Ciclo de Lied 2018 de Santiago de Compostela.
11 de setembro de 2018 – 20.30 h
Amor e vida de muller
Nace en Erevan (Armenia), onde estuda canto no Conservatorio Superior. Trasládase a España e continúa os seus estudos no Conservatorio Superior de Málaga e na Escola Superior de Canto de Madrid. Estudiou técnica vocal con Isabel Rey, Teresa Berganza, Jaume Aragali e Monserrat Caballé.
Ten cantado en varios dos máis importantes teatros e festivais de España, entre os que destacan o Gran Teatre del Liceu de Barcelona, Teatro de la Zarzuela de Madrid, Teatro Arriaga de Bilbao, Teatro Gayarre de Pamplona, Teatro Cervantes de Málaga, Festival Internacional de Música Castell de Peralada e un longo etcétera. Está considerada como unha destacada intérprete de música e ópera contemporánea, tendo participado en diversas estreas absolutas.
María Teresa García Molero, piano
Natural de Málaga, realiza o grado superior de piano no Conservatorio Superior de Música desa cidade, con matrícula de honra no exame fin de carreira e premio ao mellor expediente. Obtén mencións e o primeiro premio na mostra de Novos Intérpretes de Málaga. Ten recibido clases maxistrais de pianistas como o mestre Josep María Colom, Estefanie Cambier, Almudena Cano, Ana Guijarro, Alexander Kandelaki, Ángel Sanzo, Vladimir Krpan, Claudio Martínez Mehner, Gabriele Rota, etc.
Ten sido mestre repetidor do Teatro Cervantes de Málaga desde o ano 2006, traballando con directores como Luís Remartínez, Juan de Udaeta, Miquel Ortega, Daniel Lipton, Angello Cavallaro, Oliver von Dohnany... Así mesmo, ten tocado como solista coa Orquesta Sinfónica Provincial de Málaga e a OCUMA, e colabora habitualmente coa Orquesta Filarmónica de Málaga, tendo traballado con compositores e directores como Koji Kawamoto, Peter Bernstein, Fernando
Velázquez, Roque Baños, Blake Nelly, Bear McCreary, Mark Isham, Michael Giacchino, Edmon Colomer, Daniel Klajner, Luís Remartínez, Juan de Udaeta, Miquel Ortega, Daniel Lipton, Angello Cavallaro, Oliver von Dohnany, Marco Frisina, etc. No ano 2015 obtén o título do mestrado en Patrimonio Musical pola Universidade de Granada. Actualmente encóntrase realizando a tese doutoral nesa universidade e éprofesora de piano na provincia de Málaga.
María Cervantes, actriz
Nacida en Málaga, realizou os seus estudos de interpretación na ESAD Málaga, continuando a súa formación no Estudio Coraza para el Actor, en Madrid. Tamén alí participa en numerosos cursos, trainings e seminarios impartidos por Emilio Goyanes, Pablo Alvort, Juan Codina e Fernando Piernas.
Formou parte da montaxes teatrais como Querida Silvia de Joaquín Núñez, Agárrate a la Silla de En-Compañía Teatro o Las Señoritas de Avignon bajo la dirección de televisión ten traballaado en series como Rocío, case madre interpretando a “Ana”, así como varios personaxes episódicos en Arrayán, Sin Tetas no hay Paraiso y Los Serrano, entre outras.
Juan Fco. Contreras, actor e bailarín
Natural de Almería, cursa estudos de danza clásica na súa cidade natal, participando en cursos impartidos por Ángel Corella, Juana Dorado y Víctor Ullate. Comeza os seus estudos de interpretación na ESAD de Málaga. Alí participa en cursos impartidos por Paco Becerra e Juan Alberto Salvatierra entre outros.
Da súa experiencia teatral, destaca a súa participación en montaxes como Sofá para Dos de la compañía Re-teatro, El ruido de los huesos que crujen de Suzanne Lebeau con direción de Blanca Vega o Bodas de Sangre dirixido por Arcadio Chillón. Ten traballado para Micro-Teatro Málaga en Happy, de Miguel Ángel González y Nada es lo que parece de Mónica Arana.
Nicolás Augusto Guindo
Natural de Málaga, interesase rapidamente polo teatro e a ópera, participando en diversos grupos de teatro xuvenil. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Sevilla, onde realiza estudos experimentais de escenografía e espazo escénico, compaxina a súa educación con formación musical e seminarios sobre posta en escena operística.
Marcha a Londres, onde amplía a súa formación e entra en contacto co teatro saxón, colaborando como coach escénico freelance de alumnos de diversas escolas de música, á vez que se nutre da oferta cultural londiniense, feito que marca o seu xeito de achegarse á interpretación contemporánea dos clásicos.
Artista multidisciplinar, desenvolveu a súa obra en eidos como a pintura, a escultura, o deseño e a instalación, sempre desde un punto de vista de marcada tendencia da dramaturxia. Ademais ten colaborado co director Rafael R. Villalobos –Premio Europeo de Dirección Escénica– no proxecto La Serva Padrona xunto á Orquestra Barroca de Sevilla.
Identidade e introspección in extremis
Conta a lenda que o emperador Wudi, namorado da xove cortesá Li, despois de ver na rúa a un neno xogando coa sombra, fixo construír unha boneca que recordase á súa amada falecida prematuramente para reencontrarse con ela mediante a proxección de sombras chinescas. Independentemente do conto, o feito é que este tipo de teatro espallaríase por toda Europa ate chegar a España onde mesmo Goya se rendería aos seus encantos, e facendo deste un espectáculo de entretemento accesible á poboación. Un xeito de achegar ou revivir historias lonxanas ou mesmo fantásticas sen mais artificio que unha luz, unha pantalla, unha silueta e o maxín ou o recordo...
