Noticias de Hoy
Teatrofilia 2018
Fecha: 02/03/2018 a 24/03/2018

XV Mostra de Teatro Amador de Vedra. Teatrofilia 2018

XV Mostra de Teatro Amador de Vedra. Teatrofilia 2018.

  • Compañías de toda Galicia e unha de Portugal daranse cita en Teatrofilia 2018 todos
    os venres, sábados e domingos do 2 ao 24 de marzo
  • A programación inclúe un total de catorce representacións de teatro afeccionado e
    un espectáculo profesional
  • A Asociación Cultural Papaventos celebra o seu 30o Aniversario coa estrea da súa
    última produción e cun obradoiro de creación de papaventos
  • Andaravía Teatro ofrecerá unha visita teatralizada ao Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, un dos espazos máis emblemáticos do municipio
  • A Mostra consolídase como un referente para ao teatro afeccionado galego ao tempo que ofrece aos veciños da comarca unha programación teatral estable

Compañías de teatro de toda Galicia daranse cita a partir deste venres na XV Mostra de Teatro Amador de Vedra – Teatrofilia 2018, organizada pola Asociación Cultural Papaventos, que nesta edición recibe tamén a visita dunha agrupación portuguesa. A programación inclúe catorce representacións de teatro afeccionado e un espectáculo profesional, que poderán verse todos os venres, sábados e domingos, do 2 ao 24 de marzo, no Centro Social de Vedra.

As propostas abarcan diferentes xéneros e estilos —dende o teatro visual baseado no xesto e no movemento ata a comedia musical, pasando polo teatro de sombras ou o teatro de rúa—, conformando unha programación que amosa a evolución constante do teatro amador galego procedente non só do tecido asociativo, senón tamén do ámbito escolar e universitario.

As entradas para cada un dos espectáculos poderán adquirirse a 3 euros o mesmo día da función no Centro Social de Vedra e os espectadores terán tamén a opción de facerse cun bono para toda a Mostra a un prezo de 7 euros.

[gallery ids="15257"]

A programación
A apertura da décimo quinta edición de Teatrofilia correrá a cargo da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela, que este venres 2 de marzo ás 21:15 horas presenta ‘Pasar por Nida’, o último traballo da compañía con texto e dirección de Roberto Salgueiro’. O sábado 3 ás 21:15 horas, a Mostra continúa con ‘Bernarda’, un espectáculo inspirado na derradeira obra de Federico García Lorca (‘La casa de Bernarda Alba’), co que a compañía rende homenaxe ao poeta no 120 aniversario do seu nacemento. O domingo 4 ás 16:30 horas, Andaravía Teatro realizará unha visita teatralizada polos xardíns do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) e ás 19:15 horas, a compañía Paso de Valverde (Arteixo) presenta no Centro Social de Vedra ‘Alén’, unha obra de teatro de sombras dirixida ao público infantil. O venres 9 de marzo ás 21:15 horas, subirá ao escenario o grupo de teatro Mediogüevo (Santiago de Compostela) coa comedia ‘Só ante a Perigos’ escrita e dirixida por Lucas

Herrador. Ao día seguinte, o sábado 10 ás 19:15 horas, a compañía profesional de orixe galego- portuguesa Elefante Elegante trae a Vedra ‘Danza da choiva’, obra galardoada co premio

María Casares 2017 ao Mellor Espectáculo Infantil. O domingo 11, o grupo lucense Achádego Teatro pechará a segunda fin de semana de Teatrofilia coa representación de ‘Balas sobre Broadway’, adaptación da película do mesmo nome.

O venres 16 de marzo será un dos días máis especiais desta edición xa que a compañía anfitrioa, Andaravía Teatro, estrea o seu novo espectáculo ‘Moito barullo e poucas carolas’, adaptación musical da popular comedia romántica de William Shakespeare na que se reflicten as dúbidas e medos á hora de embarcarse no amor.

O sábado 17 a Mostra recibirá a visita do grupo portugués ‘A Flor de Aldriz’ (Santa Maria da Feira) que representará a comedia ‘O último baile do Sr. José da Cunha’. O domingo 18 ás 16:30 horas comezará a tarde infantil de Teatrofilia, onde será protagonista o alumnado da Escola de San Miguel de Sarandón (Vedra), da Escola de Teatro da Asociación Cultural Cotomanguelo (Orazo) e do Grupo de Teatro d’Ulla e máis aló, que aglutina escolares de Vedra, O Foxo (A Estrada), Bandeira e Silleda. Ese mesmo día ás 21:15 horas, o Colectivo Cultural Ollomao (Barreiros) presentará ‘Enciclopedia Álvarez’, unha ollada á escola franquista dende os nosos días.

O venres 23 de abril ás 21:15 horas será a quenda do Grupo de teatro de maiores do Centro Social de Vedra que presenta ‘Contos de zapatilla’ e o sábado 24 de abril ás 21:15 horas, Teatro Airiños (Rianxo) baixará o pano da 15a edición de Teatrofilia con ‘Romeo e Xulieta”, unha particular versión do clásico de William Shakespeare.

Obradoiro de papaventos
Esta edición de Teatrofilia coincide co 30a aniversario da Asociación Cultural Papaventos e para celebralo, o sábado 10 de marzo o Centro Social de Vedra acollerá un obradoiro creativo para toda a familia, no que os asistentes aprenderán a elaborar e decorar o seu propio papaventos. Unha vez rematado terán oportunidade de voalo se as condicións climatolóxicas o permiten. A entrada para participar neste obradoiro é de balde e é preciso inscribirse previamente no correo ac_papaventos@yahoo.es xa que as prazas son limitadas.

Tamén será precisa a inscrición previa para participar na visita teatralizada polos xardíns do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) que Andaravía Teatro realizará o domingo 4 de marzo ás 16:30 horas. Baixo o título ‘Benvido, Sr. Ilustrado’, a compañía vedresa convida os participantes a descubrir os recantos máis destacados dun dos espazos máis emblemáticos do municipio a través dunha historia de ficción inspirada na visita que o ilustrado español Gaspar Melchor de Jovellanos realizou ao Pazo de Ortigueira en 1811 para curarse dun catarro con leite de burra. A entrada para a visita custa 5 euros.

Un referente do teatro amador galego
A Mostra de Teatro Amador de Vedra naceu no ano 2004 por iniciativa da Asociación Cultural Papaventos co obxectivo de ofrecer aos grupos de teatro afeccionado tanto da comarca como do resto de Galicia un espazo no que expoñer os seus espectáculos e contribuír ao tempo á dinamización cultural dun municipio do rural como Vedra. Ao longo das súas 15 edicións, Teatrofilia, foise consolidando ata constituír un referente para ao teatro afeccionado galego ao tempo que ofrece aos veciños unha programación teatral estable.

 

Para acadar estes obxectivos, a Asociación Cultural Papaventos conta coa colaboración
da Consellería de Cultura e Educación, a Deputación da Coruña, o Concello de Vedra e a
Asociación Cultural Ullán.