá lugar entre o 23 de setembro e o 1 de outubro de 2022, xa ten imaxe oficial para a súa 27º edición. Presentárona esta mañá o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte; o director artístico do festival, Miguel Anxo Fernández; e o director técnico do festival Aurelio Gómez Villar.

A un mes do inicio do OUFF, Manuel Baltar aproveitou a ocasión para adiantar que “todo o equipo técnico e artístico está preparándose para unha das mellores edicións do festival”. “Ademais”, engadiu, “vimos dun ano espléndido no que Ourense se converteu nun plató de cinema para longametraxes e series. Isto, que é un dos nosos obxectivos, continuará no 2023 para que esta provincia continúe sendo unha referencia para as rodaxes”.

As imaxes do 27º OUFF

A imaxe central escollida é unha obra da artista visual alemá afincada en Ourense Isabell Seidel. A composición levouse a cabo a partir da técnica da estampación en xelatina, que consiste en pintar sobre unha táboa xelatinosa que fai que a imaxe obtida sexa sempre diferente. Isto é o que ocorre, nas palabras da creadora, “tamén coas películas porque unha historia, un filme, pódense contar de mil xeitos diferentes”. Tendo como finalidade representar o territorio no que se celebra o festival “a ilustración escolle o colorido tan típico desta terra como os amarelos e laranxas do verán, o negro dos invernos escuros, o azul da auga e o río Miño… utilizando neste caso a pintura como técnica narrativa”.

Ademais, Nuria Grandío repite como autora do cartel do OUFF en Curto para ilustrar un certame que exhibirá o mellor das curtametraxes galegas actuais, e fíxose pública a imaxe que acompañará a quinta edición da sección de Fas Muvis, o certame que reunirá a seis equipos para rodar unha peza audiovisual cun límite de 48 horas. Neste caso a creatividade trátase dun deseño de Tania Sueiro, da área de imaxe de Universidade de Vigo, sobre unha fotografía de Enzo Sarmiento.

Un mes para o inicio do festival

O OUFF xa fixo públicos varios contidos desta edición como que acollerá a estrea da reconstrucción que Pepe Coira está a facer sobre Canto de emigración (1934), o desaparecido filme de Antonio Román; que o multipremiado cineasta mexicano Nicolás Echevarría terá un ciclo arredor da súa obra; a programación do Ciclo Xacobeo -que contará con filmes de Jorge Algora, Lydia B. Smith, Juan Manuel Cotelo, Roberto Santiago, Fernando Cortizo, José Antonio Vázquez Tain-;  ou dous dos premios que se outorgarán no marco do festival: o Premio Especial para o deseñador de son Carlos Faruolo e a Calpurnia de Honra para o cineasta Jaime Chávarri. Nas próximas semanas, a organización dará a coñecer máis contidos desta edición.

Publicidad

Los comentarios se han cerrado.

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×