Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine desvela os primeiros nomes da súa XIX edición, todos eles con grande vinculación coa investigación, a arte sonora e as artes vivas, tres áreas de interese que perfilan o carácter da programación deste festival.
O festival, que terá lugar do 1 ao 9 de outubro en diferentes sedes de Santiago de Compostela, conta na súa programación con creadores recoñecidos internacionalmente polas súas achegas rupturistas e transdisciplinares. Ryoichi Kurokawa, Letícia Ramos, Lorenzo Senni, Awkward Moments e Andrew Norman Wilson son algúns dos nomes máis destacados
En primeiro lugar faise pública a sección competitiva EXPLORA, un dos buques insignia de Curtocircuíto por explorar camiños innovadores, achegados ao videoarte, o ensaio ou o cinema de vangarda. Cineastas como Deborah Stratman, Pedro Maia, Lois Patiño, Sasha Litvintseva, Ben Russell, Joseph Wilson ou Peter Tscherkassky participan nela coas súas últimas películas.
PULSAR e TERRA, as dúas seccións que se centran en autores emerxentes que xa teñen demostrado un traballo sólido con linguaxes marcadamente persoais, adican este ano o seu espazo a dous artistas que tamén atravesan a fronteira do xénero cinematográfico para diluírse entre disciplinas: o recoñecido norteamericano Andrew Norman Wilson -cuxa obra podemos atopar nas coleccións do MoMA de Nova York, Whitney Museum, Centro Pompidou, etc. - e a artista galega Marta Valverde, que presentará unha proposta de live cinema titulada Cosas Locas, froito do seu interese pola combinación de documental, ficción e performance.
Curtocircuíto mantense fiel aos seus eixos de acción centrais, o cinema de autor e as linguaxes contemporáneas, e, ao mesmo tempo, aposta con determinación polas artes vivas. Proba disto é o programa específico live A/V, concertos e performances que combina música e espectáculos de artes visuais creados á marxe da industria, prestando unha atención especial á creación underground. Os espectáculos A/V de Ryoichi Kurokawa, Awkward Moments e o concerto de Lorenzo Senni destacan entre as actuacións máis agardadas.
Na liña divisoria entre as seccións non competitivas e os espectáculos A/V, e sempre na liña da vocación integradora das artes do festival, está a sesión especial arredor da artista brasileira Letícia Ramos, en colaboración coa comisaria Marta Ramos Yzquierdo, que supón a estrea en España de dez obras súas.
En palabras de Pela del Álamo, director artístico de Curtocircuíto: "O festival é un lugar de encontro que ofrece ao público diferentes niveis de inmersión: combina o tempo de ocio e a diversión co pensamento e a reflexión e xera unha experiencia presencial que non pode ser substituída por visualizacións domésticas en plataformas VOD nin outros espazos dixitais".