Noticias de Hoy
Run Baby Run_CARTEL
Fecha: 06/10/2023 a 08/10/2023
Horario: 01:00 a 01:00

Run Baby Run en Santiago de Compostela

O equipo de Run Baby Run estreará o vindeiro 6 de outubro no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Santiago de Compostela a súa obra, que estará no Salón Teatro de Santiago de Compostela os días 6, 7 e 8 de outubro.

Trátase dun espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia

Fátima Delgado asina o texto desta peza dirixida por Jana Pacheco e cun elecon formado por Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez.

A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, cando Alba, unha atleta de éxito que acaba de gañar un Mundial, é apartada da competición oficial por un feito inesperado e experimenta como se derruba o seu mundo. Acompañada pola súa inseparable adestradora, a deportista verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser. Para a dramaturga Fátima Delgado, “Run Baby Run é unha historia de ficción que trata sobre unha atleta profesional que, no mellor momento da súa carreira, é apartada da competición e agraviada publicamente por unha cuestión de xénero”.

Para a creación da obra, Fátima Delgado investigou sobre varios casos de mulleres deportistas que sufriron discriminación de xénero no ámbito deportivo, unha situación de plena actualidade, xa que, a menos dun ano dos Xogos Olímpicos de París, a algunha delas non se lle permite participar dentro da súa especialidade na categoría feminina.

O texto de Run Baby Run, pon o foco no deporte feminino, un tema que se prodiga pouco no teatro, e faino ademais desde unha perspectiva de xénero. Segundo a propia Fátima Delgado, “un dos motores que me impulsan a escribir é poder plasmar historias de mulleres que, desde as súas accións, ás veces aparentemente sinxelas, contribuíron a romper estereotipos na nosa sociedade”.

Nesa liña afonda a directora Jana Pacheco que ve no feminismo “unha clave fundamental de transformación social” e afirma que “Run Baby Run é unha obra que aposta por visibilizar a situación da muller no deporte e reflexiona sobre como as mulleres que non teñen un corpo normativo son dobremente discriminadas”.

Alén diso, tamén salienta que é “un espectáculo contextualizado no Entroido, o cal fai que podamos investigar toda esa maxia telúrica, a fantasía que vén do entroido, da carnalidade e dun mundo onírico que nos permite levar o realismo máxico a escena, desenvolvendo unha dramaturxia visual a partir de elementos plásticos deseñados cun equipo artístico excepcional”.