Noticias de Hoy
Feira Cuarto Publico
Fecha: 29/11/2013 a 01/12/2013

Feira Cuarto Público

CUARTO PÚBLICO é unha feira de arte, nova e independente, que celebrará a súa primeira edición entre os días 29 de novembro e 1 de decembro de 2013 na primeira planta do hotel NH OBRADOIRO de Santiago de Compostela.

Reserve eses días na súa axenda. Cuarto Publico meréceo.

É a primeira feira de arte actual de Galicia:

  • Na que hai cabida para a participación de todo tipo de disciplinas artísticas: instalación, fotografía, escultura, pintura, performance, teatro, danza, moda, deseño, música, poesía... Artistas expresándose en diferentes medios e soportes. A única condición é acadar a calidade esixida.
  •  Na que se valora o diálogo entre estas disciplinas entre si, e de todas elas co espazo. Amosará diferentes maneiras de expresión, mostradas individualmente ou interaccionando entre elas. Entendemos cada habitación mais aló dun stand ou espazo de exposición. HABERÁ QUE RE-PENSAR UNHA HABITACIÓN DE HOTEL. Cando se expón arte, esta pasa de ser propia, intima, a ser pública. Neste caso, a habitación segue o mesmo percorrido.
  • Na que se lle da a posibilidade aos artistas, directamente (sen intermediación) para exhibir, comunicar e vender as súas obras. Un novo formato dinamizador, necesario hoxe.

Todo isto, converxendo nun entramado aberto e flexible e ao mesmo tempo novidoso en Galicia [non así en España, Europa e América; citamos como exemplo convocatorias anuais madrileñas como Room Art Fair ou Just Madrid]. CUARTO PUBLICO sucederá nun lugar de tránsito, como o momento que estamos a vivir: UN HOTEL.

Durante tres días, a primeira planta deste magnífico hotel de cinco estrelas (28 habitacións) estará dedicada a amosar diferentes intervencións artísticas. A plástica actual exposta nun espazo tan rico, neutro, literario, evocador, cheo de lecturas, como é a habitación dun hotel.

As habitacións acollerán no seu interior pezas de arte, comisariados, bloggers, audiovisuais. Fora delas terá lugar un contínuo “programa vivo” que presentará debates, talleres didácticos, show rooms de deseñadores de moda internacionais, danza e catas de produtos, entre outras moitas convocatorias.

Trátase dunha proposta galega con ambición internacional que amosará a potencialidade dos recursos e as capacidades produtivas do noso territorio.
Galicia como anfitiroa de artistas, galeristas, comisarias e comisarios, editoriais, coleccionistas e especialistas en xestión cultural e crítica de arte, e por suposto dun público activo, interesado e curioso pola arte actua. Todos vós teredes aquí unha cita ineludible.

Perfil de asistentes. A feira ten como obxectivo de partida abrir o consumo de arte ao público en xeral, procurando a ruptura de barreiras ao facilitar a comprensión e as compras, pero é coñecido que os e as consumidoras de produtos culturais pertencen a un segmento social formado, e coa sensibilidade adecuada para valorar a calidade dos produtos que se lle ofrecen, necesarios nunha época onde precisamos definir agasallos diferenciados para os nosos seres queridos.

¡Programa completo aquí!

Web: www.cuartopublico.com

Cuarto Publico
⚙ Configurar cookies