Noticias de Hoy
BABY ESFERIC 01
Localidad: Ames
Fecha: 06/10/2023
Horario: 19:00

Función ‘Baby Esferic’ en Ames

Camiño Escena Norte, o proxecto de intercambio cultural a través das artes escénicas no que participan compañías teatro, danza e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta fin de semana á localidade de Ames. Este venres, 6 de outubro, ofrecerá unha dobre función do espectáculo infantil e familiar ‘Baby Esferic’, da compañía vasca Aboon Teatro, na Casa da Cultura do Milladoiro.

‘Baby Esferic’  é un espectáculo innovador que propón despertar a imaxinación de toda a familia, á ver que rende unha homenaxe á Terra. Sen texto, e cunha linguaxe delicadamente visual e estética minimalista, é unha divertida viaxe para redescubrir e emocionarnos co noso fogar a través dos ollos das máis pequenas e pequenos. A peza fala da maxia que nos une ao planeta e aos seus habitantes a través de diferentes historias e paisaxes.

Unha grande esfera branca é a protagonista, e que se transforma en diferentes lugares e simpáticos animais, coma medusas que emerxen do fondo do mar, tartarugas milenarias que amosarán o ciclo da vida, abellas recolectoras que cooperan ou, incluso, un boneco de neve que chegará desde o Ártico. A  obra está dirixida, especialmente, a bebés de 6 meses a tres anos e cada función ten unha duración duns 30 minutos e, a continuación, conta con 15 minutos de espazo de xogo coas familias.

De cara á vindeira semana, Camiño Escena Norte continuará o seu percorrido por Viveiro, Carballo, Vimianzo e Portomarín, con espectáculos como Sexpiertos -gañadora do Premio Max Mellor Labor de Produción 2023-, que ofrecerá unha función o venres 13 en Viveiro e outra o sábado 14, en Carballo; Misery, a adaptación da novela de terror de Stephen King, que chegará o sábado 14 a Vimianzo; e Malabaracirco, espectáculo de novo circo que se poderá ver en Portomarín o domingo 15.