Exposición COMPO5TELA
No decimo terceiro aniversario da galería, Espacio 48 convida a varios artistas que teñen traballado durante anos neste espazo. Amosarán nas súas creacións unha ollada propia de COMPO5TELA, a súa vida e a súa cor, o sentir persoal da cidade de pedra que cada artista plasma na súa obra ao seu xeito propio. O xoves, 24 de outubro, ás 20.00h ábrense as portas para amosar, nas paredes da galerías a historia, as cores e os movementos da capital.
Alberto Costa, licenciado en Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid, formado tamén na Escola de Artes de São Paulo e na Universidade de Lisboa. Centrado no deseño, á par da súa pintura, coa súa obra percorreu Brasil, Portugal e Madrid, desde onde chega a Compostela.
Vicente Prego, artista coruñés nado en 1957, graduado en Artes Aplicadas na Escola Mestre Mateo de Compostela e licenciado en Belas Artes en Pontevedra. Levou a súa obra aos espazos máis relevantes do panorama artístico galego. En exposicións colectivas colaborou en importantes mostras nacionais e internacionais, participando de varios stands na Interceltique de Lorient e ARCO.
Sebas Anxo, da Modia, Cambados, 1971, Licenciado en Belas Artes. Recibiu numerosos premios e bolsas polo seu traballo como gravador e pintor. Levou a súa obra por todo Galicia e o estranxeiro, participando en numerosas exposicións individuais e colectivas (ARCO, Nadir). A súa obra está presente en importantes coleccións de arte contemporánea públicas e privadas (Kutxa, Caixanova, Concello de Compostela, entre outras).
Vivián; trinta anos de carreira avalan a este artista compostelán, formado na Escola de Belas Artes de Sevilla nos anos setenta, que desenvolveu e investigou nas técnicas pictóricas, deixando testemuña das evolucións da arte que o rodeaban na súa propia obra. Unha evolución que non realiza de xeito mimético nin drástico, e que o levou a consolidarse no seu espazo de confort, participando en Atlántica e Nome, entre outros. Ten obra en grandes coleccións institucionais.
Xurxo Martiño nado en 1964 en Vimianzo, acadou o recoñecemento con varios premios á súa obra pictórica entre os anos oitenta e noventa, que o levarían a realizar varias individuais nas galerías galegas máis importantes e, de aí, a participar de relevantes exposicións colectivas (Interceltique de Lorient ou ARCO) durante a súa formación, e unha vez consolidado como pintor no panorama nacional.