Noticias de Hoy
Fecha: 30/11/2019 a 01/12/2019

Fariña en Santiago de Compostela

Fariña en Santiago de Compostela.

Nacho Carretero e Xosé A. Touriñán levan ao teatro Fariña, unha adaptación da exitosa obra de Carretero sobre a historia do narcotráfico en Galicia nas últimas décadas do pasado século. Dirixida por Tito Asorey, conta no seu elenco con Marcos Pereiro, María Vázquez, Sergio Zearreta e Cristina Iglesias, ademais do propio Touriñán.

Fariña non permite ao espectador nin acomodarse na butaca. A unha impoñente descarga suceden conversas entre rapaces e veciños das vilas falando, mercando, consumindo e manexando con soltura o famoso Winston de batea. O fenómeno xa está en marcha. 

O elenco de actores entran e saen da escea meténdose na pel de decenas de personaxes entre situacións familiares: un alcalde corrupto disposto a financiar unha verbena, os veciños máis novos probando a mercancía a escondidas...

O salto ao narcotráfico ocorre no escenario coa mesma soltura coa que tivo lugar na realidade.

De pronto, en escea, escóitase acento colombiano e marroquí. Escóitanse ritmos de percusión e cancións. Escóitanse bromas e bravuconadas. As drogas toman o control: ostentación e subidón enchen o teatro. E, de novo como sucedeu en realidade, aparece a traxedia. En forma de nais, rapaces afundidos e, por fin, operacións policiais.

Todo cabe sobre un escenario que recolle un percorrido fiel por este escuro capítulo da historia de Galicia desde un punto de vista único. Unha viaxe no tempo desde unha óptica próxima, real e familiar, coa sensación final, e a reflexión que o espectador fai ao sair do teatro, chegando a adquirir unha eficacia inédita.


Domingo, 01 Decembro 18.00

 

Domingo, 01 Decembro 20.30