Noticias de Hoy
cadaval
Fecha: 26/09/2023
Horario: 01:00

Quico Cadaval en Santiago

Quico Cadaval, referente internacional da narración oral, comeza a celebración dos seus trinta anos contando historias cun espectáculo especial o vindeiro martes, 26 de setembro, no Teatro Principal de Santiago ás 20:30 horas.

A Asociación Memoria Atlántica, organizadora do Festival Atlántica, argalla coa colaboración da Agrupación Cultural O Galo e o patrocinio do Concello de Santiago unha función única que aspira a ser unha homenaxe, un agradecemento e unha celebración das boas historias. A entrada será gratuíta e os convites, que estarán limitados a dous por persoa, poderanse retirar dúas horas antes do comezo do espectáculo.

En 30 anos a contar historias. Notas de rodapé, alén de agasallar aos asistentes cun feixe dos seus mellores contos, Cadaval vai deixar aberta a porta á participación do público, que está convidado a depositar na entrada do Teatro as preguntas que desexen. No transcurso da noite, algunhas delas serán seleccionadas ao chou e respondidas sobre a marcha por Cadaval. Así pois, o que aconteza no escenario vai ser unha mestura da habilidade improvisadora do artista e das características da propia pregunta. Todo pode pasar nesta noite única e moito do que ocorra dependerá da capacidade creativa do público.