Noticias de Hoy
José Luis Gutiérrez 'Don Guti' ©Xaime Cortizo (3)
Fecha: 06/10/2023
Horario: 22:00

Función de Don Guti en Santiago

O zamorano José Luis Gutiérrez, máis coñecido como ‘Don Guti’, trae a Santiago o seu último espectáculo, Cando Deus andaba polo mundo, este venres, 6 de outubro, no CSC As Fontiñas. A función, destinada ao público adulto, comezará ás 21. A actividade está organizada pola Asociación Memoria Atlántica e conta coa colaboración da Rede de Centros Socioculturais de Santiago e mais co patrocinio do Concello de Santiago.

Cando Deus andaba polo mundo nútrese dos relatos de orixe relixiosa que foron incorporados polos narradores tradicionais ao seu repertorio. Escapaban así do seu hábitat relixiosa e pasaban a ocupar espazos populares e a ser contados ao redor do lume, en xuntanza de pastores, en festas de mozos, afastándose da doutrina e achegándose ao que o pobo lembra e conta.

No caso concreto do espectáculo de Guti, esta sesión reúne relatos escoitados en Noz de Aliste que narran as aventuras de Cristo e San Pedro polas terras da raia entre España e Portugal, historias onde a bondade e o enxeño de Cristo contrapóñense a un San Pedro, bruto e teimudo, historias onde o humor, a sátira e a crítica están sempre presentes. O espectáculo recolle tamén En la diestra de Dios Padre, un conto publicado en 1897 polo escritor costumista colombiano Tomás Carrasquilla que é a adaptación dunha serie de historias tradicionais de orixe europea que circulaban na súa Antioquía local.

‘Don Guti’ é gaiteiro, cantador, bailador e, sobre todo, contador de historias. Realizou un inmenso labor de compilación etnográfica en longos seráns de cociña e faladorio en vilas de Zamora, León e Salamanca. O seu traballo céntrase no uso de materiais recollidos directamente de narradores tradicionais, na súa maior parte anciás e anciáns do mundo rural. Traballou principalmente na contorna rural tentando dalgún xeito restablecer a cadea de comunicación-transmisión da cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio nunha sociedade dominada polo que se repite dende o televisor.