Noticias de Hoy
las migas
Fecha: 14/04/2016
Horario: 21:30

Concierto de Las Migas, en Santiago de Compostela

Dúas andaluzas ás guitarras: Marta Robles, a veterana do grupo, e Alicia Grillo, a incorporación máis recente. Dúas catalás: Alba Carmona á voz e ao baile e Roser Loscos ao violín. Elas forman este insólito cuarteto feminino de flamenco e músicas mediterráneas. Aínda que proveñen de mundos diversos, coinciden na procura apaixonada da beleza. Procura constante en cada unha das notas que compoñen ou interpretan.

Unha explosión de sons puros, únicos e rebeldes: así é o universo sonoro de Las Migas.

Dende os seus inicios, o cuarteto afincado en Barcelona encheu grandes teatros e participou nos festivais máis importantes de músicas do mundo. A súa nova andaina ofrece un estilo máis rítmico, máis luminoso e con toques latinos. O seu espectáculo, recentemente estreado, agocha moitas sorpresas: para comezar, Alba presenta por primeira vez unha coreografía con cante e baile, onde nos agasalla con toda a súa sensualidade e forza. O espectáculo nace intimista para tornarse, pouco a pouco, desgarrador. E canalla. E até cómico nalgún intre. Vai medrando en intensidade pero conserva o xeito exquisito, o coidado do son e do corazón que sempre caracterizou a música de Las Migas.

Las Migas fundouse no 2004, con Marta Robles, Isabelle Laudenbach e Lisa Bause (até 2013) e Silvia Pérez-Cruz (até 2011). Agora está a piques de saír á luz o seu novo traballo, producido por Josemi Carmona (Ketama).

Alba Carmona, voz
Roser Loscos, violín
Marta Robles e Alicia Grillo, guitarra