Nesta microópera, proposta particular de Nicolás Guindo estreada no Teatro da ESAD de Málaga a finais de 2017, flúen de xeito interesante dous ciclos schumannianos de distinta natureza: por un lado o liederístico Amor e vida de muller (Frauenliebe und Leben op. 42, 1840) para soprano e piano, que se impón no título; e por outro, o pianístico Escenas do bosque (Waldszene op. 82, 1848-1849). Amor e natureza, dous piares do romanticismo que Robert Schumann enfila cara ás luces e sombras; en fin, as emocións e o sentir máis profundo do ser humano.
O director malagueño suxírenos unha trama intimista que ten como protagonista unha moza burguesa do século XIX plenamente namorada do seu esposo, que se ve na obriga de marchar para a guerra, deixándoa na compaña dun fillo e dunha criada.
Dende ese punto de partida sucédese un amplo abano de momentos de gran inestabilidade emocional intercalando obras dámbolos dous ciclos. O resultado pretende ser unha confrontación contrastante entre as sublimes melodías da partitura coa crueza psicolóxica dos personaxes da posta en escena. Todo un reto vertebrado arredor da dor, do amor idealizado e da entrega incondicional dende a exposición dos máis recónditos sentimentos do ser.
O universal Robert Schumann (1810-1856) é unha das figuras máis significativas do romanticismo musical, xa non só pola súa labor compositiva de gran personalidade, senón tamén polas súas vivencias, ao fin e ao cabo, as dúas facianas imprescindibles á hora de elaborar un corpus de tan fonda afectividade.
Autodidacta de formación, debaterase na súa xuventude entre a literatura e a música, as súas dúas grandes paixóns. Curiosamente será o seu pai, libreiro de profesión, o que decida encamiñar ao seu fillo Robert baixo unha perspectiva práctica e produtiva Dereito, que non remata. Con 18 anos é cando recibe instrución musical oficiosa de mans de Friedrich Wieck, que pasará de mestre a difamador tras descubrir a súa relación en segredo coa súa xovencísima filla Clara (1819-1896).
Os namorados non deron en acougar un día, que era o que lle faltaba a Clara para cumprir a maioría de idade, e casan un 12 de setembro de -precisamente- 1840. A xa famosa pianista e compositora estaba a labrar un futuro como concertista de recoñecemento, e que deixa en segundo plano para completar a Schumann. Ela, a forza; el, a espiritualidade. Complemento perfecto.
En si, a posta en escena ven a enfatizar e incidir a pretensión da obra de Schumann. No caso do ciclo Amor e vida de muller, baseada no texto orixinal de Adelbert von Chamisso (1781-1838), son oito os poemas que harmoniza o compositor alemán e que fan un percorrido polos temperamentos que acarrexa a vida amorosa dunha moza dende a primeira vez que ve ao namorado ata que o despide. Dende a calma e sinxeleza de 1. "Seit ich ihn gesehen" (Dende que o vin) pasamos á vehemencia lograda a través dun ritmo incisivo no piano e aos adornos vocais de 2. "Er, der Herrlichste von allen" (El, o máis magnífico de todos), que aínda acadará cotas maiores de apaixonamento e felicidade plena con 3. "Ich kann's nicht fassen, nicht glauben" (Non podo comprendelo, crelo). Os seguintes, 4. "Du ring an meinem finger" (Ti, anel do meu dedo) e 5. "Helft mir, ihr schvestern" (Axudádeme, irmás) constitúen o momento de pedida e casamento, respectivamente. A moza, recoñécese segura e sosegada para dar o paso con firmeza no caso da primeira, e efusiva e entusiasta na seguinte. 6. "Süßer freund, du blickest" (Doce amigo, mírasme asombrado) reflicte o gozo e a quietude despois da entrega carnal; non así con 7. "An meinem herzen, an meiner brust" (Ao meu corazón, ao meu peito), referíndose ao instante da maternidade, onde o xúbilo ven remarcado polo piano cunha figuración áxil con arpexios nas dúas mans e ritmo incisivo. Nada que ver con 8. "Nun hast du mir den ersten schmerz getan" (Agora que me causaches a primeira dor), totalmente estático, baixo un ritmo lento, sen adornos e predominando notas longas e harmonías ásperas, tratando de mostrar a dor desgarrada e a exasperación da protagonista na despedida do finado.
Escenas do bosque, pola súa parte, aínda que está configurada por nove números exclusivamente pianísticos (1. "Eintritt" Entrada, 2. "Jäger auf der lauer" Cazador preparado, 3. "Einsame blumen" Flores solitarias, 4. "Verrufene stelle" Lugar embruxado, 5. "Freundliche landschaft" Paisaxe amigable, 6. "Herberge" O albergue, 7. "Vogel als prophet" O paxaro profeta, 8. "Jagdlied" Canción de caza e 9. "Abschied" Despedida) e totalmente alleos á temática do primeiro ciclo, non deixa de ter relación co concepto de música programática ao estar apoiada en textos literarios seguindo a intención do autor de propiciar no espectador unha imaxe ou un sentir. Neste caso só a número catro mantén o fragmento inicial.
Quizais o máis destacado deste romántico por excelencia sexa a base da súa linguaxe musical. Aínda que a literatura ten unha supremacía substancial e indiscutible, entendida case como condicionante da obra que inflúe ata na forma, non resta que soubera acadar un equilibrio co aspecto musical, fuxindo do virtuosismo fastoso e vaidoso, o que non implica que a súa música sexa sinxela, nin moito menos. Fixou un estilo persoal, adiantado á súa época, sempre perseguindo a expresión de sentimentos con sublime sensibilidade. En palabras do propio Schumann: «(...) a música é a forma artística que fai que o home sinta o principio superior do seu ser e sexa conducido dende a vulgaridade da vida cotiá ao Templo de Isis, onde a Natureza lle fala en sons divinos que nunca escoitara ata entón, pero que entende de seguida".
