Noticias de Hoy
danza
Fecha: 26/04/2018 a 05/05/2018
Horario: 01:00

Día Internacional da Danza en Santiago de Compostela

Día Internacional da Danza en Santiago de Compostela.

Do 26 de abril ao 5 de maio, compañías locais e internacionais chegan á cidade.

A Concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá o catálogo de actividades coas que o Concello de Santiago celebra o día Internacional da Danza. Dous obradoiros e cinco espectáculos que se ofrecerán do 26 de abril ao 5 de maio no Teatro Principal, o Auditorio de Galicia e o Centro Xove da Almáciga. Na rolda de prensa participaron tamén responsables das entidades e asociacións que colaboran neste programa de actividades, como o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o director da Banda Municipal de Música de Santiago, Casiano Mouriño, o Director de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, a integrante de Alfaia Danza, Marta Alonso, e a profesora da Academia Lodanzas, Mª Dolores Fojón.

A bailarina e coreógrafa Janet Novás abre a programación o xoves, día 26 de abril ás 16.00 horas, co obradoiro O corpo ocupado no Teatro Principal. A participación neste taller, de balde e limitada a 20 prazas, esixe inscrición previa enderezo electrónico teatroprincipal@santiagodecompostela.gal. O obradoiro de Janet Novás forma parte das actividades do proxecto europeo Wom@rts, que coordina o Auditorio de Galicia. Este proxecto desenvolvido con fondos de Europa Creativa e no que participan institucións doutros nove territorios europeos, ten por obxecto promover a presenza igualitaria das mulleres na cultura e os circuítos de distribución artística.

Ao día seguinte do obradoiro, o venres 27 de abril, Novás leva ao Teatro Principal o espectáculo Si
pudiera hablar de esto no haría esto, unha peza coproducida por Festival de Otoño en Primavera da Comunidade de Madrid, o Teatro Pradillo, Escenas do Cambio e Festival BAD Bilbao. En Si pudiera hablar de esto no haría esto, a artista entrégase ao xogo co corpo, co tempo e o espazo que a arrodea para compartir sensacións, iniciar un camiño a través das súas experiencias e necesidades de expresión, nunha peza na que a acción, a entrega o compromiso e a responsabilidade se volven imprescindibles. As entradas para este espectáculo, que comezará ás 20.30h, teñen un prezo de 10 euros con descontos do 50% para persoas desempregadas, maiores de 65 anos, xubiladas, menores de 25, estudantes, e membros de familias monoparentais ou numerosas. Poden ser mercadas en entradas.abanca.com, no teléfono 981 910 522 e no despacho de billetes do Teatro Principal.

O sábado 28 de abril ás 18.30 horas, a compañía galega Entremáns presentará Gaia no Teatro
Principal. Tráase dunha peza didáctica para público familiar coa que achega a pequenas e pequenos a importancia do coidado ambiental de forma visual e imaxinativa. As entradas para o espectáculo teñen un prezo de 4 euros e existe a posibilidade de mercar un bono familiar de 4 entradas por 12 euros.

Xa o domingo, 29 de abril, a Banda Municipal de Música de Santiago súmase a Asociación de Danza Alfaia e á Academia Lodanzas para ofrecer un espectáculo conxunto que encherá de música e movemento o escenario do Teatro Principal. Será a partir das 12.30 horas e contará co alumnado de ambas escolas coordinados por Paula Quintas, Marta Alonso, Yolanda Paz, Lucia Cameselle, e Sergio

Perol, profesores Danza Alfaia, e Loli Fojón, profesora de Lodanzas. Casiano Mouriño será o
encargado de dirixir á banda nun programa musical que combina pezas de A. Reed, I. Chaikovski, Khachaturian, E. Whitacre, G. Miller, K. Vlak, D. Shostakovich e J. Kander. A entrada para este
espectáculo é libre até completar aforo.

Ao tempo, o Centro de Danza e Artes escénicas Can Cun Quinqué, en colaboración coas diferentes
escolas e centros de danza de Santiago de Compostela, completa a celebración na Alameda cun
espectáculo para todos os públicos.

O mesmo domingo á tarde, Nova Galega de Danza levará o Auditorio o seu espectáculo Son. Unha
peza que fala do encontro co corpo e co acto creativo, e que convida a quen baila e a que mira a ficar aberto ao cambio. Dirixida por Jaime Pablo Díaz e Carlos Rodríguez, a peza conta con bailaríns de danza tradicional galega, danza española e danza contemporánea. As entradas para a función, que terá lugar ás 19.00 h na Sala Ángel Brage, teñen un prezo de 10 euros con descontos do 50% para os colectivos antes mencionados. Pódense adquirir nas canles habituais de Abanca, no despacho de billetes do Principal e tamén no do Auditorio o día do espectáculo.

Pasado o día 29 de abril, os festexos do Día Internacional da Danza esténdense unha semana máis. O venres, día 4 de maio, terá lugar un obradoiro de Break Dance co bailarín e coreógrafo arxentino Dani Panullo. Impartirase a partir das 18.30 h no Centro Xove da Almáciga e, a participación é de balde, previa reserva no enderezo teatroprincipal@santiagodecompostela.gal
Ao día seguinte, o sábado 5 de maio, a Dani Pannullo Dancetheatre Co. estará a presentar no escenario do Principal o seu espectáculo Avalanche. Interesado nas novas formas de deporte urbano que agroman hoxe nas cidades, Pannullo inclúe nesta peza unha novísima modalidade de control do movemento que se sitúa entre a práctica do deporte e certo virtuosismo; trucos, creatividade e estilo convertidos no escenario en poesía. Esa “forma máis de danza”, segundo o seu director, que é o fútbol free-style. Como xa fixera anteriormente con b-boys, skaters, parkour, traceurs, beat-boxers, a compañía intenta elevar estas linguaxes aos escenarios cultos, buscando a aceptación de novas audiencias. Será partir das 20.30 h e as entradas están tamén á venda cos descontos e nas canles habituais.

O Día Internacional da Danza foi establecido pola Unesco en 1982, atendendo unha iniciativa do
Comité Internacional de Danza, pertencente ao Instituto Internacional de Teatro (ITI/UNESCO).

Para celebrar a danza elixiuse o 29 de abril, por ser o natalicio de Jean Georges Noverre, innovador e estudoso desta arte, mestre e creador do ballet moderno.