Este libro que se vai presentar o día 19 recolle algunhas crónicas de Lueiro Rey dende 1977 ata 1988. E non atopamos mellor xeito de facer un resumo do contido que as palabras do prólogo feito por Ramón Nicolás, que será quen presente o libro acompañado de Afonso Ribas:
Ao meu xuízo, o máis interesante destas prosas é sempre ese arrecendo de inconformismo cos tempos que vive e que expón desde unha dialéctica extraordinaria, sen deixar de recorrer ás veces ao exabrupto para axitar conciencias. Lueiro sempre di todo explicitamente: mostra o seu desacordo coa dirección que colleron as cousas desde a reforma política, amosando unha seria e sustentada desconfianza respecto do rumbo que ían adquirindo tanto a situación política galega como a española.