R. Schumann, Neue Zeitschrift für Musik (1834)
B. Cancela
20 de setembro de 2018 – 20.30 h
Christianne Stotijn, mezzosoprano
Maciej Pikulski, piano
Liederabend
JOHANNES BRAHMS
(1833-1897)
Bei dir sing meine Gedanken op.95.2
Wie Melodien zieht es mir op.105.1
Der Tod, das ist die kühle Nacht op. 96.1
Auf dem Kirchhofe op.105.4
Die Mainacht op. 43. 2
PIOTR ILICH CHAIKOVSKI
(1840-1893)
Sred' shumnogo bala, op. 38.3
Moy geniy, moy angel, moy drug
Kaby znala ja, op.47 nr.1
Kolybel'naja pesnja op. 16.1
Uzh gasli v komnatakh ogni op. 63. 5
Zakatilos' solace op. 73. 4
***** *****
GUSTAV MAHLER
(1860-1949)
Des Knaben Wunderhorn (Selección)
Rheinlegendchen
Das Irdische Leben
Nicht Wiedersehen
Wer hat dies Leidlein erdacht
RICHARD STRAUSS
(1864-1897)
Ständchen
Traum durch die Dämmerung
Schlechtes Wetter
Ruhe meine Seele
Zueignung
Christianne Stotijn, mezzosoprano
A mezzosoprano holandesa Christianne Stotijn naceu en Delft e estudiou violín e canto no Conservatorio de Amsterdam. Despois de obter o seu diploma de violín solista, continuou os seus estudios vocais con Udo Reinemann, Jard van Nes e Dame Janet Baker. Ao longo dos anos, Christianne ten gañado numerosos premios, incluido o prestixioso ECHO Rising Stars Award 2005/2006, o Borletti-Buitoni Trust Award en 2005 e o Nederlands Muziekprijs en 2008. En 2007 foi seleccionada como artista da BBC New Generation.
Christianne é unha apaixoada intérprete das cancións de cámara. Acompañada polos pianistas Joseph Breinl e Julius Drake, cos que forma dúo desde hai moito tempo, ten aparecido nos principais lugares de concertos do mundo. Ela regularmente selecciona música de cámara con músicos como o violista Antoine Tamestit, o seu irmán o contrabaixista Rick Stotijn e o Oxalys Ensemble.
O conductor Bernard Haitink tivo unha fonda influencia na carreira de Christianne. Baixo a súa dirección, actuou con orquestras como as do Royal Concertgebouw Orchestra, Sinfónicas de Boston, Chicago e Londres. Christianne tamén traballou con directores de sona mundial como Claudio Abbado, Ivan Fischer, Esa-Pekka Salonen, Yannick Nézet-Séguin, Andris Nelsons, Gustavo Dudamel, Mark Elder e Jaap van Zweden, interpretando repertorios que inclúen: La Mort de Cléopâtre e Les Nuits d’été de Berlioz, Sea Pictures de Elgar, Phaedra de Britten, Cancións e danzas da morte de Mussorgski, Rückert Lieder e Kindertotenlieder de Mahler, Neruda Songs de Peter Lieberson, Cinco Lieder Napolitanas de Hans Werner Henze, Wesendonck Lieder de Wagner e Siete Lieder de xuventude de Alban Berg.
Realizou diversas estreas mundiais de obras contemporáneas: Michel van der Aa dedicou conxuntamente o seu ciclo de cancións Spaces of Blank a Christianne Stotijn e á Royal Concertgebouw Orchestra en 2009. En 2013 protagonizou a estrea mundial de Totentanz de Thomas Adès nos Proms no Royal Albert Hall de Londres.
Christianne aparece regularmente no escenario operístico. Interpretou o papel de Pauline en A dama de picas na Ópera de París, Isabella de A Italiana en Alxer no Festival d'Aix-en-Provence, Ottavia en A coronación de Poppea na Dutch National Opera, Teatro Campoamor de Oviedo e o Teatro Arriaga de Bilbao. Cantou Cornelia de Xulio César no Théâtre da Monnaie en Bruxelas e na Ópera Nacional Holandesa. Outros compromisos importantes incluíron o rol principal en Tamerlano na Royal Opera House de Covent Garden e o papel de Brangäne na versión concerto de Tristan e Isolda de Wagner. En 2014 debutou como Marfa en Khovanshchina de Mussorgski na Ópera de Stuttgart.
As gravacións de Christianne Stotijn aparecen no selo Onyx. En 2010, o seu disco de cancións de Tchaikovski recibiu o Premio da Revista BBC Music. Para o sello ODM, Christianne gravou unha obra moi preto da súa sensibilidade: Die Weise von Liebe und Tod des Cornets, Christoph Rilke de Frank Martin, que lle valeu o Premio ECHO 'Liedeinspielung des Jahres 2008'.
Maciej Pikulski, piano
Pianista solista, músico de cámara e acompañante de recoñecidos cantantes, Maciej
Pikulski desenvolveu a súa carreira cncertística en máis de 300 salas de concertos dos 5 continentes. Diplomouse en piano, música de cámara e acompañamento vocal no Conservatorio Superior de París para máis tarde, rematar o ciclo de posgrao e acadar o Premio da Fundación France Telecom.
