Feria del Libro 2019, en Santiago de Compostela. Se celebrará desde el 28 de abril al 5 de mayo.
Do 28 de abril ao 5 de maio, o paseo central da Alameda acollerá unha nova edición da Feira do Libro de Santiago, xa a número 38. Desta vez, haberá unha ducia de expositores e están previstas numerosas actividades paralelas. O alcalde, Martiño Noriega, presentou a nova edición da Feira do Libro, acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e Dolores Puerta, da Federación de Librarías de Galicia.
O alcalde salientou que "despois de 38 edicións, a Feira do Libro está totalmente consolidada en Compostela, forma parte da paisaxe da Alameda cada primavera e é unha cita fundamental para toda a veciñanza de Compostela". Martiño Noriega agradeceu o esforzo da Federación de Librarías para "manter esta cita anual en Santiago e tamén noutras 15 vilas galegas, e tamén por mellorar cada ano a súa programación, con numerosas propostas complementarias que lle dan unha maior categoría ao evento".
A Feira do Libro leva este ano por lema "Máis que palabras". Dolores Puerta explicou que o obxectivo é "recordar a Antonio Fraguas, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, que mostrou que o libro vai moito máis alá do contido estritamente literario, abrangue a música, a natureza, a nosa historia…".
A 38 edición da Feira do Libro arrincará o próximo domingo co pregón da escritora Marilar Alexandre e coa actuación de piano de Javier Constenla. Comezarán así oito intensos días nos que polo paseo central da Alameda pasarán numerosos autores e autoras para presentar os seus últimos traballos, como María Solar, Antón Lopo, Diego Giráldez, Daniel Asorey, Pere Tobaruela ou Andrés Meixide. Outros moitos escritores e escritoras estarán na Feira do Libro de Santiago para firmar exemplares dos seus libros. Entre eles figuran Ana Cabaleiro, Suso de Toro, Joaquín González Acuña, Nuria Díaz, Ledicia Costas, Raquel Senra, Marcelino Agís ou Manuel Portas.
Na Feira do Libro haberá novamente moitas actividades paralelas, moitas delas pensadas para o público máis novo. Haberá todas as tardes propostas para os nenos e as nenas, que poderán gozar dos concertos de Paco Nogueiras, Oviravai ou Magín Blanco. Tamén aprenderán máis de Stephen Hawking e dos buracos negros, cunha actividade de Ciencia en Movemento, e poderán participar nun obradoiro de manualidades con Naturizo.
A Feira do Libro estará aberta no paseo centra da Alameda de 11:30 a 14:00 horas, e de 17:30 a 21:00 horas. Nas fins de semana e nos festivos pechará ás 14:30 horas. Todos os libros terán un desconto do 10% en todas as casetas.