Exposición: EA liña Hejduk, en Santiago de Compostela.
Irma Álvarez-Laviada fai visible a terceira Torre Hejduk a través da nova instalación artística deste espazo arquitectónico do Gaiás: A liña Hejduk. Nesta intervención, a creadora emprega liñas de led para debuxar a contorna do espazo baleiro entre as dúas torres construídas. Ao delimitar con luz o perímetro deste oco, emerxe a silueta dunha torre invertida –da mesma proporción que as construídas-, facendo aparecer unha parte do proxecto arquitectónico de John Hejduk que ate o de agora pasaba inadvertida para moitos visitantes.
Comisariada por Susana González, a proposta de Álvarez-Laviada complétase cunha exposición no interior das torres, na que se explica a investigación sobre a arquitectura de Hejduk que a artista levou a cabo, así como o proceso e a metodoloxía que seguiu. A liña Hejduk inscríbese dentro dos traballos de Álvarez-Laviada en torno ao concepto de baleiro, un recurso artístico constante na súa traxectoria.
Irma Álvarez-Laviada (Xixón, 1978). Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, onde cursou estudos de doutoramento, Irma Álvarez-Laviada preséntase como unha das creadoras con maior proxección da escena da arte contemporánea en España. Ao longo da súa carreira ten recibido premios e bolsas tan destacados como a bolsa de Artes Plásticas da Fundación Botín (2016) ou a bolsa de creación da Cité Internationale de París. Ademais, realizou residencias no Colegio de España en París, na Residencia de Estudiantes de Madrid, na Casa de Velázquez tamén na capital de España ou na Real Academia de España en Roma. A obra desta artista atópase en coleccións institucionais e privadas como a do Ministerio de Cultura, a de Pilar Citoler de Zaragoza ou a da Fundación Masaveu de Oviedo.