Discípulo de Dominique Merlet e Clive Britton (ex alumno de Claudio Arrau) Maciej Pikulski ten interpretado como solista o Totentanz de Liszt e Rhapsody in Blue de Gershwin no Festival Trancoso de Brasil, o Concerto en fa de Gershwin no Teatro Colon de Bos Aires e en Sao Paulo, o Concerto núm. 2 de Rachmaninoff en Logroño, o Concerto núm. 5 ‘Emperador’ de Beethoven en Biarritz (Francia), o Concerto núm. 2 de Chopin en Olsztyn (Polonia) e recitais de piano en Uruguay, Rusia, India, Sri Lanka, Italia, Alemania, España , Suiza, Polonia e Bélxica.
Mentres tanto, desenvolveu unha carreira como acompañante vocal de prestixiosos cantantes: actuou con José van Dam -concertos no Carnegie Hall, Nova York; La Scala, Milán; Théâtre Royal de la Monnaie, Bruxelas; Concertgebouw, Amsterdam; Teatro Colón, Bos Aires; Théâtre des Champs Elysées, París; con Renée Fleming - concertos en Salle Pleyel, París; Musikverein, Viena; Grand Theatre, Xenebra; Barbican, Londres; Festspielhaus, Baden-Baden; Dublin Concert Hall; Rudolfinum, Praga; ademais de colaborar con Thomas Hampson, Natalie Dessay, Diana Damrau, Dama Felicity Lott, Maria Bayo, Sumi Jo, Anna-Caterina Antonacci, Luca Pisaroni,
Laurent Naouri, Nicolas Testé, Joseph Calleja e Patricia Petibon.
Maciej Pikulski gravou 15 CDs e DVDs e impartíu clases maxistrais en China, Brasil, India, Bélxica, Holanda e Francia. Tamén é profesor titular en Musikene, Conservatorio Superior de Música de San Sebastián (España).
A prensa recoñeceu a súa "sensibilidade poética" (Globe and Mail, Toronto), a súa "poderosa técnica" (New York Times) e describiuno como "músico magnífico" (Le Figaro) e "gran pianista" (Corriere de la Serra).
De xenios e temperamentos
Catro son os temperamentos básicos que defende a teoría dos humores que xa dende a antiga Grecia viñeron espertando o interese de filósofos e estudosos, e catro os compositores deste programa cronoloxicamente dispostos; xenios singulares con vidas intensas que empregaron o lied como fin e medio para expresar a paixón, a desesperanza, a dor, o xúbilo... sentimentos universais e sempiternos do ser humano.
Segundo o seu amigo Joachim, Brahms (1833-1897) era "o egocéntrico máis intransixente" que coñecera. Este "clasicista consciente", pertencente xa á segunda xeración de compositores románticos, herdará do seu pai, contrabaixista de profesión, xa non só o amor pola música, senón tamén a tendencia ao alcohol e unhas vivencias que o marcarán ao longo da súa vida.
Partirá das directrices schumannianas do lied aínda que lle outorgará un sentido musical autónomo, independente do texto. No primeiro que escoitaremos, "Bei dir sing meine Gedanken" (Os meus pensamentos están contigo) op. 95/2 (1884) con texto de Halm, o compositor afonda no tratamento melódico con sinuosa sensibilidade. Nesta liña sucédese "Wie melodien zieht es mir" (Coma unha melodía) op. 105/1 (1886). Son cinco os lieder que configuran este ciclo ao que pertence esta canción de Groth.
Posiblemente influenciado polo romance coa xove cantante Hermine Spies, álzase como un dos máis representativos de Brahms. Trátase dun texto vaporoso que flúe co acompañamento, evocando o aspecto etéreo do proceso creativo. Cun carácter diametralmente oposto está "Der tod, das ist die kühle nacht" (A morte é coma unha noite xélida) op. 96/1 (1884) de Heine, composto nun momento exultante da súa produción vocal. A melodía camiña aletargada cara a postrema hora da morte, vista como un consolo, coma o máis plácido descanso. Sen dúbida, tema do romanticismo por excelencia: a vida e a morte, o corpo e a alma, o tempo pasado que non tornará, ao igual que en "Auf dem kirchhofe" (No cemiterio) op. 105/4 (1886) con letra de Detlev von Leliencron. Para pechar a selección, "Die mainacht" (Noite de maio) op. 43/2, segundo lied do ciclo Gesänge (1855-60, 1864-66, 1868) composto en Viena e editado en 1868. Ano crucial no que se consolida co Réquiem alemán en Bremen e declara os seus sentimentos a Julie Schumann, pese ao amor platónico que sempre manifestou pola súa nai Clara e o rexeitamento ao compromiso debido á misoxinia propiciada polas traumáticas experiencias vividas como pianista en burdeis dende moi novo.
Tamén un 7 de maio -coma Brahms- pero sete anos máis tarde nace Chaikovski (1840-1893). Enfermizo, hipocondríaco, triste, acomplexado, misántropo... son algúns dos cualificativos que o acompañaron, pero aínda así sempre foi un namorado da vida grazas ás súas dúas grandes paixóns: a música e a "calma tan bela" das paisaxes da súa Rusia natal.
