Auditorio de Galicia. NH Collection. Teatro Principal. Centro Don Bosco. Do 28 de novembro ao 18 de decembro.
O festival galego de música negra celebra este 2020 unha edición intermedia cos mellores sons do xénero e coa vista posta na celebración do X aniversario, posposta a 2021. Os concertos estarán dispoñibles en liña despois de celebrárense, o que supón a primeira versión dual do Outono Códax Festival, que se adapta ás circunstancias da actual situación de pandemia.
Josele Santiago actuará con The Limboos. Tito Ramírez, as bandas galegas Ukestra do medio e Sabela King & The Heartbreakers mailas afrocatalás The Sey Sisters completan o apartado musical. Haberá outras actividades paralelas, como a homenaxe ao cantautor Andrés do Barro, sesións djs en "Batallas aos pratos" e catas e gastronomía nos "Venres en branco".
O último sábado de novembro, día 28, terá lugar o concerto que ofrecerán en conxunto Josele Santiago e The Limboos. Será un dos pratos fortes desta edición. Programada no Auditorio de Galicia, esta actuación é, sen dúbida, un dos eventos a non perder deste Outono 2020.
A música volverá sonar en directo, desta vez no hotel NH Collection o 5 decembro, da man do misterioso Tito Ramírez, alcumado o Sixto Rodríguez español. No seu día, creuse que o seu primeiro single pertencía a un artista dos 60 que non chegara a publicalo, ata que o enmascarado subiu a un escenario a presentalo.
Este ano o festival inclúe, ademais de The Limbos, outras dúas bandas galegas: Sabela King & The Heartbreakers e Ukestra do Medio, que actuarán o próximo 14 de novembro no Principal.
E a última cita do festival galego de música negra será o 18 de decembro co espectacular trío de voces negras The Sey Sisters, que actuarán no marco do IX Mercado da Estrela, na pista cuberta do centro Don Bosco, co que o festival inicia unha colaboración que pretende ampliar no futuro coa celebración de actividades conxuntas.
O festival completará a súa proposta musical con distintas actividades paralelas, como vén sendo xa habitual. Con elas busca manter o vínculo coa cidade de Santiago de Compostela cunha oferta variada que inclúe djs, catas de viño e gastronomía.