O vindeiro xoves día 19 Festiclown e Pallasos en Rebeldía organizan unha gala solidaria por Palestina na Fundación Araguaney (salón de actos do Hotel Araguaney) en Compostela. O obxectivo da dita iniciativa é o de procurar financiamento para o vindeiro Festiclown Palestina en xaneiro de 2014, así como evidenciar a situación de supresión total de dereitos que padece o pobo palestino.
Será ás 21 horas no salón de actos do Hotel Araguaney e coa colaboración da Fundación Araguaney, Froq Eventos e BDS Galiza cando Sergio Pazos, Monica de Nut, Evaristo Calvo, Luis Iglesia Besteiro e Xabier Deive, Najla Shami, o Mago Teto e Camilo Franco & Mr. Cool, presentados por Os Sete Magníficos máis Un, suban ao escenario para actuaren pola liberdade do pobo palestino. Esta gala destinará o total íntegro da recadación á celebración do segundo Festiclown Palestina en xaneiro de 2014.
As entradas, a un prezo de 10 euros, xa poden mercarse na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6, Compostela), escribindo a info@pallasosenrebeldia.org ou chamando ao 981582836.
Esta é a segunda gala solidaria que ambas as dúas entidades galegas poñen en marcha nos últimos días, xa que o pasado 29 de novembro, diversos artistas como Sergio Pazos, Jabier Muguruza, Porrotx Pailazoa, Santi Ugalde, Pablo Muñoz ou Virginia Imaz, entre outros, tamén achegaron o seu talento por Palestina no Teatro Prinicipal de Donostia.
Festiclown Palestina
Festiclown Palestina fíxose realidade en setembro de 2011. Logo de varios anos de caravanas solidarias a diversos territorios palestinos, durante 15 días Nablus, Ramallah e Jerusalem foron escenario das actuacións de Pallasos en Rebeldía. Acompañados por Patch Adams, Leo Bassi, Peter Punk e outros artistas, os integrantes deste grande espazo do circo social devolvéronlles o sorriso a milleiros e milleiros de palestinos e palestinas.
En xaneiro de 2014 está previsto celebrar a segunda edición do Festival, desta volta nos campos de refuxiados do Líbano, que o director de Festiclown e Pallasos en Rebeldía, Iván Prado, visitou o pasado outubro para actuar tamén de xeito solidario diante de centos de persoas. Para que este festival poida ser unha realidade, vén de abrirse tamén un 'Verkami' http://www.verkami.com/projects/7435-festiclown-palestina-en-el-libano-2014 desde o que poder achegar unha cantidade económica que permita a súa realización.