Neste caso son seis as obras que configuran esta escolma: En primeiro lugar, "Sred' shumnogo bala" (No medio dun ruidoso baile) op. 38/3 (1878). Tolstoj é o artífice deste texto lánguido en moderato que canta a un amor a primeira vista alleo ao rumor dunha algarabía mecida cun apracible ritmo de valse ao piano. A continuación, "Moy geniy, moy angel, moy drug" (Meu gardián, meu anxo, meu amigo) (1857) constitúe, sen dúbida unhas das máis temperás e significativas cancións do ruso, de gran profundidade e sutil turbación. Nesta letra de A. Fet, o protagonista diríxese en primeira persoa a unha figura protectora que sempre o acompaña e custodia. No caso de "Kaby znala ja" (Se o houbera sabido) op. 47/1 (1880), poema de novo de Tolstoj sobre unha áxil melodía con ímpeto e carácter, trátase dunha lamentación da amada arrepentida pola inxenuidade coa que entregou o seu corazón a un gallardo cabaleiro que non deu en regresar. Tras este chega a quenda de "Kolybel'naja pesnja" (Canción de arrolo) op. 16/1 (1872). Maykov é o factótum desta letra que invoca ao vento, ao sol e a unha aguia como valedores dun neno que xace arrolado no berce. "Uzh gasli v komnatakh ogni" (A luz da habitación atenuouse) op. 63/5 (1887) é un claro exemplo da naturalidade innata coa que flúen as melodías na man de Tchaikovsky. Romanov aborda as lembranzas dun pasado nostálxico de xuventude e amor, onde a escuridade da noite e o silencio era o único indispensable e necesario. En derradeiro lugar, "Zakatilas' sontse" (A posta de sol) op. 73/4 (1893). Rathaus é o autor deste poema descritivo que recende placidez e incisiva sensibilidade grazas ao ritmo de bolero no piano.
E se algunha traxectoria musical ten alma de lied, esa é a de Mahler (1860-1911). Cunha personalidade hermética, atoparía na música un xeito de evadirse e superar os duros episodios familiares que lle tocou vivir. Con tan só 15 anos incorpórase aos estudos no Conservatorio da "odiada e amada Viena" iniciando un periplo profesional que o levará a relacionarse con persoeiros coma Schoenberg, H. Wolf, R. Strauss, Bruckner... Xudeu e nietzscheriano confeso, entre os adxectivos que o aluden están o de arrogante, independente, obsesivo, apaixonado, depresivo, solitario... mesmo achacándolle algún trastorno bipolar.
Ata vinte e dous lied chega a compoñer "o home dos mil brazos" a partir das letras tomadas da colección de tres volumes de textos populares alemáns (volkslieder), O rapaz da trompa máxica (Brentano e Arnim, 1806-1808). Pese a que o compositor non abandonará este xénero musical ata o final da súa vida, neste caso preséntansenos catro exemplos de xuventude, coincidindo coas estancias en Leipzig, Budapest e Hamburgo, período de crecemento profesional onde afronta grandes retos na dirección orquestral. Rheinlegendchen (Lenda do Rin) (1893) agocha, tras unha peza aparentemente sinxela e inxenua, un trasfondo máis astuto subxacente. No sentido oposto, Das Irdische Leben (A vida terrenal) (1893) é unha peza sinistra sobre un neno famento que implora á súa nai, aínda que Mahler, indo máis aló, sinala certo simbolismo coa constante busca espiritual e vital do ser humano dende o nacemento ata a morte. Tamén o lied lento e tráxico Nicht Wiedersehen (Non volver a verse), inmerso no caderno III do compendio de Cancións e tonadas de xuventude (1887- 1890) é unha despedida, unha separación da parella sobre a que ameaza o presaxio dun final tráxico para a amada. Pola súa parte, Wer hat dies Leidlein erdacht? (A quen se lle ocorreu esta cancionciña?) (1892) implica todo un reto vocal de gran dificultade.
Como o mesmo indica: "Quen non poda cantala/moi ben a asubiará", advertindo do complicado melisma final de 12 compases con figuración de semicorcheas.
Mesmo sería a dona deste, Alma Mahler, a que aseveraría da obra do seu admirado amigo e máis novo dos catro compositores, R. Strauss (1864-1949), que "é fermosa e nada máis. Nin quere ser outra cousa". Home complexo, reservado e contraditorio, agnóstico convencido, para o que a estabilidade, a intimidade e a sobriedade constituían a quintaesencia da súa personalidade.
O poeta alemán Schack é o autor da delicada letra de amor deste vivaz Ständchen (Serenata) op. 17/2 (1886), onde o piano aporta movemento co fluír áxil da melodía que Strauss compón no ano en que viaxa a Italia antes de asumir o posto de director en Múnic. A continuación seguirá, Traum durch die Dämmerung (Soñando a través do crepúsculo) op. 29/1 (1895), sobre o poema de Bierbaum, no que se anhela a amada e a terra lonxana, escrita un ano antes de casar con Pauline de Ahna, exalumna de canto que coñecera xa en 1887. En Schlechtes Wetter (Mal tempo) op. 69/5 (1918) de Heine, unha temperamental melodía enriquece o texto que narra as malas condicións climáticas que asoballan a unha vella que vai mercar os ingredientes para facerlle un doce á súa filla que placidamente descansa na casa. O vindeiro lied, con letra de Henckell, Ruhe meine Seele (Apacíguate, miña alma) op. 27/1 (1894), constitúe un canto desesperado por manter a calma ante as adversidades e que tamén apoia o piano, cun ritmo lento e acordes ásperos, esaxerando esa atmosfera de desesperada calma tensa. Halo que se esvaece co poema de Gilm, un cántico de agradecemento do home á súa amada por habelo liberado: Zueignung (Dedicatoria) op. 10/1 (1885).
En definitiva, un percorrido pola visión do lied destes catro xenios universais que cohabitaron e interactuaron practicamente nun mesmo momento histórico pese ás circunstancias individuais e as singulares personalidades, deixándonos unha brillante riqueza estilística que vai dende a primacía do texto, pasando pola inclusión de melodías folklóricas, poemas do acervo popular ou a preeminencia da musicalidade por enriba de todo; partindo, todos eles, da expresión individual para acadar a identificación global dos máis ecuménicos temperamentos.
