Noticias de Hoy
betulapendulahorizontal
Fecha: 21/03/2018 a 19/08/2018

Exposición en Santiago de Compostela: Betula Pendula. Intervención paisaxística nas Torres Hejduk

Exposición en Santiago de Compostela: Betula Pendula. Intervención paisaxística nas Torres Hejduk.

A fraxilidade dos bosques galegos feita arte. Esta é a idea Martín Toimil para a intervención paisaxística Betula Pendula nas Torres Hejduk, na que fai uso do carácter dual destas estruturas (vidro-pedra/transparente-opaca) nun xogo cos opostos cos que quere reflectir a realidade dos montes galegos. Por unha banda, a beleza, a través das paisaxes que ofrecen as súas especies autóctonas, como o bidueiro. E pola outra, a destrución, causada pola lacra dos lumes.

Para esta intervención baseada na confrontación, Martín Toimil —licenciado en Arquitectura paisaxista pola Universidade Técnica de Lisboa— colga bidueiros na torre de cristal e fai o mesmo na de pedra. Mais, nesta última, vense os queimados pola última vaga de lume que sufriu Galicia. En ambas instalacións están colgadas do revés, emulando o perfil do alzado das Torres Hejduk, xa que o oco entre os dous edificios é idéntico á silueta dunha árbore invertida.

Na torre de cristal, os bidueiros están suspendidos con amarres desde a propia cepeira, onde tamén está instalado un sistema de rego que permita manter as árbores vivas. No chan está colocado un espello. Deste xeito, trasládaselle ao visitante a sensación de camiñar sobre as copas.

Mentres, na torre de pedra que acolle as árbores queimadas de xeito invertido, a modo de escultura, aproveitarase a ausencia de luz e instalarase unha iluminación que transmita sombras proxectando a escultura por todo o interior.

MARTÍN TOIMIL

Martín Toimil Mato é tamén enxeñeiro agrónomo pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende 2010 dirixe o estudio de arquitectura paisaxista laND30, a través do cal desenvolve a súa actividade profesional. Algúns dos seus traballos teñen acadado diversos premios en concursos nacionais e internacionais. O Xardín Celta que resultou gañador na 2013 World Landscape Art exposition en Jinzhou na China. Nebula acadou o primeiro premio no concurso internacional para a Urbanización Marina Al Arab en Dubai, presentado en colaboración co estudio de arquitectura A-cero. Epigrafía obtivo unha mención de honra no concurso de Ideas para o Claustro de San Francisco no Museo Provincial de Lugo no 2011, o igual que a proposta para a revitalización da Rúa Frei Caneca en São Paulo, O Brasil. Recentemente, Activar el Cráter, en colaboración con Iván Torres arquitectos, resultou vencedora do concurso de ideas para o Parque Urbano Playa Honda en Lanzarote, nas Illas Canarias. Ademais compaxina o seu labor profesional con actividades de divulgación e docencia.

OUTRAS INTERVENCIÓNS NAS HEJDUK

As Torres Hejduk soen ser obxecto de intervención artística, neste caso co matiz de paisaxística, para converterse, deste xeito, nun nun espazo expositivo non convencional que ten acollido propostas de artistas contemporáneos como Pamen Pereira, Ana Soler, Alejandra Sampedro, Félix Fernández, Sonia Navarro ou a Inma Álvarez-Laviada.

As Torres Hejduk foron deseñadas polo arquitecto norteamericano John Hejduk como un invernadoiro vertical para o parque de Belvís de Santiago. Tras o falecemento de Hejduk, o seu amigo Peter Eisenman decidiu integralas no proxecto da Cidade da Cultura. Deste xeito, se converteron nun dos primeiros elementos en construírse no monte Gaiás. Visibles desde moitos puntos de Compostela, a súa forza visual outorgarlles un carácter icónico, converténdose nun dos símbolos máis representativos da Cidade da Cultura.

Desde a súa apertura ao público, as Torres Hejduk acollen propostas de artistas contemporáneos e están conectadas ao Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia’, no que os participantes son convidados a participar nun concurso de propostas para intervir nelas. Precisamente, a última intervención foi a de Fredy Solano con A través dun horizonte sen corpo e a vindeira será a do último proxecto gañador: ‘AAMA’ (Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica)


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635