Noticias de Hoy
unnamed
Fecha: 11/02/2021

Xornadas sobre as máscaras tradicionais de Entroido

O Museo do Pobo Galego continúa coa súa programación nunha nova edición online das xornadas dedicadas ás máscaras tradicionais de Entroido. Esta actividade terá lugar os días 11, 12 e 16 de febreiro ás 7 da tarde a través da canle de Youtube da institución. Neste ano, no que esta festa será tan diferente a outros, o Museo quere recoller o seu carácter catártico e, aproveitando o soporte dixital, coñecer outras máscaras da península ibérica nun percorrido que irá de Podence (Trás-Os-Montes, Portugal) a Toén (Ourense) pasando por Riofrío de Aliste (Zamora), compartindo o espírito resistente e creativo de Caretos, Carochos, Labardeiros e Señoritas.
 
A primeira xornada terá lugar o día 11 de febreiro e xirará arredor dos Caretos de Podence (Trás-Os-Montes) coa intervención de Antonio José Valente Carneiro, presidente e fundador da Asociación Grupo de Caretos de Podence. Esta figura representa imaxes diabólicas e misteriosas que saen á rúa nas festividades carnavalescas de Podence – Macedo de Cavaleiros. O proceso de recuperación desta tradición comezou após a revolución de 1974, na actualidade esta figura está recoñecida como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.

Ao día seguinte, o 12 de febreiro viaxaremos a Riofrío de Aliste (Zamora) para coñecer aos Carochos ou Zangarrones da man de Juan Francisco Blanco, autor do libro Los Carochos. Rito y tradición en Aliste e Rubén Gago, membro da Asociación Amanecer. Esta figura forma parte das diversas mascaradas de inverno que hai no norte de peninsular e sae cada 1 de xaneiro polas rúas da vila. Nesta saída os Carochos representan unha función teatral que mestura bailes, cantos, ritos de fertilización da terra, carreiras, pelexas entre personaxes e moito humor. Esta festa está declarada de Interese Turístico de Castela e León dende 2002.

A última xornada terá lugar o 16 de febreiro e estará dedicada ao entroido de Mugares (Toén) coas figuras dos Labardeiros e Señoritas, dúas das súas personaxes principais. Nela intervirán Ángeles Iglesias DaSilva (Presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Amencer) e Rosa María Feijoo Rebollo (Concelleira de Cultura de Toén), axentes principais na labor de recuperación destas máscaras.