B. Cancela
25 de setembro de 2018 – 20.30 h
Hanno Müller-Brachmann, baixo-barítono
Matthias Alteheld, piano
C.M. von Weber (1786 – 1826)
Die Zeit op. 13 núm 5
Meine Lieder, meine Sänge op. 15 núm. 1
Liebe-Glühen op. 25 (5 Deutsche Lieder) núm. 1
Was zieht zu deinem Zauberkreise op. 15 núm. 4, J. 68
Klage op. 15 núm. 2
Sind es Schmerzen, sind es Freuden op. 30 núm. 6
--------
F. Schubert (1797 - 1828)
O canto do cisne D957/D965A
Die Taubenpost D965A
Liebesbotschaft)
Kriegers Ahnung
Frühlingssehnsucht
Ständchen
Aufenthalt
In der Ferne
Abschied
Herbst D945
Das Fischermädchen
Am Meer
Die Stadt
Ihr Bild
Der Doppelgänger
Der Atlas
Hanno Müller-Brachmann, baixo-barítono
Hanno Müller-Brachmann traballa na actualide cos directores e cantantes máis influintes da escea musical actual como Sir Simon Rattle, Bernard Haitink, Daniel Barenboim, Andris Nelsons, Ivan Fischer, Christian Thielemann, Michael Gielen, Franz Welser-Möst, Herbert Blomstedt, Riccardo Chailly, Zubin Mehta, Christoph von Dohnanyi, Sir John Eliott Gardiner, Peter Eötvös, Marek Janowski, Sir Andrew Davis, Adam Fischer, Donald Runnicles e teno feito con outros tales como Sir Neville Marriner, Pierre Boulez, Nikolaus Harnoncourt, Claudio Abbado, Kurt Masur ou Sir Charles Mackeras.
O seu tesón levouno a orquestras como as Filharmónicas de Berlín, Viena, Nova York ou Londres, as Sinfónicas de Chicago, Boston e Shangai, orquestras de Cleveland, Gewandhaus de Leipzig, Concertgebow de Amsterdam ou as formacións estatais de Berlín e Dresden ao mesmo tempo que a Orquestra da Radio Europea.
Criado en Baden, comezou a súa educación vocal no Knabenkantorei de Basel. Estudou teoría da música baixo a supervisión de Ingeborg Most en Friburgo, atendeu a clases de canto en Dietrich Fischer-Dieskau en Berlín e cursou o seu posgrao baixo Rudolf Piernay en Mannheim, onde rematou os seus estudos. Gañar o certame nacional de voz de Berlín en 1992 na modalide junior e en 1994, na modalidade orquestral ademais do Meistersinger de Nüremberg en 1995 así como outros galardóns no Certame ARD de Múnic e o Neue Stimmen de Gütersloh en 1996, significou o inicio da súa carreira profesional. En 1992 fixo o seu debut no teatro de Friburgo con Donald Runnicles como director musical. En 1996 debutou na Ópera Estatal co Unter den Linden baixo a dirección Réne Jacobs.
En 1998 Daniel Barenboim incluíu a Hanno Müller-Brachmann durante os seus estudos na Ópera Estatal de Berlin onde cantaría as grandes pezas de Mozart pero tamén Orestes (Electra), Kaspar (O cazador furtivo), Amfortas (Parsifal) e Wotan (Rheingold) ata 2011. Como Amfortas (Parsifal) tamén actou en Sevilla dirixido por Barenboim, en Hamburgo baixo a batuta de Simone Young e en Budapest coa dirección Adam Fischer. Debutou no Carnegie Hall de Nova York no ano 2000 co Sinfónica de Chicago e Daniel Baremboim coa estrea da ópera What next de Elliott Carter, que for a xa interpretada na Ópera de Berlín. Tamén estreou a ópera Faustus – the last night de Pascal Dusapin en Berlín no rol de Mephisto. Dirixido por Michael Gielen e Sir Simon Rattle, interpretou Golaud en Pelleas et Melisande.
Os seus compromisos como invitado seguiron outros como en San Francisco, na Ópera de Múnic, Hamburgo, Viena ou no Teatro alla Scala de Milán. A frauta máxica en Módena, representando Papageno, coa dirección de Claudio Abbado foi gravada por Deutsche Grammophon e galardoada co Grammophone Award pola mellor actuación de ópera do ano.
O seu primeiro CD en Harmonia Mundi de Francia e o seu debut coa Orquestra Filharmónica de Berlín foi acompañada por Malcom Martineau. Outros debuts que tivo da mesma obra foron en lugares tales como Wigmore Hall de Londres, no Große Saal na Konzerthaus de Viena ou nos Summer Music Days en Hitzacker, nesa ocasión con András Schiff gravando dita actuación en CD. No Festival de Berlin, un recital na Filharmónica con obras de Antal Doráti e Modest Mussorgski e András Schiff no piano foi recollido en CD.
Daniel Barenboim, Philippe Jordan e Burkhard Kehring foron os seus pianistas acompañantes na Ópera de Berlín onde o cantante actuou en recital varias temporada. Na súa despedida, cantou acompañado por Hendrik Heilmann quen tamén o acompañou no Festival de Pascua da Filharmónica de Berlín en Baden-Baden e no Wigmore Hall.
Xunto co seu compañeiro Guido Heinke, asistíu a clases de canto na Dietrich Fischer-Dieskau en Berlín. Hanno Müller-Brachmann traballa habitualmente co pianista Hartmut Höll debido ao seu dominio técnico e escénico. Graham Johnson, Denés Varjon, Matthias Alteheld, Marcus Creed, Eric Schneider e Axel Bauni colaboran tamén de forma habitual como pianistas co barítono.
Como solista actuou en escenarios e salas de concerto tan importantes como no Concert Hall de Berlín, Concertgebouw de Amsterdam, Théâtre du Châtelet de París, Filharmónica de Essen, en Madrid, Graz, Tokio e festivais tales como os de
Schwarzenberg, Edimburgo, Ittingen, Saintes, Schleswig-Holstein ou Mecklenburg-Vorpommern. Hanno Müller-Brachmann foi galardoado en 1995 co Premio Brahms pola sociedade internacional Brahms Schleswig-Holstein.
