A Sala Capitol transformarase nunha auténtica FOLĪA das ARDENTES o vindeiro 29 de setembro.">
Noticias de Hoy
BQ01_CARTEL_CAPITOL_trazado
Fecha: 29/09/2023
Horario: 01:00

Folia das Ardentes en Santiago

A Sala Capitol transformarase nunha auténtica FOLĪA das ARDENTES o vindeiro 29 de setembro. Mondra, unha das voces máis singulares e prometedoras da nova escena musical galega, presentará ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro LP, sobre o escenario compostelán. As entradas para a cita estarán dispoñibles a partir deste martes, 22 de agosto. 

Cantareiro, bailador, instrumentista e compositor, Mondra é o cocreador, xunto con Berto, dalgúns dos temas máis coreados e escoitados este verán en Galicia, como é o caso de PUNHETA!, no que tamén participa Fillas de Cassandra, ou RUMBAMBĀ. Todos eles formarán parte de ARDĒN, o seu álbum debut, unha proposta ambiciosa, luminosa e reflexiva ao tempo; que salienta pola súa marcada identidade así como pola rebordante dimensión electrónica dun proxecto que dialoga coa música tradicional galega.

ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade, un traballo conceptual no que Mondra introduce ás ouvintes nunha terra que saúda a liberdade, os afectos e o amor. Tal e como sinala o creador, “en ARDĒN hónrannos o orgullo de ser e a valentía de estar ARDENTES. Porque, por enriba de quen non nos quere libres, a FOLĪA segue a ser o noso espazo libertario. Fomos sepultadas, para furar dende o chan. Para, despois de todo, volver facer da FOLĪA un espazo onde troupelear. Onde rir as penas e chorar as alegrías. Porque hai en ARDĒN unha rosa seca e espiñada que, na FOLĪA, reverdece”.

Así, ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade. É na FOLĪA onde xorde a máxima expresión das súas músicas. E este mesmo espazo libertario, esta FOLĪA das ARDENTES, é a que chegará o 29 de setembro á Sala Capitol na presentación pública de ARDĒN. Será unha noite na que Mondra despregará unha proposta contundente, dinámica e liberadora. Unha experiencia musical, visual e performativa na que, sobre o escenario, estará acompañado de convidadas especiais, todas e cada unha das ARDENTES partícipes no álbum que verá a luz o mércores 20 de setembro nas principais plataformas dixitais e que tamén estará dispoñible nas tendas físicas.