VI Festival Aturuxo en Santiago de Bravos
O Goberno da Deputación promociona a música popular galega en Ourol co VI Festival Aturuxo
- García Porto, Pajón Camba e Ramil Rivera presentaron a cita musical que organiza a Asociación Cultural Aturuxeiros de Bravos, que terá lugar os días 28 e 29 de xullo no entorno da Igrexa de Santiago de Bravos, e que reunirá a 500 persoas no municipio
- A Deputada de Cultura subliñou que “colaboramos co festival a través do Musiqueando, cunha actuación musical, co obxectivo de dinamizar a vida cultural das nosas vilas ao tempo que impulsamos a economía e o turismo do Concello de Ourol”
-- A Compañía do Ruido, Pan de Capazo, Trapallada e Böj, son os grupos que tocan este ano no festival musical que promociona a música popular galega
A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, o Alcalde de Ourol, José Luis Pajón Camba, e a Vicepresidenta da Asociación Cultural Aturuxeiros de Bravos, Sabela Ramil Rivera, presentaron este mércores no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, o VI Festival Aturuxo, que terá lugar os días 28 e 29 de xullo na parroquia de Santiago de Bravos, no municipio mariñán. A cita musical que organiza a Asociación Cultural Aturuxeiros de Bravos, conta coa colaboración do Goberno da Deputación, a través do Musiqueando, coa actuación do grupo A.C.M. Arume de Burela, e cunha achega económica de 2.000 euros do Concello de Ourol.
Pajón Camba convidou a todos os veciños da provincia a achegarse ao Concello de Ourol durante a celebración do festival para “poder desfrutar dos produtos extraordinarios e de calidade que ofrece o noso municipio, ao mesmo tempo que coñecen un enclave turístico de primeiro nivel, como é a Igrexa parroquial de Santiago de Bravos”.
A VI edición do Festival Auturuxo comezará o día 28 de xullo cunha cea popular e unha foliada aberta ao público. A xornada do sábado arrancará ás 13:30 horas coa sesión vermú e a actuación musical a cargo da A.C.M. Arume de Burela. A partir das 17:00 horas, haberá animación nas rúas e xogos populares dirixidos a todas as idades. Ás 21:30 horas comezará o propio festival musical, cos concertos dos grupos A Compañía do Ruido, Pan de Capazo, Trapallada e Böj, que foi o gañador do certame runas na edición pasada do Mundo Celta de Ortigueira. Haberá habilitada unha zona de acampada gratuíta ao carón da Igrexa parroquial de Santiago de Bravos.