Outro piar da súa carreira profesional e artística é a música relixiosa e o seu traballo sinfónico desde a época barroca ata a contemporánea quedando constancia na impresionante discografía do artista. O seu repertorio toca referencias tan importantes como J. S. Bach referente para todo cantante, pero tamén Mendelssonhn cos papeis de Elías e Paulus e ata pezas contemporáneas que enriquecen e seu repertorio. En marzo do 2017, por exemplo, o cantante presentou o Requiem-Strophen de Wolfgang Rihm coa Orquestra Sinfónica da Radio Bávara baixo a dirección de Mariss Jansons en Múnic e no festival de Semana Santa de Lucerna.
Desde o inicio da súa carreira, Hanno Müller-Brachmann estivo moi interesado na pedagoxía e ten asistido como relator durante a súa actividade na Ópera Estatal de Berlín (primeiro na Universidade de Berlin, e despois na Hochschule für Musik Hanns Eisler pero tamén dando clases de mestrado na Oper Studio de Berlín, a Ópera de Frankfurt, Escola de Música de Basilea ou en Tokio, sendo tamén mentor no consello da Música na Fundación Liz Mohn. Foi presidente do consello reitor do concurso vocal Bundeswettbewerb Gesang Berlín.
Como estudante, recibíu bolsas de estudos da Fundación Walter-Kaminsky, da Fundación da Academia Nacional Alemá e do expresidente Dr. Richard von Weizsäcker.
Hoxe en día é profesor na Hochschule für Musik en Karlsruhe, onde comparte a súa experiencia internacional coa seguinte xeración de cantantes. Foi responsable do departamento de canto e membro do claustro, e dende 2017 pertence o consello desa universidade.
Hanno Müller-Brachmann é membro asiduo no xurado do Concurso Bach en Leipzig e no Franz Schubert und die Musik der Modern de Graz. Vive en Karlsruhe cos cinco membros da súa familia.
Matthias Alteheld
O pianista Matthias Alteheld, naceu en Lemgo (Alemaña) e comezou os seus estudos co profesor Lasheras na Hochschule für Musik de Detmold especializándose na interpretación de recital co innovador dúo Mitsuko Shirai e Hartmut Höll na Hochschule für Musik de Karlsruhe onde se graduou con matrícula de honra. Ademais destes estudos xerais, realizou clases de mestrado con Dietrich Fischer-Dieskau, Renate Kretschmar-Fischer, Charles Spencer e Eberhard Felz. Matthias Alteheld foi galardoado en diversas competicións nacionais e internacionais, entre as máis importantes destacan o Paula Lindberg-Salomon, o Deutscher Musikwettbewerb de Berlín, a cuarta competición internacional de Franz Schubert und die Musik der Modern de Graz e o 1a Concurso Internacional de Stuttgart.
Este versátil pianista actúa regularmente en concertos e recitais de cancións cun extenso repertorio abarcando a obra completa do lied romántico alemá ao mesmo tempo que obras contemporáneas e pezas francesas, inglesas, españolas, rusas e escandinavas. Tocou en Berlín, Leipzig, Frankfurt, Múnic, Stuttgart, Londres, Viena e Helsinqui, entre outros, e foi invitado como invitado especial no festival Rheingau Musik e no Festspiele Mecklenburg-Vorpommern. Ten gravado para o Südwestrundfunk (SWR), o Norddeutscher Rundfunk (NDR) e o Bayerischer Rundfunk (BR). Na tempada 2010/11 foi convidado por Staatstheater Karlsruhe para actuar nunha serie de recitais. Traballa de forma habitual co baixo-barítono Hanno Müller-Brachmann, a soprano Evgenia Grekova e o barítono Wolfgang Newerla, entre outros.
Ademais da súa carreira como intérprete, Matthias Alteheld tamén da clases de mestrado, seminarios e conferencias sobre recital para audiencias non especialistas no tema. Durante varios de anos, foi regularmente invitado como organizador do
Musikalische Werkstattgespräche, un seminario de discusión e debate sobre música no foro de emprendedores de Baden Baden.
Despois de dar clase no Hochschule für Musik de Karlsruhe durante varios anos, en outubro de 2013 Matthias Alteheld conseguiu unha praza na Hochschule für Musik de Friburgo, o seu tema estrela nas aulas é explicar como dar vida as cancións en dúos artísticos.
Revolución e liberdade
Grandes palabras pero axeitadas para describir, xa non só unha nova era, senón tamén unha xeración de músicos reformadores. O mundo estaba cambiando a finais do século XVIII -tamén a música- e compositores como Carl María von Weber ou Schubert serán cruciais neste proceso á hora de redefinir unha realidade anquilosada.
Beethoven abrira paso á concepción do músico independente, Berlioz revolucionaba o concepto orquestral con grandes masas instrumentais e vocais e recursos sen precedentes, ao que se suma a reformulación dos instrumentos, perfeccionándoos pero tamén engadíndolles válvulas e teclas que incrementan o seu potencial, incluído o instrumento por excelencia do momento: o piano. Aparece a figura especializada do director, do intérprete e ata do virtuoso, que extrae ao máximo as posibilidades do instrumento e da partitura con sensacional espectacularidade, ao igual que se renovan as salas de concerto. Nacen asociacións e establécense as orquestras permanentes nos teatros de música. Unhas condicións propicias para dar renda solta á liberdade expresiva do músico entendido como artista emancipado que plasma no seu quefacer os máis temperamentais sentimentos humanos rompendo as normas preestablecidas e perseguindo, por enriba de todas as cousas, a beleza.
Aínda que na actualidade a súa presenza nos programas de concertos e óperas non é moi incisiva, Carl María von Weber (1786-1826) foi unha figura clave do primeiro romanticismo, mesmo anticipando técnicas máis relacionadas cunha xeración posterior coma o emprego do leitmotiv ou do folklore. De feito, será Wagner quen se encargue do traslado dos restos mortais do que sinalaba como "o máis xermánico dos músicos" dende Londres -onde falece trala estrea da ópera Oberón- ata Dresde en 1844. Cunha intensa traxectoria como pianista virtuoso, sempre demostrou unha tendencia particular cara ao ámbito literario e deu en compoñer óperas baixo unha visión global e con temáticas propias dun romanticismo posterior, establecendo un punto de inflexión con Der Freischütz (1821). Por non falar como director, sendo un dos primeiros que defendeu os ensaios por seccións e imprimiu á batuta gran autoridade.
Contabilízanse ata 70 os lieder de Weber, caracterizados principalmente por unha gran sinxeleza, tanto textual como musical e destacando a composición para guitarra e voz ou piano. No caso dos seis escollidos, son obras compostas entre 1808 e 1813, cando despegaba a súa carreira como intérprete de prestixio e tres anos antes de asumir o maxisterio de capela de Dresde. "Die zeit" (O tempo) op. 13/5 (1810) é un poema de Stoll sobre o que Weber realiza un acompañamento continuo enfatizando os pulsos; mesma idea que exemplifica ao comezo de "Meine lieder, meine sänge" (Miñas cancións, meu canto) op. 15/1 (1809), nesta ocasión de Löwenstein-Wertheim, e que muda por arpexios na sección máis lírica e voluble da voz. O texto de Gubitz, "Liebeglühen" (Amado resplandor) op. 25/1 (1812), require máis carácter e dinamismo na interpretación. Texto evocador que nos leva de xeito desasosegado polas sensacións que produce unha atmosfera natural. No caso do lied "Was zieht zu deinem zauberkreise" (Que atrae ao teu círculo máxico?) op. 15/4 (1809) de Müchler, complementa cun fermoso acompañamento o texto que nos fala dun amor inconfeso polo temor á perda do mesmo. Enérxico e con carácter irrompe "Klage" (Lamento) op. 15/2 (1808) con letra de Müchler, antes de pechar cun dos máis recoñecidos lieder sobre un poema de Tieck: "Sind es schmerzen, sind es freuden" (É dor, é alegría?) op. 30/6 (1813).
Tan só once anos máis novo era o seu contemporáneo Schubert (1797-1828).
Contrariamente á tónica habitual, apenas saíu da súa Viena natal e non tivo moita sona no seu tempo, en gran parte debido a que non desenvolveu unha faceta pública como director ou instrumentista, dedicándose á composición que compaxinará coa docencia ata 1818. Con tan só once anos ingresa como soprano no coro da capela da corte no Seminario Real e Imperial, onde ademais destacará como pianista, violinista e tamén como compositor, chamando a atención do que pasaría a ser o seu mestre, Antonio Salieri.
Titulada polo seu editor como O canto do cisne (1828) por ser o derradeiro opus do compositor, esta obra está configurada polos poemas pertencentes a tres autores: Rellstab, con oito aportacións; Heine, seis textos e Seidl, cunha controvertida obra da que se dubida se foi un engadido do editor: "Die Taubenpost" (Pomba mensaxeira). Constitúe unha melodía alegre, contaxiosa e animada, que induce ao movemento e que nos introduce na desbordante musicalidade das melodías schubartianas.
No que respecta aos lieder con letra de Rellstab, sempre baixo a temática amorosa, están dispostos dende un canto á esperanza ata chegar a un melancólico final facendo alusións ás estacións do ano e mesmo coa pertenza a un lugar. En "Liebesbotschaft" (Mensaxe de amor) o piano discorre raudo coma o río que leva a mensaxe á amada, contrastando coa inquietude de "Kriegers Ahnung" (Presentimento do guerreiro) con acordes tensos e notas graves que outorgan un halo de tristura cara a despedida da idolatrada. Como antítese, a acelerada "Frühlingssehnsucht" (Nostalxia primaveral), onde o piano latexa ao ritmo dun corazón desexoso por amar.
Tamén de gran beleza é a nocturna "Ständchen" (Serenata), mentres que dor e tenebrismo é o que acarrexa "Aufenthalt" (Estancia), facendo alusión ao refuxio de pranto e desconsolo do protagonista. Unha nostalxia polo abandono da terra de orixe que tamén atopamos en "Abschied" (Adeus) e no desesperanzado "Herbst" (Outono).
O bloque contiguo que aglutina os seis restantes poemas de Heine seguen a liña inicial aínda que observamos argumentos situados en contextos vencellados coa auga. Deste xeito "Das Fischermädchen" (A bela pescadora) é unha amable melodía que exalta o amor da muller que lidia co corazón do namorado, ou máis especificamente a canción "Am meer" (Xunto ao mar) que describe un mar dende a óptica do desamor; a mesma temática que "Die Stadt" (A cidade) onde o protagonista se lamenta pola perda da amada. Xa case para rematar, en "Ihr Bild" (O seu retrato) e "Der Doppelgänger" (O outro eu) o mozo clama a perda da amada námbolos dous casos baixo un halo sombrío que se enfatiza na segunda delas cun ritmo lento en acordes no piano e a voz do intérprete no seu rexistro grave. O cumio acádase con "Der Atlas" (O atlas), canción cruel e intransixente na que o intérprete se compara cun mundo de dor, recriminándolle ao seu corazón o feito de non ser feliz por culpa do orgullo.
B. Cancela